O PPdeG consegue que o Senado avale a demanda ao Goberno central de crear cinco novos xulgados exclusivos de violencia de xénero en Galicia

Os representantes do Partido Popular de Galicia no Senado conseguen que a Cámara Alta avale a demanda dirixida ao Goberno de España para que poña en marcha cinco novos xulgados exclusivos de violencia de xénero en Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Lugo.

Na Comisión de Xustiza que tivo lugar esta mañá, a senadora galega e portavoz de Xustiza do Grupo Popular, Pepa Pardo, foi a encargada de defender a moción na que se insistía nesta reclamación –avalada tanto pola Xunta como polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia– e que, lamentablemente, foi aprobada sen contar co apoio nin do PSOE nin do Grupo Plural, ao que pertence o BNG.

“Para previr e combater a violencia de xénero é necesario contar con todos os medios posibles, tanto humanos como materiais. E iso é o que demandamos nesta moción que busca precisamente poñer a disposición das vítimas máis medios xudiciais”, manifestou na súa intervención.

Así mesmo, recordou que esta cuestión estaba tamén recollida nos dous acordos de investidura asinados “e incumpridos” entre o PSOE e o BNG. É máis, no primeiro deles “recollíase especificamente que estes cinco xulgados estarían en marcha en 2024 e xa estamos en 2025 e seguimos sen contar con eles”.

Pardo puxo en cuestión o anuncio de novas unidades xudiciais específicas para o ámbito da violencia sobre a muller realizado polo Ministerio xa que, tal e como advertiu, “as dúas de reforzo da Coruña e Vigo serán a costa da transformación dos xulgados de instrución xa existentes e as de Ourense e Santiago prestarán servizos comarcalizados e non exclusivos e individualizados”.

“Están desvestindo a un santo para vestir a outro”, resumiu afondando na situación de “colapso” e “sobrecarga de traballo” que, tal e como sinalou o propio Consello Xeral do Poder Xudicial, suporá a aplicación da Lei de Eficiencia da Xustiza aprobada polo Goberno –co apoio do BNG– na medida en que “os xulgados existentes terán que asumir máis competencias”.

O Grupo Popular asegura que a Xunta xa ten lexislado e está a cumprir todo o que pretende o BNG coa súa proposición de lei de cláusulas sociais e de igualdade na contratación

O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “o que pretende conseguir o BNG coa súa proposición de lei para a inclusión de cláusulas sociais e de igualdade na contratación pública xa está lexislada e se está a cumprir por parte da Xunta de Galicia”. “O fomento deste tipo de criterios xa se favorece a través de previsións legais, que á súa vez foron obxecto de desenvolvemento posterior para mellorar a súa aplicación e implantación”, apuntou.

Roberto Rodríguez manifestou que “a posibilidade de favorecer determinadas políticas públicas a través da contratación pública e da actividade subvencionadora é unha realidade xa implantada”. Así, enumerou varias normativas existentes ao respecto, como a Lei 14/2013 de racionalización do sector público autonómico, a Lei 1/2015 de garantía de calidade dos servizos públicos e da boa administración, a Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno ou a Lei 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

UNHA DÉCADA DE RETRASO

Ademais, a Xunta ten aprobado outras medidas de carácter non lexislativo neste eido, como a Guía para unha contratación pública socialmente responsable, o Catálogo de criterios de adxudicación para contratos de obra, o Catálogo de criterios de baremación para subvencións ou a Guía de contratación pública ecolóxica.

“Lamento que a sensibilidade sobre a responsabilidade social e sobre as cláusulas sociais lles chegue cunha década de retraso”, indicou o deputado popular referíndose á proposición de lei do BNG.

Para rematar, Roberto Rodríguez cuestionou aos nacionalistas galegos “cal é o seu modelo de contratación pública?”, ao respondeu que, “como quedou acreditado na recente comisión de investigación celebrada neste Parlamento galego, é o de Atlantic Ponte, esa consultora dirixida por persas moi próximas ao entorno da cúpula do BNG á que administracións nas que gobernan ou apoian ao goberno se lle teñen adxudicado contratos por importe de 3,6 millóns de euros, maiormente contratos a dedo”.

Galicia en grande

Nicole Grueira.

Galicia é hoxe unha terra con futuro. Unha comunidade que avanza con paso firme grazas á estabilidade política, á xestión eficaz e á confianza que os galegos e galegas seguen a depositar maioritariamente, eleccións tras eleccións, no Partido Popular de Galicia.

O recente Debate do Estado da Autonomía confirmou que Galicia está en boas mans. Mentres no Goberno de España reina a incerteza e existe unha dependencia de pactos fráxiles e intereses cruzados, na nosa Comunidade temos un executivo sólido, con rumbo claro, que coñece o territorio, escoita á cidadanía e actúa con responsabilidade. As medidas presentadas polo presidente Alfonso Rueda dan continuidade a un modelo de éxito: reforzo dos servizos públicos, apoio ás familias, impulso á actividade económica e loita decidida contra o desafío demográfico.

Temos un plan realista e ambicioso para a Galicia rural, para a Galicia que emprende, para a Galicia das novas xeracións. E fronte aos que viven instalados no NON permanente —como o BNG, máis preocupado en confrontar ca en construír—, o Partido Popular ofrece certezas, propostas e futuro. O NON do BNG só lles deixa ver unha Galicia en pequeno, unha Galicia que só os representa a eles.

Os populares galegos, en cambio, cremos na Galicia en grande, na Galicia que representa a todos os galegos; unha Galicia que avanza unida, sen exclusións nin fronteiras ideolóxicas. Unha terra que mira ao futuro con orgullo do que é e con ambición polo que quere ser. Esa é a Galicia que construímos desde o PPdeG e Novas Xeracións: con estabilidade, con diálogo e con feitos.

Galicia é presente, pero sobre todo, é futuro.