Paula Prado pide a convocatoria de eleccións por “limpeza democrática” e porque “España non pode ser refén da corrupción do PSOE coa complicidade dos seus socios”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, demandou hoxe a Pedro Sánchez a convocatoria de eleccións xerais por “limpeza democrática” e porque “España non pode seguir sendo refén da delincuencia do Goberno central, da corrupción do PSOE e da complicidade hipócrita de socios como o BNG”.

“Pedro Sánchez non pode seguir mantendo secuestrada a gobernabilidade de España, nin continuar negándolle aos galegos e a todos os españois a posibilidade de expresarse con liberdade, nas urnas, sobre os feitos tan graves que estamos coñecendo”, explicou ao tempo que incidía no papel que xogan nestes momentos os socios de investidura.

Porque a número dous dos populares galegos está convencida de que “Sánchez vai resistir tanto como lle deixen resistir os seus socios” e de aí que pida coherencia a todos eses partidos, incluído o BNG: “Eles son os únicos que poden deixalo caer”.

Unhas afirmacións que fixo esta mañá en declaracións aos medios na sede do PP de Santiago de Compostela xunto ao seu presidente local, Borja Verea, con quen acudiu a participar no proceso de votación ao candidato a presidir o PP nacional.

“Hoxe facemos un xesto que deberiamos ter a oportunidade de facer canto antes nunhas eleccións xerais: collemos unha papeleta e votamos polo futuro de España”, manifestou amosando o seu apoio a Alberto Núñez Feijóo e facendo un chamamento a que toda a afiliación do PPdeG exerza o seu dereito a voto neste proceso.

O PESO DE GALICIA NO FUTURO DO PARTIDO POPULAR

En Galicia hai un total de 53 locais de votación habilitados para que os afiliados acudan a votar ao longo da xornada de hoxe: 23 na provincia da Coruña, 7 en Lugo, 12 en Ourense e 11 en Pontevedra. Todos eles abriron as súas portas esta mañá ás 9:00 horas –sen incidencias rexistradas– e continuarán abertos ata as 20:00 horas.

Tal e como recordou a secretaria xeral do PPdeG e vogal da Comisión Organizadora do Congreso Nacional do PP, Galicia ten un papel destacado neste proceso e así o acreditan as cifras de participación da afiliación galega ao longo deste proceso.

Non en balde, aos máis de 8.500 avais recollidos a favor de Alberto Núñez Feijóo hai que sumarlle os 316 compromisarios que ten asignados o PPdeG e, sobre todo, os 11.665 inscritos para participar no proceso de votación que se celebra hoxe en toda España e en toda Galicia. Esta última cifra, de feito, supón case un 23% do total de inscritos de toda España.

Alfonso Rueda reivindica o “Estilo Galicia” de xestión fronte a un PSOE máis ocupado nos corruptos que nos cidadáns

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o “Estilo Galicia” de facer política baseándose na xestión, na busca de solucións a problemas reais e no sentidiño en contraposición a un PSOE “en descomposición” e centrado en protexer a corruptos a costa de abandonar á cidadanía.

Así o manifestou na súa intervención no xantar conmemorativo dos 30 anos de goberno do PP de Vilanova de Arousa, con Gonzalo Durán á fronte e no que estivo acompañado tamén pola secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.

Unha intervención na que situou ao alcalde da vila como referente dese “Estilo Galicia” á hora de gobernar con sentidiño, con corazón e sen liortas inútiles. Algo que foi posible grazas a que, na súa opinión, Durán nunca perdeu de vista o importante: estar ao lado da xente, escoitar, pisar a rúa, mirar aos ollos dos seus veciños e ofrecer solucións.

Precisamente iso é o que explica que, tras tres décadas, o PP siga gobernando en Vilanova de Arousa coa mesma ilusión e cunha vocación de servizo público que permitiu que este concello pasase de ser unha vila pequena a converterse nun referente industrial, cultural e turístico con dinamismo e orgullo.

