Rueda destaca os beneficios para Ourense das novas axudas para rehabilitar vivendas baleiras do Goberno galego

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, apunta á provincia de Ourense como unha das grandes beneficiadas das novas axudas para rehabilitar vivendas baleiras que anunciou no recente Debate sobre o Estado da Autonomía e que o Goberno galego porá en marcha nos próximos meses.

Tal e como subliñou esta tarde na Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense, esta nova liña de axudas é un exemplo da “aposta clave” do Executivo autonómico para revitalizar o rural, fixar poboación e recuperar patrimonio abandonado.

Acompañado polo presidente do partido na provincia, Luis Menor, e pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o líder dos populares galegos destacou que esta proposta, nacida das demandas que os representantes do partido trasladan de forma continua desde o territorio, terá un impacto directo e transformador.

Ao igual que o terán outras das medidas anunciadas no Debate sobre o Estado da Autonomía como é a execución do maior plan de residencias públicas da historia de Galicia. Un plan pensado para concellos pequenos e medianos e de especial relevancia en Ourense, onde o envellecemento demográfico é un reto central.

“Esta é a política de verdade: a política que transforma vidas e que se aplica a pé de obra nos concellos”, asegurou Rueda enxalzando a política de proximidade que practican os alcaldes e voceiros do partido na provincia e que os leva non só a ser a referencia dos veciños, senón tamén os garantes da conexión entre o territorio e o Goberno da Xunta.

O presidente concluíu que, por cousas como estas, os proxectos doutros partidos non calan nunha Comunidade que aposta pola estabilidade, a moderación e a seriedade. Tal e como demostra a confianza dos galegos e galegas no PPdeG: o partido da responsabilidade, da política útil e do respecto ás institucións e ás persoas.

UN PARTIDO REGRADO E RENOVADO

Luis Menor lembrou pola súa banda o compromiso que adquiriu para facer un partido regrado, cunha estrutura renovada, cos seus lexítimos representantes por toda a provincia e os seus correspondentes órganos de goberno e decisión. Neste sentido, subliñou que o PP de Ourense está nese camiño, afrontando en 2025 unha intensa fase de consolidación das agrupacións locais na provincia, e tamén na capital.

O presidente provincial destacou que en marzo comezou un amplo período congresual coas convocatorias xa celebradas do Barco de Valdeorras, Toén, Maside, A Bola e Cenlle. Congresos que continuarán desde finais deste mes con dez convocatorias máis: Os Blancos, Bande, Vilariño de Conso, San Xoán de Río, Monterrei, Sarreaus, San Amaro, Piñor, A Rúa, e Baños de Molgas.

O obxectivo, dixo, é seguir ofrecendo á militancia a estabilidade e a coordinación que necesita nos seus respectivos territorios, conformando os mellores equipos cara as eleccións locais de maio de 2027.

Para consolidar e normalizar a estrutura orgánica do partido, engadiu Luis Menor, tamén compre que as agrupacións locais estean en disposición de afrontar un congreso que axude a unir, ampliar e fortalecer o partido.

Deste modo, aprobáronse as xestoras locais de Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño e Allariz, así como a da cidade de Ourense, cuxo liderado asume Ana Méndez, logo tamén de asumir en xaneiro a portavocía do grupo municipal no Concello de Ourense.

Ademais de facer balance da actividade desenvolvida polo PP de Ourense, Luis Menor tamén destacou a positiva evolución da campaña de afiliación, con 165 novas altas desde comezos deste ano.

“Sen euforias que distraian a nosa atención”, afirmou, que este é o resultado dun intenso traballo que ten como fin achegar a mensaxe do PP a toda a sociedade ourensá, “como partido apegado á terra que somos”.