As deputadas do Grupo Popular Encarna Amigo e Katy Varela salientaron hoxe en Cervantes o compromiso da Xunta pola mellora dos servizos no rural e a colaboración permanente cos concellos para o acondicionamento das infraestruturas municipais.
En concreto, Encarna Amigo e Katy Varela visitaron as actuacións financiadas pola Xunta e realizadas en varias pistas das parroquias de Donis, O Pando e Cereixido do concello de Cervantes con cargo ao Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025. Ademais, con cargo ao financiamento deste ano, levaranse a cabo novas obras de mantemento e mellora de vías municipais nas parroquias de Paderne, Folgoso, Balgos e Airoá.
“A Xunta pon a disposición dos concellos esta liña de axudas para as que os concellos unicamente deben cumprir dous requisitos principais: deberán ter remitidos ao Consello de Contas os datos do último exercicio orzamentario e estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias”, explicaron as deputadas populares.
COLABORACIÓN CONSTANTE
En concreto, poderanse acoller a estas subvencións as actuacións de ampliación de viais que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, a mellora da seguridade viaria, o reforzo ou mantemento do firme ou a adecuación de obras de paso de cursos fluviais.
“Este tipo de axudas denotan a preocupación da Xunta por mellorar os servizos no rural e a colaboración constante cos concellos en investimentos necesarios e para os que as entidades locais moitas veces non dispoñen de recursos suficientes para levar a cabo estes arranxos”, incidiron.