Alfonso Rueda tamén tivo palabras para a situación política nacional e en concreto á “insostible” corrupción que asola a un PSOE e a un Pedro Sánchez aos que pediu que deixen de protexer a corruptos a costa de abandonar á cidadanía. Porque, tal e como manifestou, o que España e Galicia necesitan é un Goberno de verdade, que traballe con seriedade, con cabeza alta e mans limpas.

O PPdeG destaca que a Xunta ten en marcha 385 vivendas públicas na comarca do Salnés dentro do seu plan para construír 8.000 en toda Galicia

Os deputados do Grupo Popular María Deza e Raúl Santamaría destacaron hoxe que a Xunta xa ten en proceso de construción 385 novas vivendas na comarca do Salnés, dentro do seu obxectivo na presente lexislatura de duplicar o número de vivendas públicas ata chegar ata as 8.000 en toda Galicia e desenvolver solo para 25.000 novas vivendas, 20.000 delas protexidas e 5.000 libres.

María Deza e Raúl Santamaría, en compañía do deputado nacional Juan Bayón e a voceira do Partido Popular, Ana Granja, visitaron a parcela sita no barrio de Marxión de Vilagarcía onde a Xunta, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, construirá 10 vivendas publicas, unha vez que a mesma sexa cedida polo Concello.

OUTRAS ACTUACIÓNS

Así mesmo, os deputados populares lembraron que o Goberno galego licitou o pasado 4 de abril, por un orzamento de 568.911 euros, o servizo de redacción do proxecto de interese autonómico e o proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de 6,2 hectáreas entre a avenida das Carolinas e as rúas Coca e Arealonga de Viilagarcía de Arousa, onde se prevé a construción doutras 350 vivendas.

Ademais, a estes dous ámbitos súmase a parcela que o Concello de Sanxenxo cederá en Mourelos, na parroquia de Noalla, para a construción de 25 vivendas.

“Estamos a falar de 385 novas vivendas na comarca do Salnés, dentro do obxectivo do Goberno galego de duplicar nesta lexislatura o número de vivendas públicas e desenvolver solo para 25.000 novas vivendas en toda Galicia”, salientou María Deza.

Pola contra, os deputados populares criticaron a falta de compromiso do Goberno central en materia de vivenda, logo de que anunciara a súa intención de impulsar un Acordo Estatal de Vivenda para os anos 2026 a 2030 na Conferencia de Presidentes celebrada a pasada semana, pero finalmente non levou adiante ningunha proposta nesta materia.

ANUNCIO PROPAGANDÍSTICO

“Todo quedou nun anuncio propagandístico máis do Goberno de Pedro Sánchez, porque, tal e como xa explicou o Presidente Rueda, non se puxo enriba da mesa proposta formal algunha nin existiu diálogo institucional efectivo sobre vivenda antes, durante ou despois na citada Conferencia de Presidentes”, criticou Raúl Santamaría.

Diante desta situación, os deputados populares anunciaron a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa para esixir ao Goberno de España unha proposta formal e detallada para iniciar a negociación real dun Acordo Estatal de Vivenda 2026–2030, acompañado de cronogramas, financiamento, e garantías de execución que atendan as peticións, propostas e necesidades manifestadas polas comunidades autónomas.

Así mesmo, pedirase a convocatoria da Conferencia Sectorial de Vivenda, que leva desde o mes de outubro sen reunirse, como foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao autogoberno e a diversidade.

Prado pide ao BNG que deixe de apoiar a Sánchez e rompa co PSOE nos concellos e nas deputacións para “non ser cómplice da corrupción”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pediu hoxe ao BNG que deixe de apoiar ao Goberno de Sánchez e, ao mesmo tempo, rompa co PSOE nos concellos e nas deputacións galegas para “non ser cómplice da corrupción”.

