O PPdeG destaca o impulso da Xunta a un ensino máis equitativo, moderno e adaptado coas novas axudas e matrícula dixital

A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, destacou hoxe, tras unha xuntanza coa ANPA O Carregal do IES Francisco Aguiar de Betanzos, que a Xunta de Galicia segue avanzando na súa aposta pola igualdade de oportunidades no sistema educativo, incorporando esta semana dúas novas medidas: unha desgravación fiscal de ata 105 euros para libros de texto e material escolar, e a posibilidade de formalizar a matrícula educativa mediante o teléfono móbil.

Segundo explicou Vázquez, estas iniciativas complétanse co esforzo da Xunta por garantir a gratuidade educativa desde a escola infantil ata a universidade, ademais das axudas xa vixentes para a adquisición de material didáctico.

 DESGRAVACIÓN DO 15% PARA MÁIS FAMILIAS

A nova desgravación permitirá ás familias con rendas per cápita entre 10.000 e 30.000 euros deducir ata un 15 % do gasto en libros e material escolar, cun máximo de 105 euros. A medida, dirixida a alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria, estenderá o apoio económico a fogares que ata o de agora non tiñan acceso ás axudas existentes.

A portavoz popular fixo fincapé na importancia de que as familias conserven as facturas das compras realizadas entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2025, para poder incluílas na declaración da renda do ano seguinte.

MATRÍCULA MÁIS ÁXIL E DIXITAL

Por outra parte, Cecilia Vázquez puxo en valor a nova funcionalidade da plataforma AdmisionAlumnado, que permitirá formalizar a matrícula escolar directamente desde o móbil, mediante certificado dixital ou Chave 365. A medida simplificará o proceso tanto para as familias como para os centros educativos, reducindo a carga administrativa.

As familias só terán que acceder á plataforma, premer na icona de matrícula e revisar ou modificar os datos precargados antes de completar o trámite en liña, incluídas as materias optativas.

“Con estas novas medidas, a Xunta continúa fortalecendo un modelo educativo máis equitativo, moderno e adaptado ás necesidades das familias galegas”, concluíu Vázquez.

O PPdeG esixe ao Concello de Mondariz-Balneario que proceda urxentemente a incoar o procedemento para declarar como BIC a fonte de Troncoso para pedir as axudas do 2% cultural

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña, Felisa Rodríguez e Manuel Santos esixiron hoxe aos responsables municipais do Concello de Mondariz-Balneario que “se poñan a traballar e procedan urxentemente a incoar o procedemento para a declaración da fonte de Troncoso como ben de interese cultural, xa que é o camiño máis rápido e seguro para poder acceder ás axudas con cargo ao programa 2% cultural destinados á restauración desta emblemática obra do arquitecto Antonio Palacios”.

Acompañados da portavoz do PP en Mondariz, Marisa Domínguez, Julio García, Felisa Rodríguez e Manuel Santos explicaron que “un dos requisitos principais para poder optar a estas axudas estatais é que esta fonte estea declarada como ben de interese cultural ou, cando menos, teña iniciado o expediente para a súa declaración”.

INICIATIVA NO PARLAMENTO DE GALICIA

“Por este motivo, é fundamental e urxente que desde o Concello de Mondariz-Balneario se poñan a traballar para iniciar a tramitación desta declaración, para o que contarán coa total disposición da Xunta tanto no proceso de tramitación da solicitude como na elaboración da documentación necesaria para a incoación do expediente”, sinalaron.

Os deputados populares lembraron que “o pasado 23 de maio xa rexistramos no Parlamento de Galicia unha iniciativa parlamentaria a través da que pedimos ao Concello de Mondariz-Balneario que leve a cabo os trámites necesarios para solicitar formalmente a incoación do expediente da Fonte de Troncoso como BIC, o que suporía un paso determinante para garantir a conservación e posta en valor desta obra representativa do arquitecto Antonio Palacios”.

Julio García, Felisa Rodríguez e Manuel Santos garantiron que o Concello tamén “contará colaboración e apoio da Xunta na posterior solicitude de axudas ao Goberno central con cargo ao programa 2% cultural, co obxectivo de recuperar un ben patrimonial símbolo da tradición termal e do patrimonio histórico deste municipio”.

O PPdeG esixirá no Parlamento de Galicia que o Goberno central manteña os servizos e horarios actuais na estación ferroviaria de A Gudiña

Os deputados do Grupo Popular Miguel Ángel Viso, Cristina Campero e Víctor Baladrón defenderán no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno de España e a Renfe que manteñan os servizos e horarios actuais na estación ferroviaria de A Gudiña-Porta de Galicia, solicitando que calquera cambio futuro no servizo se realice atendendo os criterios de equilibrio territorial e garantindo as frecuencias que permitan a mobilidade funcional dos usuarios do interior de Galicia.

