O PPdeG reclama ao Goberno central que poña fin ao “colapso ferroviario” que sofre Galicia para “non lastrar as oportunidades da mocidade galega”

O Partido Popular de Galicia reclama ao Goberno central a adopción, con urxencia, de todas as medidas necesarias para resolver a situación de “colapso ferroviario” que sofre a nosa Comunidade en canto “está a limitar as oportunidades e o benestar da mocidade galega”.

Faino a través dunha iniciativa que os populares galegos veñen de rexistrar no Parlamento galego logo de que Novas Xeracións de Galicia trasladara o “calvario” que sofren a diario milleiros de mozos que “ven os seus plans en suspenso por mor da falta de trens, da escaseza de conexións, das dificultades para atopar un billete que lles asegure chegar ao seu destino ou mesmo das deficiencias que en ocasións provocan que a viaxe se interrompa durante o traxecto”.

Trátase dunha iniciativa que esta mañá presentou a presidenta da organización xuvenil do PPdeG e deputada autonómica, Nicole Grueira, nas inmediacións da estación de tren de Lugo acompañada polos presidentes de NNXX na provincia, Miguel Gallego, e na cidade, Santiago Amedo, e outros compañeiros xunto aos que reclamou “uns servizos ferroviarios de calidade á altura dunha Galicia de calidade”.

A elección da estación ferroviaria da capital lucense non foi casual, xa que, tal e como asegurou, Lugo é “unha das provinciais máis incomunicadas de Galicia”. Referiuse así ao feito de que “todas as estradas nacionais se atopan en mal estado, as autovías están sen rematar e a nova estación intermodal verá limitadas as súas capacidades ao non ter acceso aos servizos de Alta Velocidade”.

Por todo isto, a iniciativa parlamentaria subliña que “é necesario esixir solucións ao Goberno de España para que Galicia conte cunha rede ferroviaria que funcione, que respecte aos seus usuarios e que devolva á mocidade a capacidade de planificar a súa vida sen incertezas”.

O PPdeG urxe ao Goberno central que corrixa as deficiencias detectadas na dragaxe da ría do Burgo

O Grupo Popular demandará no Parlamento de Galicia ao Goberno de España a finalización inmediata dos traballos de saneamento e recuperación da ría do Burgo en A Coruña, corrixindo todas as deficiencias detectadas pola Confraría de Pescadores na execución dos traballos realizados durante a dragaxe. Ademais, esixe ao Goberno central que cumpra coas compensacións económicas correspondentes ao parón da actividade extractiva dos mariscadores da ría do Burgo ata que os bivalvos acaden a talla comercial unha vez rematada a dragaxe.

O deputado popular Jesús María Fernández Rosende, acompañado da deputada provincial Izaskun García Gorostizu, mantiveron un encontro con membros da Xunta Xeral da Confraría de A Coruña no que se lles trasladou as iniciativas que o Grupo Popular defenderá no Parlamento de Galicia para que o Goberno de Pedro Sánchez atenda as demandas dos mariscadores afectados pola dragaxe da ría do Burgo.

24 DOS 27 BANCOS MARISQUEIROS AFECTADOS

En concreto, Fernández Rosende lembrou que un informe elaborado por técnicos da Confraría de Pescadores de A Coruña alerta de que a dragaxe “tivo un impacto máis significativo e maior do esperado sobre os bancos marisqueiros”. En concreto, falan de cambios na cota, nas características granulométricas e da presenza de irregularidades nas superficies dos bancos marisqueiros causadas pola maquinaria pesada empregada para a actuación, o que afectou gravemente á actividade marisqueira ao reducir a superficie produtiva e está a poñer en risco a sustentabilidade da actividade do marisqueo.

“Por desgraza, a dragaxe da ría afectou directamente á produción de 24 dos 27 bancos marisqueiros existentes na ría do Burgo e neste momento a súa recuperación e produtividade están lonxe de arranxarse”, indicou o deputado popular, polo que considerou urxente que o Goberno central proceda á corrixir todas as deficiencias derivadas da dragaxe realizada, que xeraron un impacto negativo nos bancos marisqueiros ao reducir a superficie produtiva e poñen en risco a sustentabilidade da actividade.

MANTEMENTO DO PLAN DE AXUDAS

Ademais, Fernández Rosende insistiu na necesidade de que o Goberno central cumpra coas súas obrigas e, unha vez rematadas as obras de dragaxe, manteña o plan de axudas que compensen aos mariscadores da ría do Burgo ata que recuperan a normalidade e retomen a súa actividade habitual.

“O Goberno de Pedro Sánchez dispón de fondos suficientes procedentes do remanente de 16 millóns de euros que sobrou do orzamento previsto para a realización da dragaxe, xa que a obra foi contratada por 32 millóns de euros cando o orzamento inicialmente previsto superaba os 48 millóns de euros”, explicou o deputado popular.