“O BNG e Ana Pontón teñen que rachar con todos os gobernos locais socialistas que está apoiando en Galicia, que non son poucos, e tamén nas deputacións. Ese sería o verdadeiro favor que lle farían á cidadanía. Mentres non o fagan, seguirán sendo cómplices da corrupción que cada día está asolando a España”, sinalou en declaracións aos medios antes de participar na 54ª Festa do Peixe de Bande, acompañada pola alcaldesa e secretaria xeral do PP da provincia de Ourense, Sandra Quintas, e polas deputadas nacionais Ana Vázquez, Marta González e Irene Garrido.

Prado abundou en que o BNG e Ana Pontón “teñen que deixarse xa de chíos e comunicados”, porque o que teñen que facer, e tamén Xosé Ramón Gómez Besteiro, é “aparcar o cinismo” e esixirlle ao presidente do Goberno de España que, “por dignidade”, convoque eleccións.

“Lamentablemente, o PSdeG segue agarrado a ese sanchismo que non trae nada bo para Galicia”, afondou.

Neste sentido, asegurou que o todo o que se está coñecendo estes días “é a forma de traballar dun Goberno central que xa non se preocupa dos problemas reais nin dos galegos nin do resto de españois, porque só ten unha ocupación: a corrupción e o ‘sálvese quen poida’”.

“Para nós isto é insoportable. Son precisas máis dimisións, pero sobre todo convocar eleccións”, deixou claro, tendo en conta que “a cidadanía está farta de erguerse cada día cun novo titular de corrupción”.

Prado lamentou que “están roubando a mans cheas os cartos dos españois, que tamén son os dos galegos”, pero “logo non hai financiación para facer novas infraestruturas ou para manter os servizos sociais en Galicia”.

“Levamos anos escoitando a este Goberno de España falar de fango, de corrupción e de bulos, cando o fango é o que están xerando eles cada día, estalles chegando ao pescozo e está asolando España”, concluíu, reiterando a petición “urxente” de que Sánchez “deixe paso e que os españois decidan se queren seguir sendo gobernados por un partido que non goberna España e que o único que está preocupado é por tapar a súa corrupción”.

A FORMA DE TRABALLAR DA XUNTA FRONTE A DO GOBERNO CENTRAL

Por outra parte, Paula Prado quixo destacar hoxe, como modelo do traballo do Partido Popular, o incremento en máis do 50% das frecuencias de transporte público entre Bande e Celanova con Ourense, anunciado pola Xunta esta semana.

“Mellorar o servizo de bus interurbano desde aquí coa capital da provincia é coñecer as necesidades dos veciños e das veciñas destas comarcas e atender as súas demandas. Esa é a nosa forma de traballar”, sinalou.

Isto “contrasta claramente”, dixo, coa forma de traballar do Goberno de Sánchez, que “cada día que pasa prexudica dunha forma ou outra á provincia de Ourense”, como ocorreu recentemente coa supresión da parada de Alta Velocidade na Gudiña ou co colapso esta semana na estación de Chamartín.

Así mesmo, Prado asegurou que era un pracer volver á Festa do Peixe de Bande, acompañada de grandes compañeiras como Sandra Quintas e Ana Vázquez, “dous grandes referentes do que son as políticas do PP”.

Mentres, Quintas asegurou que foi “un orgullo” a visita da secretaria xeral do PPdeG a unha celebración que “non é unha simple festa gastronómica, senón que é o resultado das tradicións e da identidade de Bande como pobo”.

O PPdeG destaca o 19 % máis de investimento na formación do persoal contra incendios forestais para o período 2025-2026

Os deputados do Grupo Popular Ángel Rodríguez e Carmen Pomar visitaron hoxe a base da unidade operativa da brigada de bombeiros forestais de Ames e destacaron que a Xunta investirá entre os anos 2025 e 2026 preto de 1,8 millóns de euros na formación e adestramento do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais, o que supón un incremento do 19 por cento respecto do bienio anterior.

A Xunta vén de investir case 75.000 euros na mellora desta nova base, unhas obras que consistiron esencialmente no acondicionamento de vestiarios, duchas, zonas de descanso, almacéns para material e instrumental de traballos, ademais dos recintos para gardar os vehículos, co obxectivo de favorecer a conciliación entre o descanso e o traballo dos bombeiros e os axentes forestais.

