Os deputados do Grupo Popular Miguel Figalgo, Loli Hermelo, Manuel Santos e Magdalena Pérez criticaron hoxe que o patrón maior de Rianxo “utilice o seu posto na confraría para facer oposición política á Xunta de Galicia e converter esta entidade nunha sucursal do PSOE”.
Nunha visita ao porto de Rianxo, acompañados do portavoz do PP neste concello, José Luís Castiñeiras, os deputados populares demandaron ao patrón maior de Rianxo “que aclare cando fala se o fai como representante da Confraría ou como concelleiro do Partido Socialista”.
“A Confraría non debe converterse nunha plataforma electoral do PSOE”, indicaron os deputados, e lamentaron que o patrón maior “estea utilizando permanentemente as necesidades das persoas que traballan no mar como trincheira política contra a Xunta”. Así mesmo, consideraron “lamentable que empregue o seu cargo no sector para medrar no PSOE e facer oposición política ao Partido Popular e á Xunta de Galicia, á vez que trata de manipular ao resto de confrarías da ría no seu propio beneficio político”.
CRÍTICA Á XUNTA, SILENCIO CONTRA O GOBERNO CENTRAL
Miguel Fidalgo lembrou que, “desde que este señor preside a Confradía, os resultados do pósito non paran de baixar, de xeito contrario ao que está acontecendo noutras entidades pesqueiras veciñas”, polo que lle demandou que “centre os seus esforzos en atender á súa responsabilidade na Confraría en lugar de facer campaña política permanente en contra da Xunta”. “Se quere traballar para o PSOE, que deixe o cargo de patrón maior”, manifestou.
“Non pode utilizar o marisqueo como ferramenta política para facer campaña para o PSOE”, sinalaron os deputados populares, quen consideraron “curioso que critique á Xunta mentres cala diante do Goberno de Pedro Sánchez, que se nega a eliminar as cotizacións sociais ao marisqueo ou a reducir o IVE do peixe e do marisco”.
Por este motivo, pediron ao patrón maior que “se realmente quere defender ao sector, que apunte cara a quen crea os problemas: cara a Pedro Sánchez e as súas políticas, e non cara a quen traballa todos os días para protexer o noso mar”.