Alberto Núñez Feijóo recibe o apoio maioritario da militancia en Galicia para revalidar a presidencia do Partido Popular

Alberto Núñez Feijóo recibiu 10.342 votos e o apoio do 98,58% da militancia en Galicia logo do proceso, celebrado hoxe, de votación á súa candidatura como presidente do Partido Popular nacional.

A participación neste proceso situouse no 90,43%  dos máis de 11.600 inscritos. Ao longo da xornada acudiron aos 53 locais de votación habilitados nas catro provincias galegas: 23 na Coruña, 7 en Lugo, 12 en Ourense e 11 en Pontevedra, onde a pesar da calor rexistrada na Comunidade, a afluencia foi constante.

Todos eles abriron as súas portas ás 9:00 horas desta mañá sen rexistrar incidencias e culminaron o proceso de votación ás 20:00 horas, logo dunha xornada que transcorreu con total normalidade e que constatou a esperanza e a ilusión que concita Alberto Núñez Feijóo non só como presidente nacional do partido, senón tamén como futuro presidente do Goberno de España.

O XII Congreso Nacional do Partido Popular celebrarase entre o 4 e o 6 de xullo en Madrid cunha ampla representación do PPdeG.

Alfonso Rueda amosa o seu apoio a Feijóo porque “representa a seriedade, a rectitude, a limpeza e a solvencia que a cidadanía demanda e España necesita máis que nunca”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, ratificou hoxe o seu apoio a Alberto Núñez Feijóo como “líder indiscutible” do Partido Popular e en especial nuns momentos nos que, na súa opinión, o líder nacional dos populares “representa a seriedade, a rectitude, a limpeza e a solvencia que a cidadanía demanda e España necesita máis que nunca”.

Así o manifestou esta tarde en declaracións aos medios na sede provincial do PP de Pontevedra, ata onde se desprazou acompañado do presidente local do partido, Rafa Domínguez, para participar no proceso de votación ao candidato a presidir o PP nacional nun Congreso Nacional que “ten que ser a constatación do cambio que a maioría desexamos e que só pode vir dun líder e dun partido que representan todas as garantías que a cidadanía está buscando”.

“En Galicia coñecemos mellor que en ningún outro sitio que Feijóo representa todo o contrario dun Pedro Sánchez á fronte dun Goberno en descomposición e que cada día está máis falto de rumbo e máis sometido a chantaxes”, apuntou Rueda incidindo en que “a cidadanía quere que os seus gobernantes gobernen e solucionen os seus problemas, non que lles mintan”.

Ao respecto da rolda de prensa ofrecida esta tarde polo presidente do Goberno, o líder dos populares galegos asegurou que foi “a constatación de que cada día está máis acurralado e cada vez resulta menos crible” e “deixou en evidencia que xa non é que Sánchez non pense nos galegos e no resto de españois, senón que non pensa nin sequera no seu partido e en nada máis alá da súa propia supervivencia”.

“Gustaríame saber que pensa facer o BNG”, preguntou retoricamente o presidente do PPdeG logo do anuncio de Pedro Sánchez de iniciar unha rolda de contactos cos seus socios parlamentarios. Na súa opinión, o independentismo galego “ata agora foi cómplice de moitas cousas e podería ter o argumento de que non sabía nada, pero agora si se saben moitas cousas”.

De aí que invite ao BNG a “demostrar que son certas as súas supostas proclamas de limpeza”. Xa que, do contrario, estarían sendo “cómplices” de que se manteñan no poder os protagonistas destes presuntos feitos e se prolongue “unha situación que é xa insostible e que a Galicia non lle convén”.

Porque, como presidente do Goberno galego, Rueda concluíu que non é de recibo ter á fronte da Administración Xeral do Estado a un Goberno “máis ocupado nas revelacións, nas gravacións, nos pronunciamentos xudiciais e nas novas chantaxes que se van sucedendo cada día que en xestionar”.

A COMPLICIDADE HIPÓCRITA DO BNG EN PONTEVEDRA

O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, agradeceu “o compromiso e a participación de todos os afiliados que hoxe colleron unha papeleta para apoiar a Alberto Núñez Feijóo, exercendo o seu voto con liberdade, coa mirada posta no futuro de España e na recuperación da senda democrática que o Goberno de Pedro Sánchez se encargou de romper coa súa corrupción”.

Ao respecto disto último, lamentou a “complicidade hipócrita do BNG que goberna en Pontevedra con minoría grazas aos votos do PSOE e que cala ante a corrupción dos socialistas”.

Contrapuxo así mesmo “os principios democráticos, a responsabilidade institucional e a ética pública” que representa o presidente Feijóo “fronte a un goberno corrupto que necesita ser substituído con urxencia para que España volva avanzar con estabilidade, rigor e respecto á democracia”.

Paula Prado pide a convocatoria de eleccións por “limpeza democrática” e porque “España non pode ser refén da corrupción do PSOE coa complicidade dos seus socios”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, demandou hoxe a Pedro Sánchez a convocatoria de eleccións xerais por “limpeza democrática” e porque “España non pode seguir sendo refén da delincuencia do Goberno central, da corrupción do PSOE e da complicidade hipócrita de socios como o BNG”.

“Pedro Sánchez non pode seguir mantendo secuestrada a gobernabilidade de España, nin continuar negándolle aos galegos e a todos os españois a posibilidade de expresarse con liberdade, nas urnas, sobre os feitos tan graves que estamos coñecendo”, explicou ao tempo que incidía no papel que xogan nestes momentos os socios de investidura.

Porque a número dous dos populares galegos está convencida de que “Sánchez vai resistir tanto como lle deixen resistir os seus socios” e de aí que pida coherencia a todos eses partidos, incluído o BNG: “Eles son os únicos que poden deixalo caer”.

Unhas afirmacións que fixo esta mañá en declaracións aos medios na sede do PP de Santiago de Compostela xunto ao seu presidente local, Borja Verea, con quen acudiu a participar no proceso de votación ao candidato a presidir o PP nacional.

“Hoxe facemos un xesto que deberiamos ter a oportunidade de facer canto antes nunhas eleccións xerais: collemos unha papeleta e votamos polo futuro de España”, manifestou amosando o seu apoio a Alberto Núñez Feijóo e facendo un chamamento a que toda a afiliación do PPdeG exerza o seu dereito a voto neste proceso.

O PESO DE GALICIA NO FUTURO DO PARTIDO POPULAR

En Galicia hai un total de 53 locais de votación habilitados para que os afiliados acudan a votar ao longo da xornada de hoxe: 23 na provincia da Coruña, 7 en Lugo, 12 en Ourense e 11 en Pontevedra. Todos eles abriron as súas portas esta mañá ás 9:00 horas –sen incidencias rexistradas– e continuarán abertos ata as 20:00 horas.

Tal e como recordou a secretaria xeral do PPdeG e vogal da Comisión Organizadora do Congreso Nacional do PP, Galicia ten un papel destacado neste proceso e así o acreditan as cifras de participación da afiliación galega ao longo deste proceso.

Non en balde, aos máis de 8.500 avais recollidos a favor de Alberto Núñez Feijóo hai que sumarlle os 316 compromisarios que ten asignados o PPdeG e, sobre todo, os 11.665 inscritos para participar no proceso de votación que se celebra hoxe en toda España e en toda Galicia. Esta última cifra, de feito, supón case un 23% do total de inscritos de toda España.