Os deputados trasladaron aos profesionais do servizo de prevención de incendios forestais o esforzo que a Xunta vén realizando para a formación e adestramento deste persoal, que terán á súa disposición máis de 3.500 cursos e accións formativas ao longo de 2025 e 2026, tal e como se recolle no plan de formación integrado dentro do Pladiga.

O Plan de formación e adestramento para o persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios (SPIF) estruturase en seis programas. Entre as accións que se acometerán destacan os cursos monográficos sobre cuestiones relacionadas coa prevención e extinción de incendios forestais, así como a posibilidade de desenvolver un itinerario formativo profesional, que suporá a preparación diversificada e por grupos de categorías profesionais desde unha cualificación inicial ata a especialización do persoal.

Para rematar, os deputados populares trasladaron o agradecemento de toda a sociedade galega polo labor que estas brigadas forestais desenvolven no día a día na defensa dos montes galegos, tendo presente que o vindeiro 1 de xullo comezará a época de perigo de alto risco de incendios forestais.

O PPdeG aposta polo bono turístico como ferramenta para impulsar o turismo interior en Ourense

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Víctor Baladrón salientaron hoxe a importancia do bono turístico que a Xunta lanzará o vindeiro mes de xullo para a desestacionalización do turismo na Comunidade galega, sobre todo nunha provincia como a de Ourense, que destaca pola chegada de visitantes sobre todo fora da tempada estival.

Nunha visita á casa de turismo rural A Gandarela de Cenlle, en compañía da alcaldesa, Rebeca Sotelo, os deputados populares destacaron o papel do turismo como motor de desenvolvemento, de fixación de poboación e de xeración de oportunidades no rural. Deste xeito, subliñaron “a necesidade de seguir apoiando este sector que amosa, cada día, a mellor cara de Galicia: hospitalidade, patrimonio, paisaxe e identidade”.

Miguel Viso e Víctor Baladrón referíronse, en concreto, á nova convocatoria do bono turístico que a Xunta lanzará o vindeiro mes de xullo, a través do que se prevé mobilizar arredor de 2,5 millóns de euros neste sector ao longo do vindeiro outono a través do cofinanciamento de estadías e actividades. Os interesados poderán descargarse os bonos a través da web www.bonoturismo.gal, que terán un importe de 150 euros, dos que a Xunta financiará 60 euros.

IMPULSO AO TURISMO INTERIOR

Durante a visita, Miguel Viso destacou que “apostar polo turismo é apoiar directamente a quen mantén abertas as portas, crea emprego e ofrece experiencias que nos conectan co noso propio territorio”. Pola súa banda, Víctor Baladrón salientou que “non se trata só de cifras, senón de garantir que negocios que levan anos resistindo teñan agora un impulso real para continuar”.

Pola súa banda, Rebeca Sotelo puxo o foco na importancia deste tipo de programas para os concellos pequenos. “O turismo achega vida, actividade e esperanza a moitas zonas do interior, e iniciativas como esta do bono turístico axuda a que máis persoas descubran todo o que temos para ofrecer e contribúen a que os negocios locais poidan mirar ao futuro con máis seguridade”, apuntou.

O PPdeG destaca as novas axudas de 30,5 M€ para mozos agricultores e modernización de explotacións a partir de xullo

Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro avanzaron hoxe que a partir de mediados do vindeiro mes de xullo poderanse solicitar as axudas para a incorporación de agricultores mozos entre 18 e 40 anos ou a modernización ou mellora de explotacións agrarias. “Son un claro incentivo e mostra da aposta da Xunta pola incorporación de mozos ao rural, un rural vivo e que día tras día conta con máis xente nova á fronte das explotacións”, manifestaron.

