Rueda asegura que Galicia será “fundamental” na vitoria de Feijóo nas próximas eleccións porque os galegos valoran “a política seria e con sentidiño”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, amósase convencido de que, chegado o momento, Galicia será “fundamental” na próxima vitoria electoral de Alberto Núñez Feijóo porque o presidente nacional do PP “sabe que gobernar consiste en resolver e ter palabra e non en crear problemas e mentir” e porque os galegos “saben o que vale a política seria e con sentidiño”.

Así o manifestou esta mañá ante os máis de 4.000 asistentes á tradicional Romaría Popular do Pino, aos que animou a seguir apoiando como ata o de agora a “unha persoa que os galegos coñecemos, valoramos e sabemos todo o que pode facer” para que “canto antes” chegue á Moncloa e poida atender as demandas de Galicia.

“É o momento dicir a todos os españois que aquí houbo un gran presidente de Galicia e moi pronto haberá un gran presidente de España”, manifestou Rueda facendo referencia ao Congreso Nacional no que, tal e como adiantou, o PPdeG “aportará, construirá e traballará con forza para levar a Feijóo á presidencia”.

O líder dos populares galegos reiterou que así o farán porque “non queremos unha España dividida, a escuras e desigual” e porque “é o momento de deixar claro fronte aos do ‘non’ que Galicia nin admitirá nunca ser máis que ninguén nin consentirá que a fagan de menos”.

Referiuse así aos que “desde a Moncloa din ‘non’ á transferencia da AP-9, ao reparto dos fondos europeos, á mellora dos servizos ferroviarios, á execución das obras pendentes e ao financiamento dos servizos públicos”. E, do mesmo xeito, ao BNG “do ‘non’ a todo” e ao PSOE que “di sempre ‘si’ a todo o que sexa malo para Galicia”.

Facendo unha contraposición entre as propostas da oposición e a realidade da nosa Comunidade, o presidente Rueda reiterou que o PPdeG “seguirá dicindo ‘si’ a Galicia fronte aos do ‘non’ ao turismo, á liberdade lingüística e a todos aqueles investimentos e industrias que necesitamos para que a xente nova poida traballar aquí”.

“Non queremos unha Galicia pequena, pechada, enfurruñada e na que só sexa válida unha única forma de pensar. O que queremos é unha Galicia grande, aberta, sorrinte e plural que siga traballando con orgullo e confianza no futuro”, concluíu.

DIEGO CALVO: “GALICIA É A PROBA DE QUE SE PODE GOBERNAR BEN”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, quixo poñer de manifesto que “mentres en Madrid se suceden os escándalos e as cesións a quen desexa romper en España, Galicia é a proba de que se pode gobernar ben e de que é posible unha xestión seria e responsable”.

Agradeceu así ao presidente Alfonso Rueda que día a día traballe por “construír un futuro de unidade e de progreso para a nosa terra e demostrar que a política de estabilidade, seriedade, xestión e compromiso real coa cidadanía sempre funciona”.

Unha forma de entender a política que, tal e como explicou, é a “esencia” do Partido Popular e que fai tamén de Alberto Núñez Feijóo “o líder que España necesita” para construír “un futuro con unidade, con integridade e coa firme determinación de limpar a política española da corrupción e devolvela ao servizo dos cidadáns”.

Diego Calvo quixo poñer en valor tamén o traballo do partido na provincia da Coruña “estando a pé de rúa e coñecendo de primeira man o que necesita cada veciño” e amosouse especialmente orgulloso dos seus alcaldes e alcaldesas na medida en que “demostran con feitos o que significa gobernar con sensatez, responsabilidade e proximidade”.

O PPdeG salienta que máis de 81.000 maiores da provincia de Lugo xa se poden beneficiar dos descontos e facilidades do Carné +65

Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato salientaron hoxe que máis de 81.000 maiores da provincia de Lugo (8.000 na comarca de Lemos) xa se poden beneficiar dos descontos e as facilidades para o acceso a servizos culturais, de ocio ou sanitarios que ofrece o Carné +65. Neste momento, preto de 800 establecementos de toda Galicia, dos que máis dun cento atópanse na provincia de Lugo (13 na comarca de Lemos), xa están adheridos a esta iniciativa da Xunta.

Raquel Arias e José Manuel Mato reuníronse co director do Hotel-Balneario Augas Santas de Pantón, Santiago Villanueva, e animaron a todos os maiores da provincia de Lugo a beneficiarse das vantaxes do Carne +65, que ofrece descontos directos de ata un 30 por cento nunha ampla variedade de servizos e establecementos turísticos, comerciais e de ocio de toda Galicia.

TOTALMENTE GRATUÍTO

O Carne +65 é totalmente gratuíto e os usuarios poden acollerse ás vantaxes que neste momento xa ofrecen arredor de 700 establecementos de toda Galicia, unha cifra que está previsto se achegue ao milleiro ao remate do presente ano.

Os deputados populares explicaron que “todas persoas de 65 ou máis, que estean empadroados en Galicia, están a recibir ou xa recibiron o Carné +65 nos seus domicilios”. “No caso de non ser así, poden solicitalo a través da dirección de correo electrónico xestion.carne65.maiores@xunta.gal, e seralles remitido á dirección que o soliciten”, indicaron.

