Alberto Pazos salienta que o inicio da tramitación dos orzamentos da Xunta para 2026 “é unha mostra máis de que Galicia continúa pola senda da estabilidade e da confianza”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe que o inicio da preparación dos orzamentos da Xunta para 2026 “é unha mostra máis de que Galicia continúa pola senda da estabilidade e da confianza, mantendo o estilo propio que nos caracteriza e do que goza desde que está gobernada polo PPdeG”. “Un anuncio que para os galegos supón algo normal e totalmente habitual, pero que ten a súa importancia se miramos cara ao Goberno central, que leva coas súas contas prorrogadas desde o ano 2023 e, o que é peor, sen perspectiva de conseguir sacar adiante uns orzamentos no que resta de lexislatura”, apuntou.

Alberto Pazos subliñou que “Galicia continuará, un ano máis e xa sumará 17 anos consecutivos, tramitando uns orzamentos coa regularidade que marcan as normas para que estean en condicións de entrar en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2026”. En concreto, afirmou que con estas contas o Goberno de Alfonso Rueda seguirá avanzando no cumprimento dos compromisos asumidos no seu programa electoral, favorecendo o desenvolvemento industrial para mellorar o crecemento da economía galega e xerar empregos de calidade; impulsando novos investimentos para a transformación e modernización da nosa sanidade e a educación, garantindo a igualdade de oportunidades, a calidade de vida dos galegos e a atención ás persoas máis vulnerables; dando novos pasos no seu plan de vivenda, incrementando a oferta pública e protexida, ao tempo que se facilita o acceso a un fogar digno e accesible, sobre todo para a nosa xuventude; reforzando as políticas activas de emprego e a formación profesional, así como o retorno do talento, para atender as demandas existentes nos nosos sectores produtivos; e, tamén, poñendo especial énfase no impulso do sector turístico, coa vista posta na próxima celebración do Xacobeo 2027”.

SEN INFORMACIÓN DO GOBERNO CENTRAL

“Lamentablemente, o Goberno galego terá que afrontar a elaboración e tramitación dos orzamentos para 2026 sen a necesaria información do Goberno central sobre os recursos que traspasará a Galicia a modo de financiamento autonómico, así como as posibles entregas a conta, cuestións sobre as que non temos esperanza algunha de que se nos fagan chegar tendo en conta que o Goberno de Pedro Sánchez funciona cuns orzamentos da pasada lexislatura”, sinalou.

Neste sentido, considerou “inasumible que un goberno que pretende levar adiante un mínimo proxecto político non conte con orzamentos”, ante o que amosou a súa sorpresa porque “cada día nos anuncia sen rubor algún novas axudas e novos investimentos, pero sen concretar de onde vai sacar os cartos para financiar todas esas promesas”.

Alberto Pazos manifestou que, “nun momento no que Galicia da un paso máis na súa senda de estabilidade política e social coa tramitación dos orzamentos para 2026, resulta incomprensible que o BNG continúe coa súa teima de solicitar un concerto económico para Galicia, unha proposta rexeitada pola práctica totalidade dos expertos en financiamento autonómico que pasaron pola Comisión de Estudo realizada neste Parlamento galego, e por entidades do prestixio do Foro Económico de Galicia ou Fedea, pero que os nacionalistas galegos continúan defendendo co único respaldo dun licenciado en económicas con carné do BNG

“Resulta moi demagóxico afirmar que España nos rouba arredor de 5.000 millóns de euros cada ano, como din os nacionalistas galegos, sen ter en conta todos os servizos dos que gozamos os galegos e están financiados polo Goberno central, como a defensa nacional ou a seguridade cidadá, a construción e mantemento de infraestruturas; a posta en marcha de iniciativas estratéxicas e necesarias en materia de industria, enerxía ou I+D; as transferencias aos concellos ou á propia Unión Europea; ou o custo que supón o mantemento da seguridade social e das mutuas de funcionarios para o financiamento das pensións, algo tan fundamental para milleiros de familias galegas”, explicou.

Neste sentido, apuntou que “o que realmente suporía un concerto económico para Galicia, como ben recollen os informes elaborados por expertos na materia, sería unha perda de entre 2.128 e 2.646 millóns de euros de financiamento para a nosa comunidade, en función de se o cálculo se fai tendo en conta o PIB ou a poboación existente en Galicia”. “Desde o PPdeG e o Goberno da Xunta de Galicia non estamos dispostos a que os galegos perdan un só euro polo simple feito de compracer as ansias soberanistas e independentistas do BNG”, afirmou.

O portavoz popular reiterou que “o que Galicia realmente necesita é unha reforma urxente do sistema de financiamento autonómico, que contemple o custo real da prestación dos servizos públicos e que compense adecuadamente factores como o avellentamento ou a dispersión da poboación, algo que seguiremos demandando coa convicción de que esta reforma non será posible ata que España estea dirixida por unha persoa perfectamente coñecedora das necesidades das comunidades autónomas, que non é outra que Alberto Núñez Feijóo”.