Nunha visita ás obras que se están a facer na granxa Adriago, S.L. no concello lucense de Friol, que se levan adiante gracias a estas axudas da Xunta para facilitar a implantación de mozos ao sector agrogandeiro galego, os deputados populares lembraron que o pasado ano a Xunta distribuíu case 46 millóns de euros entre 832 proxectos, dos que 370 eran plans de mellora para grandes e pequenas explotacións, 320 solicitudes de incorporación de mozos e 133 expedientes de novos agricultores de entre 41 e 55 anos.

DÚAS LIÑAS DE AXUDA

De cara ao presente ano 2025, Nicole Grueira e Enrique Barreiro avanzaron que a Xunta repartirá 30,5 millóns de euros para apoiar ás persoas agricultoras mozas. En concreto, explicaron que haberá dúas liñas de axuda: unha primeira, dotada con 16 millóns de euros, destinada ao establecemento de agricultores mozos; e a segunda, con 14,5 millóns de euros, para a realización de investimentos en modernización ou mellora de explotacións agrarias.

A estas dúas liñas, sumaranse 5,5 millóns de euros cos que a Xunta financiará os plans de mellora non aprobados aos mozos que resultaron beneficiarios da convocatoria de 2024, co obxectivo de facilitar o inicio da súa actividade produtiva e favorecer que poidan completar o seu investimento na explotación.

Entre os requisitos para acceder ás axudas para a incorporación de mozos á actividade agrogandeira, os interesados deberán presentar un plan empresarial, permanecer na actividade agraria cinco anos desde o pago do final da axuda e participar no programa de titorización que presta a Consellería do Medio Rural a persoas agricultoras mozas.

O Grupo Popular impulsa unha modificación da Lei do Deporte para que a Xunta poida exercer a acción popular nos procedementos por actos de violencia ou delitos no ámbito deportivo

O Grupo Popular impulsará no Parlamento de Galicia unha proposición de lei a través da que se reforma a Lei do deporte de Galicia para implementar tres medidas importantes: que a Administración poida exercer a acción popular nos procedementos que se sigan por delitos e actos de violencia perpetrados no ámbito deportivo; para clarificar o réxime de prescricións das infraccións e das sancións no ámbito deportivo; e para afondar no bo goberno no deporte nas organizacións e federacións galegas.

O portavoz popular Alberto Pazos informou do rexistro esta mañá desta proposición de lei a través da que se introducen “importantes cambios na Lei do deporte que aprobamos hai máis de 13 anos e que nos van permitir adaptala á realidade da sociedade actual, porque non podemos consentir e debemos poñer fin aos actos de violencia deportiva que cada vez están a manchar máis a boa práctica do deporte en Galicia”.

FOMENTAR VALORES

“O deporte e as competicións deportivas deben fomentar os valores deportivos, a socialización dos participantes e un intercambio de experiencias positivas, e todo iso velando pola seguridade e a protección de deportistas e espectadores, para que a práctica deportiva sexa libre de violencia en calquera das súas formas, tanto física como verbal”, indicou.

Porén, lamentou que “estamos comprobando como a violencia no deporte comeza a ser algo habitual, polo que consideramos urxente que se adopten as medidas oportunas para poñer fin a estas prácticas violentas que afectan tanto a deportistas, como árbitros e xuíces, e incluso o público asistente aos acontecementos deportivos”.

Alberto Pazos explicou que a través desta proposición de lei “abrimos a posibilidade para que a Xunta poida exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia no deporte”. “Queremos facer realidade un deporte libre de calquera forma de violencia, porque é a mellor representación do respecto, a tolerancia, a inclusión e a participación cívica, polo que cada acto violento que se produce contravén estes valores e a propia esencia deportiva”, manifestou.

En segundo lugar, a iniciativa lexislativa modifica a Lei do deporte existente para clarificar o réxime de prescrición das infraccións e as sancións. Así, fixa tres anos para as infraccións ou sancións por faltas moi graves; dous anos para as infraccións ou sancións por faltas graves; e seis meses para as infraccións leves e un ano para as sancións por faltas leves.