Así mesmo, os establecementos que desexen adherirse a esta campaña poden facelo directamente a través da páxina web habilitada pola Consellería de Política Social para coñecer todo sobre o Carné +65 (https://politicasocial.xunta.gal/sites/w_polso/files/carne65/), espazo dixital no que tamén se pode consultar os establecementos participantes e os descontos que ofrecen aos usuarios. Todos eles disporán dun distintivo para que os clientes coñezan que participan nesta iniciativa.

O PPdeG contrapón as axudas da Xunta para os gandeiros afectados polos ataques do lobo co desinterese amosado polo Goberno central

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, e a tamén deputada popular Magdalena Pérez salientaron as axudas dispostas pola Xunta para os gandeiros afectados polos ataques do lobo, que este ano se incrementaron nun 49 por cento. Porén, lamentaron “o desinterese do Goberno central na protección e apoio destes gandeiros, desde a súa defensa par o mantemento do lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial ata o castigo á Comunidade galega ao negarlle o abono de 8 millóns de euros por non ter asinado a Estratexia Nacional do Lobo”.

Nunha visita á explotación gandeira Nuveira no concello coruñés de Mazaricos, acompañados do portavoz do PP neste concello, José Manuel Caamaño, Gonzalo Trenor lembrou que o Goberno galego destinará este ano unha partida de 5,9 millóns de euros a paliar e prever os danos ocasionados pola fauna silvestre e para garantir a súa convivencia coas actividades do medio rural.

BO ESTADO DE CONSERVACIÓN

Respecto das axudas para compensar os danos do lobo, as axudas incrementáronse este ano un 49 por cento, ata superar os 910.000 euros. En concreto, os afectados poderán acollerse a estas axudas para afrontar os gastos veterinarios da eutanasia dos animais atacados como para posibles abortos derivados do acto de depredación.

“Os gandeiros e agricultores tamén dispoñen de axudas da Xunta para implantar medidas de prevención que eviten o ataque do lobo ou doutras especies silvestres, para o que existe unha partida orzamentaria superior aos 2,5 millóns de euros”, apuntou o portavoz de Medio Ambiente. Con esta liña de subvencións finánciase desde a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, ata pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada.

Gonzalo Trenor e Magdalena Pérez lamentaron “o escaso apoio que desde o Goberno central recibiron os gandeiros ante os ataques do lobo, incluíndo esta especie no listado do Lespre e que supuxo un incremento do número de manadas nestes últimos anos”. No caso de Galicia, o aumento foi dun 37 por cento e que o lobo se estendera pola práctica totalidade da xeografía galega, o que trouxo aparellado unha suba do 77 por cento do número de avisos por danos e un 57 por cento do número de reses afectadas.

“Felizmente, a situación variou totalmente coa aprobación no Congreso da rebaixa da protección do lobo ao norte do río Douro, unha decisión que corrixía a errada decisión adoptada polo Goberno de Pedro Sánchez en 2021 e que mantivo todo este tempo malia que a Comisión Europea e o Convenio de Berna se mostraron favorables a rebaixar a protección desta especie, ao entender que se atopaba nun bo estado de conservación”, explicou Gonzalo Trenor.

O PPdeG pide aos concellos aplicar os contratos reservados a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción

Os deputados do Grupo Popular Noelia Pérez e Argimiro Marnotes pediron hoxe aos concellos aplicar os contratos reservados a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, reforzando o compromiso municipal coa igualdade de oportunidades e coa integración laboral das persoas con diversidade funcional. Ademais, demandaron ao Goberno central un esforzo adicional para compensar o impacto da recente suba do salario mínimo interprofesional no financiamento dos custos salariais destes centros de emprego.

No transcurso dunha visita ao centro especial de emprego Aspamadis de Ourense, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes agradeceron o labor que desenvolven estas entidades sociais, “que cada día demostran que outra forma de facer empresa é posible”.

Os deputados popular lembraron que a lexislación vixente establece a posibilidade de que os concellos reserven contratos ou determinados lotes dos mesmos a centros especiais de emprego de iniciativa social ou a empresas de inserción. Deste xeito, afirmaron que “a reserva de contratos constitúe unha ferramenta esencial para avanzar na integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social, garantindo oportunidades reais de acceso ao emprego para estes colectivos que atopan maiores barreiras no mercado laboral ordinario”.

OPORTUNIDADE FUNDAMENTAL

“Poren, ben sexa por descoñecemento, por falta de vontade política ou pola ausencia de directrices claras, moitos concellos están a deixar pasar unha oportunidade fundamental para promover a inclusión social desde a contratación pública”, sinalaron os deputados populares, polo que consideraron “necesario que a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias colaboren para informar e incentivar aos concellos ofrecéndolles ferramentas útiles e apoio técnico para aplicar os contratos reservados dun xeito eficaz, garantindo a legalidade e cumprindo que os dereitos de as persoas máis vulnerables sexa unha prioridade real”.

Durante a visita, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes tamén analizaron o impacto que terá sobre a competitividade dos centros especiais de emprego o incremento do salario mínimo interprofesional aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez fóra do diálogo social e sen unha avaliación previa do seu efecto nos diferentes axentes do mercado laboral.

“Non se pode esixir ás entidades sociais que sigan facendo un traballo esencial sen garantirlles os recursos necesarios para soster os seus custos”, afirmaron. Así, demandaron ao Goberno central “un esforzo adicional par compensar o impacto da recente suba do salario mínimo interprofesional no financiamento dos custos salariais dos centros especiais de emprego e das empresas de inserción”.