O PPdeG reivindica o galego como “patrimonio de todos os galegos” desde o convencemento de que “a nosa lingua é para unir e non para dividir”

O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe nun acto para conmemorar o Día das Letras Galegas que “a nosa lingua é para unir e non para dividir” e que, na medida en que forma parte da identidade de Galicia, “non pertence a ninguén máis que a todos e cada un dos galegos e galegas”.

Así o asegurou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na súa intervención no acto organizado polo partido esta tarde en Muxía, na Costa da Morte. Una intervención na que concluíu que a homenaxe deste ano á poesía popular oral galega, e en concreto ás cantareiras, supón “un canto á alma de Galicia” e un recoñecemento a todas aquelas mulleres que “ao longo da nosa Historia engrandeceron a nosa cultura co son das súas pandeiretas e coa forza da súa voz”.

“A Galicia moderna de hoxe non se entende sen a súa Historia e tradicións, do mesmo xeito que a Galicia orgullosa da súa lingua non se entende sen os cantos que lle deron voz e melodía, nin tampouco se entende a Galicia que se escribe en feminino sen a traxectoria de tantas mulleres valentes e poderosas que nos precederon”, asegurou.

Para a secretaria xeral do PPdeG, “ser conscientes do que somos é importante para reivindicar como queremos seguir sendo e cara onde queremos ir”. Algo que cobra especial relevancia nuns momentos nos que “todos xuntos temos a obriga colectiva de trazar o mellor camiño para a lingua galega”.

Por iso, quixo reivindicar que “mentres uns intentan apropiarse da lingua e ridiculizar a quen non a fala como eles, desde o PPdeG seguiremos falando galego”. Así mesmo, “mentres uns defenden modelos de imposición lingüística, nós seguiremos defendendo o bilingüismo cordial e a liberdade de cada persoa para expresarse na lingua que queira”.

“Mentres uns seguen instalados no conflito, na axitación e en rachar con todo, nós seguiremos poñendo en valor a importancia do pacto e dos acordos”, concluíu insistindo en que Galicia “é de todos os galegos e galegas, vivan onde vivan, pensen como pensen e falen como falen”.

LÓPEZ CAMPOS: “HONREMOS A QUEN FIXO DA SÚA VIDA UNHA DEFENSA DO GALEGO E DO SEU PRESTIXIO”

O acto foi conducido pola coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, que foi a encargada de dar paso ás diferentes intervencións e de presentar a Asociación Cultural Trubisquiña de Vimianzo, o grupo de cantareiras que interpretou tres pezas musicais.

O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos, defendeu que o Día das Letras Galegas é unha xornada para “honrar a quen fixo da súa vida unha defensa do galego e do seu prestixio” e que, por iso, as cantareiras “merecen o recoñecemento do pobo galego por facer da música un acto de identidade e erguer a súa voz para dignificarnos como pobo”.

Na súa opinión, todas elas “cumpriron a importante tarefa de manter viva a nosa lingua e, grazas á súa voz, o galego non deixou de escoitarse e puido pasar de xeración en xeración”. De aí a súa contribución á identidade colectiva de Galicia.

“Desde o PPdeG cremos que a mellor defensa da nosa lingua é a través da convicción e non da imposición e apostamos por defender o galego desde o convencemento de que é o noso maior tesouro e que debemos coidalo para legarllo ás novas xeracións”, concluíu comprometéndose a seguir traballando na defensa e o prestixio da lingua.

SANDRA VILELA: “TEMOS CLARO QUE NON HAI FUTURO SEN RAÍZ”

Pola súa banda, a voceira do partido en Muxía, Sandra Vilela, sinalou na súa intervención que “non é casual” a elección deste concello para celebrar un acto como este: “En Muxía apostamos pola cultura dándolle vida ás tradicións, dignidade á nosa lingua e espazo ás nosas raíces. Porque temos claro que quen non coida da súa cultura, acaba por esquecerse de si mesmo”.

