O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que acade o 1% do PIB en financiamento ás universidades no 2030

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central que participe de xeito claro no financiamento do Sistema Público Universitario e, en consecuencia, na consecución do obxectivo de acadar o 1 por cento do PIB en recursos públicos as universidades no 2030. Así mesmo, pídese que calquera reforma que se realice no sistema universitario que afecte ás comunidades autónomas sexa en dialogo con elas e sempre trasladando os fondos necesarios para a aplicación das medidas propostas.

A portavoz popular de Educación, Cecilia Vázquez, lembrou que “en Galicia está operativo o Plan de financiamento universitario 2022-2026, a través do que as universidades galegas reciben o maior apoio da historia ao mobilizarse arredor de 3.200 millóns de euros neste período, ao que se suman outras achegas adicionais como as vinculadas ao plan de infraestruturas universitarias”.

RECIBIR O QUE NOS CORRESPONDE

“Somos a primeira comunidade autónoma que acada o 1 por cento do seu PIB en gasto na universidade pública, cumprindo con moita antelación un obxectivo fixado para o ano 2030 e mellorando o que marca a Lei de universidades estatal para o conxunto de axentes públicos”, destacou.

Diante desta situación, Cecilia Vázquez demandou que o Ministerio de Ciencia e Universidades “poña dunha vez as cartas enriba da mesa e peche xa un plan para acadar ese 1 por cento do PIB en toda España”, pero advertiu que “non imos permitir que ese plan prexudique a Galicia e sexa penalizada con menos financiamento estatal por ter cumprido xa co obxectivo do 1 por cento”. “Se hai un plan de financiamento estatal para as universidades para acadar ese 1 por cento do PIB, Galicia debe recibir o que lle corresponde consonte ao esforzo realizado e que nos permite estar hoxe onde estamos”, indicou.

Para rematar, a portavoz popular afirmou que “o Goberno central non está actuando conforme ao obxectivo fixado e deberá incrementar o financiamento ás universidades, máxime tendo en contra que o Goberno central elaborou e aprobou a norma que establece esta meta de xeito universal sen contar coa colaboración das comunidades autónomas e sen o correspondente traslado de fondos para o desenvolvemento das medidas que recolle”.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que impulse unha nova Lei do Patrimonio Cultural

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central que impulse unha nova Lei do Patrimonio Cultural para modernizar e refundir a lexislación vixente en materia de patrimonio, en colaboración coa Comunidade galega, os concellos e as demais institucións públicas e privadas do sector.

O deputado popular José Luís Ferro lembrou que “o Goberno de Pedro Sánchez  presentou en 2021 un anteproxecto da nova Lei de patrimonio cultural, da que o Goberno galego se posicionou en contra por varios motivos: invadía as competencias das comunidades autónomas, trataba de recuperar para o Estado funcións que non é capaz de facer no día a dia, e impoñía ríxidos trámites burocráticos que dificultan a xestión do patrimonio e empeoran a atención á cidadanía”.

Porén, criticou que “este Goberno de España non foi capaz de sacar adiante esta norma, que incluía medidas que restaba eficacia e eficiencia á xestión dos poderes públicos en materia de patrimonio cultural, e que claramente invadía competencias autonómicas retrotraéndose a un proceso centralizador xa superado pola madurez das competencias das autonomías”.

RESPOSTAS E SEGURIDADE

“Galicia e as entidades que teñen incidencia sobre o patrimonio precisan respostas e seguridade, porque non podemos estar pendentes dos cambios de opinión de última hora dun Goberno de España que amosa, día si e día tamén, pouca capacidade de acción para as cousas importantes e moita celeridade cando se trata de manterse no poder a costa do que sexa”, afirmou.

Ferro demandou que o Goberno de Pedro Sánchez “reinicie as tarefas que deixou a medias e que se leve a cabo un debate con todos os actores públicos e privados que protexen e promoven o coñecemento do patrimonio cultural”, porque indicou que “a redacción do anteproxecto resulta hoxe moi xenérica e débese adaptar ao moito que se evolucionou e se innovou, incluíndo asuntos que hai 40 anos non existían”.

“A creación dunha nova Lei estatal de patrimonio cultural outorgaría a Galicia seguridade no exercicio das súas competencias”, indicou o deputado popular, quen anotou que “necesitamos unha lei sinxela e unificadora, que non adultere a cultura, pois a protección e promoción da nosa cultura debe ser o prioritario”.

