O Grupo Popular solicitará no Parlamento de Galicia a celebración dun acto de homenaxe en lembranza e recoñecemento do capitán José Manuel Costas Capelo, profesor da Universidade Laboral de A Coruña que marcou o norte de moitas xeracións náutico-pesqueiras e proxectou a súa vocación marítima moito máis alá das aulas, xa que a súa preocupación pola formación e a seguridade do persoal náutico-pesqueiro foi o fundamento da súa vida.
Nun encontro con ex profesores e ex alumnos de Costas Capelo na Universidade Laboral, o deputado popular Jesús María Fernández Rosende anunciou hoxe en A Coruña a presentación desta iniciativa no Parlamento galego a través da que se pretende recoñecer a importancia do traballo realizado por este experto no sector náutico-pesqueiro e na mariña mercante de Galicia.
Nado no barrio vigués de Coia e coruñés de adopción, José Manuel Costas Capelo obtivo o título da Escola Oficial de Náutica de A Coruña en 1964 e desde 1972 foi profesor de Navegación e Meteoroloxía da Universidade Laboral coruñesa. Ademais, ao longo da súa vida foi un dos maiores impulsores da Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros (Aetinape).
SENTIMENTO DE ORFANDADE
Fernández Rosende afirmou que “o recente pasamento de Costas Capelo espertou no mundo académico relacionado coa pesca e coa mariña mercante un fondo sentimento de orfandade, porque somos conscientes de que con el foise unha das principais fontes de coñecemento do sector, a cuxa dimensión técnica contribuíu de xeito decisivo ao longo da súa vida”.
En concreto, o deputado popular lembrou as aportacións feitas por José Manuel Costas Capelo en materia de seguridade marítima para a elaboración dunha iniciativa, que foi aprobada no Parlamento galego, relacionada coa sinalización das bateas, a prohibición de que os buques pesqueiros faenen e naveguen en condicións meteorolóxicas extremas, a necesaria incorporación de botes de rescate en substitución das balsas salvavidas para aqueles buques que faenen en augas xélidas ou a substitución das bengalas por luces LED.