En último lugar, a través desta proposición de lei elévase o nivel de esixencia das súas normas de bo goberno para as organizacións e federacións deportivas, “a través tanto do respecto da súa democracia interna, a transparencia, a integridade, a solidariedade, a igualdade de xénero, a apertura, a rendición de contas ou a responsabilidade social; como tamén dunha xestión irreprochable dos seus recursos financeiros, con controis para previr os conflitos de intereses ou a duración limitada ata un máximo de tres anos dos seus cargos electos”, apuntou Alberto Pazos.

“Con este fin, propoñemos que as federacións deportivas aproben un Código de Bo Goberno no que se establezan todas estas prácticas de boa gobernanza e integridade, as regras en materia de transparencia, o código de conduta para os seus órganos de goberno ou as normas relativas á xestión e control de todas as transaccións económicas que efectúe a entidade deportiva”, concretou.

INCREMENTO DA PRESENZA DO LOBO

Por outra banda, o portavoz popular referiuse ao auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que suspende cautelarmente ata o vindeiro 31 de xullo a posibilidade para que en Galicia se adopten medidas de control do lobo cando haxa danos acreditados en explotacións gandeiras, unha decisión que cualificou de “totalmente sorprendente, porque en Galicia só se tiñan autorizado dúas solicitudes e aínda non se tiña abatido ningún animal, algo que si ten acontecido noutras comunidades como Asturias ou Cantabria; e porque é contraria ao criterio empregado polos mesmos tribunais en comunidades como Cantabria ou Castela e León”.

“Os principais prexudicados deste auto xudicial son os gandeiros galegos, que ven como o lobo vai continuar campando ás súas anchas por toda Galicia atacando aos seus rebaños e provocándolles considerables perdas económicas” sinalou Alberto Pazos, quen avogou porque a Xunta “defenda, ante quen sexa necesario, o mantemento da biodiversidade e as accións de control sobre esta especie tendo en conta o estado favorable das súas poboacións”.

Neste sentido, lembrou que o numero de manadas na Comunidade galega incrementouse das 84 existentes en 2014 ás 93 contabilizadas na actualidade, estando presente en máis do 90 por cento do noso territorio, unha situación que veu aparellada a un aumento dun 77 por cento dos ataques do lobo e que o número de reses afectadas subira tamén un 55 por cento.

Galicia lidera a escolarización infantil en España grazas ás medidas da Xunta, destacan Raquel Arias e Nicole Grueira en Guntín

As portavoces de Política Social e de Xuventude do Grupo Popular, Raquel Arias e Nicole Grueira, respectivamente, salientaron hoxe a provincia de Lugo conta na actualidade con case 3.500 prazas gratuítas para a atención dos nenos de entre 0 e 3 anos.

Nunha visita ao punto de atención á infancia de Guntín, en compañía do alcalde Ángel Pérez, as deputadas popular subliñaron “a aposta do actual Goberno galego pola escolarización de nenos e mozos galegos, poñendo en marcha medidas pioneiras para posibilitar a gratuidade dos estudos desde o momento de nacer ata que rematan a carreira universitaria”.

En concreto, no que atinxe ao coidado dos menores entre 0 e 3 anos, a Xunta está a investir na provincia de Lugo arredor de 12 millóns de euros, “unha partida que sae do peto de todos os galegos porque, a día de hoxe e a pesar das promesas feitas por Pedro Sánchez, o Goberno central non aporta un só euro para esta iniciativa”, lamentou Raquel Arias.

Froito destas medidas impulsadas pola Xunta, Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de escolarización entre os nenos de 0 a 3 anos co 60,6 por cento, unha porcentaxe que supera amplamente o obxectivo da Unión Europea de chegar cando menos ao 45 por cento en 2030.

Raquel Arias e Nicole Grueira destacaron, ademais, que a Xunta outorgou o Bono Concilia Familia a 1.315 familias da provincia de Lugo nas que traballan os dous proxenitores. Con este bono, o Goberno galego da unha axuda de ata 200 euros por neno para poder acceder a un recurso de conciliación durante os períodos non lectivos.

