O Grupo Popular pedirá no Parlamento galego que o Goberno centra cumpra a Lei ELA e a dote do financiamento necesario

O Grupo Popular esixirá ao Goberno central no Parlamento de Galicia que cumpra o recollido na Lei ELA e concrete o financiamento para as persoas que padecen esta enfermidade. Neste sentido, salientou que a Xunta convocará este 2025, por terceiro ano consecutivo, as axudas para enfermos de ELA e as súas familias, aos que destinará 3 millóns de euros para sufragar as súas necesidades.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, e a tamén deputada Katy Varela mantiveron un encontro con representantes do Grupo Compostela, responsables da organización e acompañamento para que os enfermos de ELA realicen o Camiño de Santiago, unha iniciativa que este ano levarán adiante entre os días 3 e 10 de setembro.

Neste encontro avanzouse, ademais, que Monforte de Lemos será escenario o vindeiro 22 de xuño da primeira marcha solidaria pola ELA-Memorial Germán Vázquez, organizado pola asociación Agaela Galicia, para a que as deputadas populares amosaron o seu apoio e colaboración.

SETE MESES Á ESPERA DAS AXUDAS

As deputadas popular avanzaron aos representantes do Grupo Compostela que o Grupo Popular presentará no Parlamento de Galicia unha iniciativa para esixir ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra urxentemente coa Lei ELA, aprobada hai sete meses no Congreso pero que a día de hoxe segue sen financiamento para frustración de enfermos e familiares.

“En contraposición, a Xunta volverá a poñer a disposición dos afectados pola ELA axudas por un importe de 3 millóns de euros, nunha mostra do compromiso do Goberno galego con estes enfermos e as necesidades que teñen, tanto no ámbito da adquisición de produtos de apoio, aparatos de aire acondicionado, adaptación do domicilio ou da contorna, a compra dun vehículo adaptado ou atención fisioterapéutica, de rehabilitación ou psicolóxica”, manifestaron.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en convocar axudas directas e automáticas para os enfermos de ELA e as súas familias, achegando arredor de 12.000 euros a unha media de 200 beneficiarios cada ano de xeito inmediato e sen realizar complicados trámites burocráticos.

Así mesmo, a Xunta reforzou nestes anos a atención clínica e a valoración da dependencia, poñendo en marcha unha vía preferente para as solicitudes de dependencia das persoas con ELA.