Os deputados populares, que mantiveron un encontro con portavoz do PP en A Gudiña, José María Lago, e representantes municipais deste e doutros concellos da comarca, criticaron que a reorganización da oferta ferroviaria no corredor de Alta Velocidade Galicia-Madrid, prevista polo Ministerio de Transportes para a súa entrada en vigor o vindeiro 9 de xuño, “supón un claro prexuízo para os usuarios da estación de A Gudiña-Porta de Galicia, xa que se van reducir considerablemente o número de servizos dispoñibles”.

TRES SERVIZOS MENOS CADA DÍA

En concreto, lembraron que no traxecto A Gudiña–Madrid suprimirase o tren matinal das 8:28 e das 9:14 horas, que permitía chegar á capital antes das 10:34 horas, “co que resultará imposible chegar a Madrid antes das 14:08 horas, facendo imposible realizar xestións ou trámites durante a xornada de mañá”. Así mesmo, no traxecto Madrid-A Gudiña tamén se suprimirá o último servizo das 19:17 horas, quedando como último do día o das 18:06 horas.

“É intolerable que o Goberno de Pedro Sánchez, coa escusa de reducir os tempos da viaxe entre as grandes cidades, elimine servizos esenciais no interior de Galicia, limitando gravemente a mobilidade dos habitantes das comarcas de Monterrei, Viana ou Valdeorras”, sinalaron os deputados populares, quen tamén apuntaron que esta decisión “suporá un prexuízo considerable para os milleiros de peregrinos da Vía da Prata e do norte de Portugal que utilizaban esta estación como o seu principal punto de acceso á rede de alta velocidade”.

Ademais, subliñaron que esta reorganización dos servizos dificultará os desprazamentos de ida e volta no mesmo día, restando funcionalidade e utilidade a unha infraestrutura que mobilizou máis de 107.000 viaxeiros desde a súa apertura en decembro de 2021.

O PPdeG salienta que a Xunta deu esta semana dous novos pasos na equidade e a igualdade no ensino galego coa desgravación de 105 euros para libros e material ou a matrícula polo teléfono móbil

Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e Enrique Barreiro salientaron hoxe, logo dunha xuntanza celebrada coa ANPA do Colexio Doutor López Suárez de Friol, que a Xunta “deu esta semana dous pasos máis na súa estratexia pola equidade e a xeración de igualdade de oportunidades no sistema educativo galego”. En concreto, referíronse á nova desgravación fiscal de ata 105 euros á que cada familia con fillos en idade escolar poderá acollerse pola compra de libros de texto e material escolar, así como a posibilidade de realizar a matrícula escolar para o vindeiro curso nos colexios e institutos a través do teléfono móbil.

Cristina Sanz e Enrique Barreiro explicaron que “o Goberno galego continúa cumprindo o seu obxectivo de apoiar ás familias con fillos en idade escolar, logo de implantar a gratuidade desde a escola infantil ata rematar os estudos universitarios ou as axudas que xa existían para a merca de libros de texto ou material escolar”.

ATA UN 15% DO GASTO REALIZADO

No caso da nova desgravación de ata 105 euros para a adquisición de libros de texto e material escolar, os deputados populares concretaron que “vai dirixida ás familias con rendas per cápita superiores aos 10.000 euros e ata os 30.000 euros, con fillos matriculados en educación primaria ou educación secundaria obrigatoria”. “Deste xeito, abrimos o abano de familias beneficiarias de axudas para manuais ou material, xa que ata agora só se recibían axudas as familias con rendas anuais per cápita inferiores aos 10.000 euros”.

A través destas novas axudas, cada familia poderá desgravarse ata un 15 por cento do gasto realizado en libros de texto e material escolar, “cantidade que se determinará en función do importe das facturas correspondentes ás compras realizadas para este fin entre o 1 de xullo e o 31 de decembro deste ano 2025, polo que é importante que cada familia conserve os xustificantes da compra para incorporar a súa contía na declaración da renda que se presentará o vindeiro ano”, indicaron.

BENEFICIO PARA FAMILIAS E CENTROS ESCOLARES

Por outra banda, sobre a posibilidade que o Goberno galego abre para realizar a matrícula nos colexios e institutos a través do teléfono móbil, os deputados populares sinalaron que esta medida “non só beneficia ás familias, senón tamén aos procesos administrativos dentro dos centros escolares, xa que permitirá reducir a súa carga de traballo e facilitar a xestión interna”.

Cristina Sanz e Enrique Barreiro aseguraron que “o proceso é moi sinxelo: as familias poderán realizar a matrícula dos seus fillos accedendo á plataforma AdmisionAlumnado, onde se autentificarán con certificado dixital ou Chave 365”. A partir de aquí, deberán premer na icona de matrícula, onde xa aparecerán precargados os datos persoais dos pais e dos alumnos e desde onde poderán facer as modificacións que consideren oportunas tanto de identificación como de optativas do curso, antes de realizar a matrícula en liña.