O Parlamento galego solicita a posta en marcha do Plan Estratéxico do Comercio

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a posta en marcha o antes posible do Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 co fin de abordar os principais desafíos aos que se enfronta o sector, en coordinación coas administracións e da man do sector.

A deputada popular Felisa Rodríguez explicou que o sector do comercio galego abrangue máis de 32.000 establecementos comerciais, un feito que sitúa a Galicia na quinta posición entre as comunidades autónomas con maior número de empresas de comercio retallistas, empregando a preto de 107.000 persoas.

“O Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 é unha folla de ruta que naceu do consenso colectivo e da escoita e as achegas do sector”, salientou a deputada popular, que apuntou que “se vertebra en 16 medidas que se concretan en 74 accións específicas, para as que se destinarán nos vindeiros seis anos 320 millóns de euros”.

En concreto, un primeiro eixo deste plan vai dirixido á mellora da competitividade, co impulso da dixitalización, a modernización dos espazos comerciais, o incremento da capacitación profesional, o impulso do emprendemento e a continuidade dos negocios viables ou a remuda xeracional.

En segundo lugar, fomentarase unha maior visibilización do comercio, a través de figuras clave como os centros comerciais abertos, as prazas de abastos, o comercio ambulante ou os obradoiros artesanais.

Por último, en terceiro lugar, potenciarase a colaboración institucional e a gobernanza, coa creación da nova Mesa do Comercio Galego; a cooperación con entidades como a Federación Galega de Municipios e Provincias, as cámaras de comercio e os recintos feirais; ou o reforzo do labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a favor dos dereitos das persoas consumidoras.

Alberto Pazos cualifica de “nova aldraxe” do Goberno central a redución do 25% do financiamento do Plan Corresponsables, que se suma aos 2.500 millóns que debe a Galicia polos servizos da dependencia

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe a decisión do Goberno central de reducir un 25 por cento o seu financiamento do Plan Corresponsables, “unha nova aldraxe ás políticas sociais que prestan as comunidades autónomas e que no caso de Galicia se suma aos máis de 2.500 millóns de euros que o Estado nos debe pola prestación dos servizos da dependencia”.

Alberto Pazos informou que o Grupo Popular presentou unha iniciativa no Parlamento galego a través da que se esixe ao Goberno central, e máis en concreto ao Ministerio de Igualdade, que manteña o financiamento íntegro e estable da totalidade do Plan Corresponsables, sen recortes ni demoras para que as comunidades poidan continuar prestando os mesmos servizos de conciliación familiar que viñan facilitando desde a súa posta en marcha no ano 2021.

XA SE VÍA VIR

“Estamos a falar dunha decisión que xa se vía vir desde que o Goberno de Pedro Sánchez anunciou o pasado ano que o financiamento deste plan, que ía ser bianual, so cubría o 2024, deixando as posibles aportacións para presente ano 2025 no aire”, lembrou o portavoz popular, quen lamentou que “as sospeitas convertéronse en realidade hai poucos días cando na Comisión Sectorial de Igualdade se comunicou aos representantes das comunidades autónomas que o Plan Corresponsables ía contar cun 25 por cento menos de orzamento”.

Ademais, Pazos considerou “máis grave que teñan que ser as propias comunidades autónomas as que asuman este recorte, poñendo do seu peto ese 25 por cento que nos quitan, coa ameaza de que, de non facelo, as comunidades non recibirán carto algún do goberno para a realización deste programa”. “Esta decisión adóptase cando os orzamentos autonómicos, como é o caso de Galicia, xa están executados nunha porcentaxe moi importante ou, na maioría dos casos, xa comprometidos noutras actuacións sociais, o que complica, aínda máis, a dotación dos fondos necesarios desde a Xunta para a realización deste Plan Corresponsables”, explicou.

UN AGRAVIO MÁIS CON GALICIA

O portavoz popular manifestou que esta decisión “supón un agravio máis e un novo prexuízo para as políticas sociais das que gozan todos os galegos, que se suma ao incumprimento da Lei de dependencia e á débeda de máis de 2.500 millóns de euros que xa ten con Galicia pola atención ás persoas dependentes”.

Neste sentido, asegurou que “imos seguir demandando ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra con Galicia e lle outorgue un trato semellante ao das demais comunidades autónomas, especialmente no caso dos máis de 2.500 millóns de euros que nos debe pola prestación dos servizos de dependencia, porque a súa submisión aos deputados vascos para manterse na Moncloa derivou esta mesma semana noutro novo desprezo a Galicia, ao facerse público que o Goberno de Pedro Sánchez comprometeuse, nun acordo bilateral asinado para manterse no Goberno, a achegar ao País Vasco o 50 por cento do financiamento dos servizos da dependencia”.

Alberto Pazos engadiu que, fronte a este trato de privilexio ao País Vasco, “en Galicia sufrimos o pasado ano unha nova rebaixa da aportación do Goberno central para a prestación dos servizos da dependencia, ao pasar dunha achega do 40 por cento no ano 2023 ao 34,9 por cento do pasado ano 2024”. “Son máis de 5 puntos que o Goberno de Pedro Sánchez lle restou ao financiamento da atención aos dependentes galegos, unha nova burla para todas estas persoas que precisan destes servizos e que non se merecen que o Goberno de España os trate como cidadáns de segunda”, lamentou.

Por último, e referíndose á sesión plenaria celebrada esta semana no Parlamento de Galicia, Pazos recordou que “asistimos, unha vez máis, ao teatro ao que nos teñen acostumados os socialistas galegos: votando en Galicia, unha e outra vez, a favor de solicitar a transferencia da AP-9 á nosa Comunidade pero boicoteando, semana tras semana, e xa van 48 prórrogas, a tramitación no Congreso da proposición de Lei que faría realidade este traspaso”.

“Hai que ter moi pouca vergoña para non poñerse colorados cando os socialistas pulsan no Parlamento galego o botón a favor da transferencia ou para pedir á Mesa do Congreso que facilite a tramitación da proposición non de lei, sabendo de antemán que a situación non vai mudar porque a Presidenta socialista do Congreso vai seguir aprazando sine die a tramitación do traspaso da AP-9 a Galicia porque o Goberno de Pedro Sánchez non está pola labor de levala adiante”, afirmou.