Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez acompañaron esta mañá aos participantes na XI edición do Día do Pequebasket de Carballo, unha iniciativa que conta coa colaboración da Xunta de Galicia dentro do seu programa de actividades dirixidas ao fomento do deporte entre a mocidade galega.
Rubén Lorenzo destacou que o Día do Pequebasket de Carballo “converteuse nun referente a nivel galego e tamén nacional polo impulso que supón para o fomento da actividade deportiva entre os máis pequenos de Bergantiños e de toda Galicia”. En concreto, nesta edición participan 475 nenos e nenas de entre 5 e 8 anos de idade integrantes de 44 equipos pertencentes a 25 clubs de toda a Comunidade galega.
“Estamos a falar dunha actividade que se organiza todos os 17 de maio e está organizada polo Basket Xiria de Carballo, a quen agradecemos o seu traballo na organización desta xornada festiva para pequenos e familias que, en moitos casos, supón o primeiro contacto cun evento de convivencia deportiva”, sinalou o deputado popular.
Así mesmo, Rubén Lorenzo destacou a colaboración da Xunta neste evento do mesmo xeito que está a facer con outras competicións, tanto federadas como escolares. En concreto, referiuse aos case 250.000 escolares de entre 6 e 16 anos de toda Galicia que gozan das axudas prestadas pola Administración galega, destacando, sobre todo, os máis de tres millóns de euros que cada ano se destinan ao contrato do seguro deportivo que os cubre nas súas competicións.