A deputada do Grupo Popular Patricia García demandou hoxe no Parlamento galego ao Concello de Vigo, no debate dunha iniciativa sobre o abandono e deterioro que presenta na actualidade o colexio Celso Emilio Ferreiro, que cumpra coas competencias que lle corresponden en materia de mantemento e conservación das infraestruturas educativas na Lei reguladora das bases de réxime local e a Lei orgánica de Educación e leve adiante os traballos de mantemento que precisa este centro de ensino.
Patricia García lembrou que o CEIP Celso Emilio Ferreiro foi construído en 1980, “polo que leva máis de 40 anos sen recibir un mantemento estrutural axeitado por parte do Concello de Vigo”. “O resultado desta neglixencia continuada é un edificio con cuberta deteriorada, risco de desprendemento e estrutura deformada, derivado de que os responsables municipais eludiron as súas responsabilidades básicas durante todos estes anos”, indicou.
FALTA DE MANTEMENTO CONTINUADA
“A situación do CEIP Celso Emilio Ferreiro é consecuencia directa dunha falta de mantemento continuada por parte do Concello durante máis de 40 anos, porque o que ocorreu non é un accidente, é o resultado dunha política municipal que non se preocupa polas instalacións escolares ata que hai un risco real e inmediato”, indicou.
Neste sentido, a deputada popular lembrou que a responsabilidade do mantemento ordinario dos centros de infantil e primaria corresponde aos concellos, segundo se establece tanto na Lei de bases de réxime local como na Lei orgánica de educación.
“A Xunta cumpre coas súas competencias con investimentos nos centros que lle corresponden, como é o caso do cambio da cuberta do ximnasio e dos anexos no CEIP Chans-Bembrive”, indicou Patricia García, que subliñou que “Vigo é a cidade de Galicia onde máis se investiu en infraestruturas educativas nos últimos anos”. En concreto, o Goberno galego leva investidos desde 2021 máis de 36 millóns de euros en 170 actuacións en 73 centros públicos no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Ademais, asegurou que “Galicia é hoxe unha das comunidades que máis inviste por alumno en España: 8.075 euros por alumno, mil euros máis que a media estatal”.