AUTORIZACIÓN DAS ATRACCIÓNS EN FESTAS PATRONAIS

Por último, e logo de lembrar que hoxe se celebra o décimo aniversario da posta en marcha do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, “unha obra que nos enche de satisfacción ao ver cumprido o obxectivo de dotar a esta área sanitaria dun Hospital Público que é referencia a nivel nacional e internacional”, Alberto Pazos referiuse á sorprendente situación que se está a vivir coas festas populares da cidade viguesa, unha vez que se suspenderon as festas de Coia e perigan as de Bouzas pola parálise na tramitación das solicitudes que se está a producir no Concello de Vigo

“O alcalde de Vigo pretende escudarse na existencia dunha nova lei galega que este Parlamento galego non ten tramitado e da que non temos coñecemento”, indicou o portavoz popular, quen engadiu que, “se fai referencia ao decreto pola Xunta para facilitar a aplicación dunha Lei de 2017, esta norma non supuxo problema algún ata agora para a celebración das festas nas parroquias de Vigo e a instalación das atraccións que axudan a sufragar estas celebracións”.

Deste xeito, Alberto Pazos amosouse sorprendido porque “esta normativa, que é perfectamente aplicable en 312 concellos galegos, unicamente cause problemas nesta cidade, o que demostra que non é un problema de normativa, senón de xestión eficaz e eficiente do Concello”.

O Parlamento galego demanda a celebración dunha homenaxe ao profesor José Manuel Costas Capelo para recoñecer a súa pegada no sector náutico-pesqueiro e na mariña mercante

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a realizar un acto de homenaxe en lembranza e recoñecemento de José Manuel Costas Capelo para salientar a súa importancia no sector náutico-pesqueiro e na mariña mercante de Galicia, así como na formación neste ámbito.

O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, salientou que “hai persoas que, sen ocupar titulares nin buscar protagonismo, constrúen país desde o compromiso cotián coa formación, a seguridade e a dignidade profesional”. “Un deses homes foi o profesor José Manuel Costas Capelo, vigués de nacemento e coruñés de adopción, que dedicou toda unha vida ao servizo da educación náutico-pesqueira en Galicia”, indicou.

RECENTE FALECEMENTO

Costas Capelo obtivo o título de capitán da Escola Oficial de Náutica de A Coruña no ano 1964 e durante varios anos navegou en distintos buques mercantes, adquirindo unha experiencia directa do mar que marcaría o seu labor docente. Xa en terra, en 1971, accedeu á praza de profesor adxunto de Construción Naval, e en 1972 pasou a impartir docencia na Universidade Laboral Crucero Baleares de A Coruña, centro no que se xubilou como catedrático de Navegación e Instalacións Mariñas, sen deixar nunca de formar a futuras xeracións de mariños tamén no IES Universidade Laboral.

“Foi un divulgador técnico rigoroso, un mentor entregado e unha autoridade moral e profesional recoñecida en toda España”, afirmou o viceportavoz popular, quen engadiu que Costas Capelo foi socio de honra de AETINAPE, entidade coa que colaborou de forma intensa, sendo autor de numerosos artigos publicados na súa revista e inspirador de propostas lexislativas e técnicas para mellorar as condicións do traballo marítimo. Entre elas, cabe destacar a sinalización segura das bateas, a prohibición de faenar en condicións meteorolóxicas extremas, a substitución das balsas salvavidas por botes de rescate nos buques que operan en augas frías ou a implantación de sistemas de emerxencia con luces LED, como alternativa ás tradicionais bengalas.

Julio García Comesaña lamentou que o seu recente falecemento de forma repentina “deixou un fondo baleiro na comunidade educativa e profesional do mar, pero tamén deixou unha pegada profunda e transversal que o fai merecedor dun recoñecemento público, sereno e respectuoso”.

O PPdeG pide explicacións ao Goberno central sobre os bidóns con material radioactivo atopados fronte á costa galega

Os deputados do PPdeG no Congreso piden explicacións ao Goberno central ao respecto do milleiro de bidóns con material radioactivo que, tal e como se puido coñecer nos últimos días, unha expedición científica francesa vén de localizar en augas profundas fronte á costa galega.

Fano a través dunha serie de preguntas dirixidas aos ministerios de Ciencia, Asuntos Exteriores e Transición Ecolóxica nas que argumentan que resulta imprescindible coñecer que información oficial posúe o Goberno de España sobre este achado “dado que se trata dun asunto de enorme sensibilidade para a poboación e de posible afectación directa á calidade ambiental do medio mariño, a seguridade alimentaria (pola súa relación coa actividade pesqueira) e a saúde pública”.

Os parlamentarios populares pregúntanse se o Consello de Seguridade Nuclear, en calidade de organismo estatal responsable da seguridade radiolóxica e a protección fronte ás radiacións ionizantes, foi consultado sobre este asunto. Así mesmo, consideran necesario coñecer se o Goberno ten solicitado datos técnicos adicionais, coordinado coas autoridades francesas, ou activado algún protocolo de seguimento, verificación ou prevención ante este posible vertido histórico.

“Necesitamos saber que coñecemento e grao de implicación tiña o Goberno desta investigación francesa, que repercusións pode ter e que medidas se teñen adoptado para facer un control sobre os resultados que se obteñan da mesma”, explica a deputada Rosa Quintana agardando “unha resposta rápida, contundente e precisa que tranquilice a toda a poboación galega”.

Como portavoz tamén de Pesca do Grupo Popular no Congreso, a parlamentaria galega pon de manifesto así mesmo a súa “sorpresa” logo de coñecer estes feitos a través dos medios de comunicación: “Gustaríanos ter coñecido esta noticia canto menos impactante a través do Goberno de España e non por unhas entrevistas feitas a uns investigadores franceses sobre o que está sucedendo en augas españolas”.