“Facémolo porque estamos orgullosos do que somos, con orgullo, con convicción e sen complexos”, explicou apuntando a que con este homenaxe ás cantareiras a quen realmente se homenaxea é “ás nosas avoas, ás nosas nais e a todas esas mulleres que fixeron da voz unha ferramenta de resistencia e de identidade”.

Desde o orgullo e o agradecemento, quixo concluír facendo un chamamento a “ser conscientes de que herdamos algo que temos a obriga de conservar” e reivindicando que “se algo temos claro no PPdeG é que non hai futuro sen raíz”.

O Grupo Popular centrará na transferencia da AP-9 e na mellora do servizo ferroviario as súas demandas no Pleno da vindeira semana

O Grupo Popular centrará as súas demandas no Pleno da vindeira semana no ámbito do transporte, reclamando unha vez máis que o Congreso levante o bloqueo ao que ten sometido a tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9 a Galicia e pedindo que o Goberno central cese na súa discriminación a Galicia en materia ferroviaria, tanto na reposición da frecuencia de servizos, a venda anticipada de billetes ou a chegada do AVE a todas as cidades galegas.

Ao remate da Xunta de Portavoces, onde a Mesa do Parlamento galego deu conta da cualificación da candidatura de María Concepción Pombo Otero á Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Sanidade para informar sobre as políticas da Xunta en materia de prevención de enfermidades e vacinación.

TRATAMENTO INDIGNANTE COA AP-9

Dentro do apartado de proposicións non lei, o Grupo Popular insistirá, unha vez máis, na demanda para que a Mesa do Congreso levante o bloqueo ao que ten sometida a tramitación da proposición de lei, aprobada por unanimidade neste Parlamento galego, para a transferencia da AP-9 a Galicia. Alberto Pazos considerou “indignante” o tratamento que está a recibir esta proposición de lei, con case 50 aprazamentos do prazo de presentación de emendas, ante o que anunciou que “imos seguir insistindo nesta demanda ata conseguir que se poña fin a esta actitude obstrucionista e denigrante que está a sufrir a transferencia da AP-9 a Galicia”.

A segunda proposición non de lei do Grupo Popular está relacionada co transporte ferroviario e a través dela pídense varias cuestións “para que os galegos poidamos gozar dun servizo ferroviario de calidade que realmente atenda as nosas necesidades”.

FRECUENCIAS, BILLETES E CHEGADA DO AVE

En concreto, a iniciativa pide que se repoñan de inmediato todas as frecuencias ferroviarias suprimidas durante a pandemia e que, a día de hoxe, aínda non se teñen recuperado; que se elabore un plan de continxencia que avalíe as causas e posibles solucións ante as frecuentes incidencias que sofren os usuarios do tren en Galicia, co obxectivo de garantir o cumprimento de tempos de viaxe e de horarios; que se dote ás cidades de Lugo e Ferrol de alta velocidade, de xeito que as súas estacións tamén reciban trens AVE; e que cese, dunha vez por todas, a discriminación que para Galicia supón as diferentes políticas de venda anticipada de billetes por parte de Renfe, facilitando a planificación de viaxes e o acceso a prezos máis competitivos.

Por último, no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas novidades do novo Plan Estratéxico de Xuventude 2025-2027, dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos, que conta con máis de 130 medidas e dispón de máis de 700 millóns de euros de orzamento; sobre os beneficios acadados en 2024 polos cidadáns galegos na adquisición de vehículos que tributan ao 3 por cento, logo de que a Xunta habilitara axudas para a adquisición de vehículos usados, diminuíndo o tipo de gravame para a súa compra en 5 puntos porcentuais, ao pasar do 8 ao 3 por cento; e pola valoración que fai o Goberno galego sobre o conflito que afecta á cooperativa de vivendas en alugueiro social no barrio de Xuxán en A Coruña, onde a imposición de novas esixencias por parte do Instituto de Crédito Oficial está a botar abaixo as expectativas de acceder a unha vivenda a un prezo accesible e lonxe do carácter social da promoción.