O PPdeG asegura que a nova Lei de cooperativas de Galicia suporá un novo incentivo para a modernización, profesionalización e fortalecemento destas entidades

As deputadas do Grupo Popular Noelia Pérez e Cristina Campero salientaron hoxe que a futura nova Lei de cooperativas de Galicia, que a Xunta ten previsto aprobar este ano, suporá un novo incentivo para a modernización, profesionalización e fortalecemento destas entidades.

Noelia Pérez e Cristina Campero visitaron a Sociedade Cooperativa de Explotacion Comunitaria Antelana, en Xinzo de Limia, onde foron recibidas por un dos socios fundadores desta entidade, Celso Parra, quen lles informou que neste momento están en proceso de expansión e crecemento, un paso máis no seu compromiso co desenvolvemento económico da comarca e coa creación de emprego sustentable.

Pola súa banda, as deputadas populares trasladaron que “a celebración en 2025 do Ano Internacional das Cooperativas é o mellor momento para dar un paso máis no fortalecemento do cooperativismo en Galicia, como un piar fundamental da economía galega”. “Consideramos necesario impulsar as cooperativas como unha forma de emprendemento empresarial democrática, redistributiva e socialmente sostible, incentivando ao mesmo tempo esa labor promocional e informativa nos axentes intermedios”, indicaron.

COMPROMISO DA XUNTA

Na actualidade, en Galicia existen máis de 2.000 cooperativas, que facturan máis de 3.500 millóns de euros e xeran un impacto social anual superior aos 850 millóns de euros. Ademais, estas entidades contribúen á estabilidade laboral e á inclusión social, xerando emprego para mulleres, persoas maiores de 55 anos, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Noelia Pérez e Cristina Campero destacaron “o compromiso da Xunta co cooperativismo e a economía social, que se traduce nos case 45 millóns de euros que este ano destinará a este sector e se completa con esa nova Lei de cooperativas que ten previsto aprobar este ano da man de todos os axentes implicados, que permitirá adaptar a normativa á realidade actual do sector e do seu dinamismo, co obxectivo de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as existentes dándollo un pulo ao rexistro autonómico de cooperativas”.

INCONGRUENCIA DO BNG

Para rematar, as deputadas populares criticaron “a incongruencia amosada polo BNG respecto do apoio ás cooperativas galegas, xa que foron capaces, en só cinco días, de votar a favor e en contra dunha mesma proposta sobre estas entidades”. En concreto, explicaron que nas negociacións das propostas de resolución presentadas polos grupos parlamentarios no Debate de Política Xeral celebrado a pasada semana, o BNG rexeitou aceptar unha emenda do Grupo Popular, co que finalmente non resultou aprobada, que recollía literalmente o que cinco días despois apoiaron e se aprobou na Comisión 5ª do Parlamento galego.

Esta iniciativa parlamentaria instaba á Xunta a seguir impulsando a Estratexia Galega de Economía Social e a mellora da orde de apoios aos centros especiais de emprego para favorecer a inserción no mercado laboral. Ademais, pedíase avanzar nun novo marco regulador coa aprobación da nova Lei de cooperativas de Galicia neste ano 2025, co obxectivo de axilizar a creación de novas entidades e consolidar ás existentes.

“O Grupo Popular defendeu o mesmo tanto no Debate de Política Xeral como días despois na Comisión do Parlamento galego, o que da mostra da coherencia e da defensa do proxecto que defendemos e polo que traballamos, unha postura que contrasta totalmente coa incongruencia que amosou o BNG neste asunto: primeiro rexeita un acordo co Partido Popular e despois apoia esa mesma proposta sen ruborizarse nin o máis mínimo”, sinalaron.