Alfonso Rueda reivindica o “Estilo Galicia” de xestión fronte a un PSOE máis ocupado nos corruptos que nos cidadáns

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o “Estilo Galicia” de facer política baseándose na xestión, na busca de solucións a problemas reais e no sentidiño en contraposición a un PSOE “en descomposición” e centrado en protexer a corruptos a costa de abandonar á cidadanía.

Así o manifestou na súa intervención no xantar conmemorativo dos 30 anos de goberno do PP de Vilanova de Arousa, con Gonzalo Durán á fronte e no que estivo acompañado tamén pola secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.

Unha intervención na que situou ao alcalde da vila como referente dese “Estilo Galicia” á hora de gobernar con sentidiño, con corazón e sen liortas inútiles. Algo que foi posible grazas a que, na súa opinión, Durán nunca perdeu de vista o importante: estar ao lado da xente, escoitar, pisar a rúa, mirar aos ollos dos seus veciños e ofrecer solucións.

Precisamente iso é o que explica que, tras tres décadas, o PP siga gobernando en Vilanova de Arousa coa mesma ilusión e cunha vocación de servizo público que permitiu que este concello pasase de ser unha vila pequena a converterse nun referente industrial, cultural e turístico con dinamismo e orgullo.

Alfonso Rueda tamén tivo palabras para a situación política nacional e en concreto á “insostible” corrupción que asola a un PSOE e a un Pedro Sánchez aos que pediu que deixen de protexer a corruptos a costa de abandonar á cidadanía. Porque, tal e como manifestou, o que España e Galicia necesitan é un Goberno de verdade, que traballe con seriedade, con cabeza alta e mans limpas.

O PPdeG destaca que a Xunta ten en marcha 385 vivendas públicas na comarca do Salnés dentro do seu plan para construír 8.000 en toda Galicia

Os deputados do Grupo Popular María Deza e Raúl Santamaría destacaron hoxe que a Xunta xa ten en proceso de construción 385 novas vivendas na comarca do Salnés, dentro do seu obxectivo na presente lexislatura de duplicar o número de vivendas públicas ata chegar ata as 8.000 en toda Galicia e desenvolver solo para 25.000 novas vivendas, 20.000 delas protexidas e 5.000 libres.

María Deza e Raúl Santamaría, en compañía do deputado nacional Juan Bayón e a voceira do Partido Popular, Ana Granja, visitaron a parcela sita no barrio de Marxión de Vilagarcía onde a Xunta, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, construirá 10 vivendas publicas, unha vez que a mesma sexa cedida polo Concello.

OUTRAS ACTUACIÓNS

Así mesmo, os deputados populares lembraron que o Goberno galego licitou o pasado 4 de abril, por un orzamento de 568.911 euros, o servizo de redacción do proxecto de interese autonómico e o proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de 6,2 hectáreas entre a avenida das Carolinas e as rúas Coca e Arealonga de Viilagarcía de Arousa, onde se prevé a construción doutras 350 vivendas.

Ademais, a estes dous ámbitos súmase a parcela que o Concello de Sanxenxo cederá en Mourelos, na parroquia de Noalla, para a construción de 25 vivendas.

“Estamos a falar de 385 novas vivendas na comarca do Salnés, dentro do obxectivo do Goberno galego de duplicar nesta lexislatura o número de vivendas públicas e desenvolver solo para 25.000 novas vivendas en toda Galicia”, salientou María Deza.

Pola contra, os deputados populares criticaron a falta de compromiso do Goberno central en materia de vivenda, logo de que anunciara a súa intención de impulsar un Acordo Estatal de Vivenda para os anos 2026 a 2030 na Conferencia de Presidentes celebrada a pasada semana, pero finalmente non levou adiante ningunha proposta nesta materia.

ANUNCIO PROPAGANDÍSTICO

“Todo quedou nun anuncio propagandístico máis do Goberno de Pedro Sánchez, porque, tal e como xa explicou o Presidente Rueda, non se puxo enriba da mesa proposta formal algunha nin existiu diálogo institucional efectivo sobre vivenda antes, durante ou despois na citada Conferencia de Presidentes”, criticou Raúl Santamaría.

Diante desta situación, os deputados populares anunciaron a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa para esixir ao Goberno de España unha proposta formal e detallada para iniciar a negociación real dun Acordo Estatal de Vivenda 2026–2030, acompañado de cronogramas, financiamento, e garantías de execución que atendan as peticións, propostas e necesidades manifestadas polas comunidades autónomas.

Así mesmo, pedirase a convocatoria da Conferencia Sectorial de Vivenda, que leva desde o mes de outubro sen reunirse, como foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao autogoberno e a diversidade.