O PPdeG afirma que a Xunta completará nas vindeiras semanas o informe de avaliación do estado dos murais de Lugrís na rúa Olmos de A Coruña e o custo que suporía o seu traslado

O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta completará nas vindeiras semanas o informe de avaliación do estado dos murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos e que determinará o custo que suporía a súa retirada e traslado a outro espazo na cidade de A Coruña que reúna as condicións adecuadas para a súa conservación. Porén, criticou “o desleixo do Goberno socialista de A Coruña, apoiado polo BNG, que non foi quen de facer unha aposta, nin económica nin política, por un proxecto cultural para a cidade ou pola protección da obra de Urbano Lugrís”.

Roberto Rodríguez lembrou que a Xunta, exercendo o seu dereito de tanteo, adquiriu por 36.000 euros os murais de Urbano Lugrís existentes en dúas casas unidas na rúa Olmos de A Coruña, unha vez que incoou o procedemento para declarar ben de interese cultural, na categoría de monumento, estas obras. “Fronte á actitude da alcaldesa, que deixou claro que o Concello non compraría os murais, o Goberno galego actuou con rapidez para salvagardar unhas obras tan importantes e sumalas ao patrimonio público de Galicia”, apuntou.

HIPOCRISÍA DO BNG

“O Goberno municipal de A Coruña, que o BNG apoia incondicionalmente, non fixo absolutamente nada nin para protexer os murais de Urbano Lugrís nin para que estas obras quedaran na cidade”, incidiu o deputado popular. Neste sentido, criticou que, logo de que a alcaldesa anunciara en abril de 2023 que se ía solicitar a tramitación da declaración destes murais como BIC, “tardaron once meses e só remitiron a solicitude ao día seguinte que a Xunta anunciou o seu interese por estas obras”.

Ademais, Roberto Rodríguez asegurou que “os murais quedarán en A Coruña pola aposta seria e decidida da Xunta, porque se fora polo interese e a dilixencia dos responsables municipais xa estarían hoxe nunha galería privada de Vigo, a pesar de que no seu programa electoral se comprometeron literalmente a recuperar os murais da rúa Olmos e crear en Fornos o Espazo Urbano Lugrís”. Agora, afirmou que o informe de avaliación sobre os murais “será unha boa base para sentar a conversar e tender pontes entre administracións para buscar a mellor solución”.

Para rematar, o deputado popular criticou a “hipocrisía do BNG ao traer hoxe ao Parlamento galego a súa preocupación polos murais de Lugrís en A Coruña, pedindo a outros o que non son quen de esixirlle que cumpra a alcaldesa, pese a facela e mantela no seu posto”.

O PPdeG reivindica os lazos que unen Europa e Galicia a través dos seus “intereses comúns”

Os representantes do Partido Popular de Galicia aproveitaron a súa presenza no Congreso do PP Europeo en Valencia para poñer de manifesto os lazos que unen Europa e Galicia a través dos “intereses comúns” que comparten no eido da vivenda, o sector primario, a pesca ou a competitividade industrial.

Así o quixeron destacar os eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nun Congreso, celebrado entre onte e hoxe, no que os representantes galegos trasladaron que “Galicia, ao igual que Europa, quere máis competitividade, máis defensa e un sector primario máis forte”.

“Este Congreso é importante para Galicia porque ratificamos que os intereses dos galegos coinciden cos de Europa”, explicou Millán Mon na mesma liña que o seu compañeiro Adrián Vázquez, que ten claro que entre os temas a tratar neste cumio están “non só os temas que importan a Europa e a España, senón tamén os temas que importan a Galicia”.

O eurodeputado lalinense aproveitou ademais para recordar a “aplastante” vitoria protagonizada polo Partido Popular en Galicia nas pasadas eleccións europeas. Unha vitoria grazas á cal, na súa opinión, “os intereses dos galegos son tamén defendidos na capital de Europa”.

Millán Mon tamén lembrou estes comicios e especialmente a súa campaña electoral, na que “Galicia se converteu por uns días no corazón de Europa” grazas á presenza da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na tradicional Romaría do Pino xunto ao presidentes Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.

O pontevedrés apuntou que tamén tivo un papel destacado nesta campaña a eurodeputada española, Dolors Montserrat, que neste Congreso será designada nova secretaria xeral do PP Europeo e que con motivo das eleccións europeas tivo a oportunidade de visitar Lugo, Ponteareas, Santiago de Compostela ou O Pino. De aí que celebre a elección como número dous dos populares europeos de alguén que “coñece ben Galicia”.

Por último, os representantes galegos en Valencia, encabezados por Paula Prado, subliñaron a importancia de que todo volva á normalidade en Galicia despois da caída do sistema eléctrico, unha emerxencia que seguiron con atención, en contacto en todo momento coa Comunidade.