O PPdeG esixe “explicacións, dimisións e eleccións” a Sánchez: “España non pode ter un Goberno en vilo por cada imputado e por cada rexistro da UCO”

O PPdeG esixe “explicacións, dimisións e eleccións” a Pedro Sánchez porque España “non pode ter un Goberno en vilo por cada imputado ou por cada novo rexistro da UCO” e é necesario “un Goberno que se ocupe dos problemas dos galegos e de todos españois, non só dos propios”.

Precisamente nunha rolda de prensa ofrecida hoxe na sede autonómica do partido, a secretaria xeral Paula Prado afeou ao presidente do Goberno que leve “44 días sen aparecer ante os medios de comunicación e sen dar explicacións do que está pasando no Goberno de España”. Unha situación que cualifica de “insostible”.

“Cando está implicada por corrupción a muller do presidente, o irmán do presidente, o ex-número dous do presidente e o actual número dous do presidente, ademais do fiscal que nomeou o presidente, é evidente que o problema é o presidente”, sostén a número dous dos populares galegos.

Criticou que todo isto ademais “está danando a imaxe de Galicia” e recordou neste sentido a presenza de Santos Cerdán –implicado nun suposto cobro de comisións– hai uns meses nun acto do PSOE galego acompañando a Xosé Ramón Gómez Besteiro e o propio Pedro Sánchez. Así como a participación no seu día de Álvaro García Ortiz –“o primeiro fiscal xeral do Estado procesado”– e Isabel Pardo de Vera –“presunta socia de Ábalos”– tamén nun acto socialista en Galicia.

Centrándose concretamente na situación do fiscal xeral do Estado, Paula Prado amosou a súa incredulidade ante o feito de que “permaneza nas súas funcións”, xa que “non pode perseguir delitos quen presuntamente os cometeu”. Algo que, na súa opinión, se une a toda unha serie de casos que fan do Goberno de Sánchez un “goberno agónico que está danando a imaxe de España en todo o mundo”.

“Non hai en Europa un primeiro ministro con todo o seu entorno persoal e político investigado por corrupción, nin un goberno que degrade as institucións ou cometa fraudes de lei impunemente, nin tampouco fiscais xerais que senten no banco por delinquir contra rivais políticos seguindo as ordes da Presidencia do Goberno”, sintetizou.

GALICIA, UNHA COMUIDADE FUNDAMENTAL PARA O PARTIDO POPULAR

Paula Prado concluíu que Pedro Sánchez “non pode seguirlle negando aos galegos e a todos os españois a posibilidade de expresarse con liberdade, nas urnas, sobre os feitos tan graves que estamos coñecendo nos últimos meses” e por iso pide a convocatoria de eleccións para que “España teña, da man de Alberto Núñez Feijóo, o presidente que merece”.

“O Congreso Nacional do Partido Popular será o lugar onde dicir que el é o futuro que merece a Moncloa”, engadiu facendo referencia a este evento no que o PPdeG estará representado por un total de 316 compromisarios electos das catro provincias (91 da Coruña, 95 de Pontevedra, 77 de Ourense e 53 de Lugo) e que se dividen entre compromisarios natos (membros da Xunta Directiva Nacional) e electos. E aos que hai que sumar tamén a representantes de Novas Xeracións.

Unha vez concluído o proceso de recollida de avais para a candidatura de Alberto Núñez Feijóo, que no caso de Galicia ascenden a máis de 8.500, o seguinte paso serán as asembleas de votación do candidato a presidente nacional do PP, que se celebrarán o próximo luns 16 de xuño de forma simultánea nas sedes habilitadas.

“O PPdeG terá, como sempre, un papel relevante no Congreso e estou segura de que o seguirá tendo no funcionamento do partido, empezando polo presidente nacional”, subliñou Paula Prado como vogal na Comisión Organizadora deste Congreso e na que José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol, exerce de secretario.