O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno central apoie ás comunidades autónomas na xestión do lobo e a defensa dos gandeiros

O Grupo Popular demandará no Pleno ordinario que se celebra a vindeira semana o apoio do Parlamento galego á rebaixa do nivel de protección do lobo e que o Goberno central apoie ás comunidades autónomas no desenvolvemento das accións oportunas e necesarias para a xestión desta especie e a defensa dos intereses dos gandeiros. Asemade, pedirá que a tramitación do proxecto da mina de Doade en Ourense, seleccionada como un dos sete proxectos en España para o procesado e reciclado de materias primas estratéxicas na Unión Europea, se leve a cabo consonte á normativa actual e sen ningún menoscabo ambiental, de tal xeito que so poida ser aprobado se cumpre toda a lexislación vixente, especialmente a medioambiental.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, lamentou “os dous apagóns que sufrimos onte todos os españois: o eléctrico e o informativo por parte do Goberno central”. Neste sentido, agradeceu o traballo desenvolvido polos profesionais de todas as administracións públicas, de xeito especial o realizado pola Xunta de Galicia, “que traballaron nunha situación complicada para mitigar os efectos que podía ter na cidadanía a falta de enerxía eléctrica”.

“Nos congratula que a gran maioría dos galegos poida gozar neste momento do normal subministro eléctrico” afirmou Pazos, quen demandou explicacións sobre o acontecido ao Goberno central “porque é un problema que afectou ao conxunto do Estado”. “Non sei que debe pasar en España para que se declare unha emerxencia nacional”, indicou.

Respecto da orde do día da sesión plenaria, o portavoz popular informou que terá lugar a comparecencia de dous conselleiros: o de Cultura, Lingua de Xuventude, para dar conta dos proxectos a curto e medio prazo que afronta este departamento; e o do Mar, para informar sobre a comercialización dos produtos pesqueiros ante as negociacións do acordo de libre comercio da Unión Europea con Tailandia.

APOIO Á REBAIXA DA PROTECCIÓN DO LOBO

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pretende que o Parlamento de Galicia manifeste o seu apoio á rebaixa do nivel de protección do lobo, restablecendo o equilibrio entre a necesaria preservación desta especie e as actividades gandeiras desenvolvidas no rural; ao tempo que se pide ao Goberno central que apoie ás comunidades autónomas no desenvolvemento das accións oportunas e necesarias para a xestión do lobo e a defensa dos intereses dos gandeiros.

Alberto Pazos lembrou que o Congreso acordou rebaixar a protección desta especie ao norte do río Douro, “o que supón unha corrección á errada decisión do Goberno de España de incluír en 2021 o lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial, adoptada de xeito unilateral, sen consultar coas comunidades autónomas afectadas, e sen ningún tipo de aval científico”.

“Esta decisión do Goberno de Pedro Sánchez privou ás comunidades autónomas de adoptar medidas de control sobre o lobo, o que dificultou a súa convivencia co sector gandeiro e derivou en perdas considerables aos propietarios polos ataques aos seus animais”, lembrou. Unha mostra desta preocupante situación foi que os avisos por danos provocados polo lobo se incrementaron cerca dun 77 por cento, ao tempo que as reses afectadas por ataques desta especie aumentaron nun 57 por cento, cunha media de dez animais atacados cada día.

IMPULSO Á ACTIVIDADE INDUSTRIAL

A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten que ver co impulso da actividade industrial en Galicia, en concreto a raíz da selección por parte da Comisión Europea da explotación da mina de litio de Doade en Ourense como un dos sete proxectos estratéxicos en España. “Esta decisión permitirá a esta explotación mineira dispor dun mellor financiamento europeo e nacional, así como contar cunha maior axilidade á hora de obter permisos para reducir a dependencia da Unión Europea de materiais estratéxicos procedentes doutras áreas do mundo”, explicou o portavoz popular.

Deste xeito, desde o Grupo Popular pedirase que se recoñeza a importancia das materias primas fundamentais e das materias primas estratéxicas para reforzar a autonomía estratéxica e reducir a dependencia exterior. Para iso, solicitarase no Pleno que a tramitación do proxecto da mina de Doade se leve adiante co máximo respecto á normativa actual, incluídas as esixencias do Regulamento Europeo de materias críticas, e, por suposto, sen ningún menoscabo medioambiental, e que non exista un posicionamento a favor ou en contra do proxecto da mina de Doade en tanto non haxa un pronunciamento dos técnicos competentes na materia.

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola sociedade Vivenda Pública de Galicia e de que xeito está a contribuír na promoción de vivenda pública, con destino á venda ou alugueiro, desde a súa creación en novembro de 2024. Asemade, solicítase unha valoración sobre o proceso de gobernanza realizado polo Goberno de Pedro Sánchez na planificación e execución dos recursos recollidos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España e pedirase información sobre os datos definitivos das listas de espera sanitarias correspondentes ao pasado ano 2024.