O Grupo Popular solicitará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central traspase a Galicia as competencias executivas en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes para poder habilitar un proceso que reduza os prazos para optar a esta documentación. Así mesmo, pedirá ao Goberno de España a adopción de diversas medidas para que o treito internacional do río Miño siga sendo un motor de desenvolvemento sostible, unha referencia de equilibrio ambiental e un exemplo de cooperación internacional entre Galicia e Portugal.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coa segunda votación para a elección de María Concepción Pombo Romero como nova directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, unha vez que non anterior Pleno nos saíu adiante a súa candidatura ao non contar cos votos dos dous terzos dos deputados. Nesta ocasión será necesario o voto dunha maioría de tres quintos dos deputados e, de non conseguilo, a elección da nova directora xeral volverá ao Pleno seguinte, onde só será necesario a maioría absoluta para a súa elección definitiva.
O Pleno continuará coa comparecencia da conselleira do Medio Rural, a petición propia e para dar conta das oportunidades e vantaxes que ofrece o rural galego, onde a Xunta está a facer un esforzo importante para garantir o relevo xeracional e conseguir un mellor futuro da actividade agrogandeira.
Dentro do apartado das proposicións non de lei, o Grupo Popular centrará a súa primeira iniciativa na solicitude á Xunta para que inicie os trámites para reclamar ao Goberno de España o traspaso das competencias executivas en materia das autorizacións iniciais de traballo das persoas migrantes, co fin de axilizar todo o procedemento e acadar o seu correcto asentamento na Comunidade galega e a súa plena disposición para incorporarse ao mercado de traballo.
DOCUMENTO PIONEIRO
“O Goberno galego é consciente da falta de man de obra que existe neste momento para satisfacer a demanda de traballadores das empresas e para iso rubricou un documento pioneiro con varios países hispanoamericanos para favorecer a atracción de traballadores e traballadoras, dunha maneira ordenada e atendendo ás necesidades das empresas”, lembrou o portavoz popular.
Alberto Pazos explicou que “este é o primeiro paso pero fai falta pechar un proceso tutelado desde o inicio e onde participen tanto as administracións de orixe como a de destino do traballador, así como as empresas galegas con necesidade de incorporar talento e que poidan realizar ofertas de contratación nos países de orixe dos traballadores migrantes”.
A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular incorporadas á orde do día da sesión plenaria ten como obxectivo que o Goberno de España leve adiante unha serie de actuacións, de xeito coordinado co Goberno de Portugal, para que o treito internacional do río Miño siga sendo un motor de desenvolvemento sostible, referencia de equilibrio ambiental e exemplo de cooperación entre países.
“O Goberno galego leva anos demostrando o seu compromiso coa protección e posta en valor do río Miño, impulsando actuacións en materia de saneamento, conservación ambiental, promoción turística e apoio ao deporte náutico”, salientou o portavoz popular, quen apuntou que “quedan cuestións por facer que, pola natureza transfronteiriza deste río esixen unha actuación máis coordinada entre as administracións e organismos con competencias nesa materia”.
REUNIÓN COS CONCELLOS AFECTADOS
En concreto, Alberto Pazos falou de cuestións como a análise dos efectos das oscilacións de caudal sobre a fauna piscícola, a proliferación de especies exóticas invasoras, a sedimentación do leito fluvial pola prohibición da dragaxe, as dificultades de navegación ou a necesidade dunha actualización normativa para a navegación e transporte fluvial de pasaxeiros.
Deste xeito, a proposta do Grupo Popular demanda, en primeiro lugar, que o Goberno de España asuma as súas competencias nesta materia e atenda a solicitude dunha reunión feita polos alcaldes de todos os concellos afectados para abordar estas problemáticas existentes no tramo internacional do río Miño.
Ademais, a iniciativa solicita ao Goberno central que analice o cumprimento do caudal ecolóxico mínimo e o impacto das oscilacións bruscas de caudal sobre a fauna piscícola; que aborde, en colaboración coas autoridades portuguesas, a prevención e control das especies exóticas e invasoras para preservar a biodiversidade autóctona; que promova a recuperación da dragraxe controlada e medioambientalmente sostible do treito internacional do río Miño, para garantir a navegabilidade e a seguridade; que facilite o cumprimento das obrigas en materia de xestión da biomasa; e que actualice o regulamento de navegación do río Miño, para adecualo á realidade actual das actividades recreativas e deportivas, así como a diversidade de embarcacións.
ESTUDOS MEDICINA, VIVENDA E COLECTIVO LGTBI
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola súa valoración respecto da decisión unilateral do reitorado da Universidade de A Coruña de rachar co acordo acadado en 2015 entre as tres universidades públicas e a Xunta para o fortalecemento da formación médica en Galicia, “un anuncio sorprendente cando xa se estaba traballando conxuntamente entre universidades e Xunta na ampliación da docencia clínica ao quinto curso, prevista para o curso 2026-2027”, recordou Alberto Pazos.
A segunda pregunta ten como obxectivo coñecer a opinión do Goberno galego respecto da política de vivenda que está a desenvolver o Goberno de España; e a terceira cuestión busca coñecer os avances acadados a prol dos dereitos das persoas LGTBI, un ámbito no que Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras na adopción de medidas para a protección deste colectivo, aprobando unha lexislación específica que busca garantir o seu benestar e promover a igualdade real entre as persoas, sexa cal sexa a súa orientación sexual.