Paula Prado critica que a implantación da nova Lei de Xustiza sairalle gratis ao Goberno central fronte aos máis de 5 millóns de euros que deberá pagar a Xunta

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe no Parlamento de Galicia que a aplicación da nova Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza “sairalle gratis ao Goberno central fronte a un custo superior aos cinco millóns de euros para a Xunta, unha nova mostra máis da política que segue o Goberno de Pedro Sánchez de eu invito e ti pagas”.

Ademais, enmarcou esta nova lei nun novo episodio do “asalto que o Goberno central está levando a cabo para o debilitamento da independencia e liberdade dos xuíces e maxistrados”, que se suma á designación do Fiscal Xeral do Estado, á renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, ao nomeamento de Cándido Conde Pumpido como Presidente do Tribunal Constitucional, á aprobación de leis á medida das necesidades do Presidente Sánchez ou ás reformas do sistema de acceso á carreira xudicial ou do Estatuto do Ministerio Fiscal.

Nunha pregunta formulada esta mañá na Comisión 1ª ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, Paula Prado explicou que a nova Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza suporá a supresión de xulgados, coa conseguinte sobrecarga de traballo dos restantes; a limitación das posibilidades de acceso á cidadanía; a desprotección ás vítimas de violencia de xénero; e a creación de dúas clases de Xustiza diferenciadas en función do lugar de residencia: unha para as cidades e outra para o rural.

OÍDOS XORDOS ÁS DEMANDAS DAS COMUNIDADES

“Pero o que resulta máis indignante é o sistema de financiamento para a implantación deste lei previsto polo Goberno de Pedro Sánchez, cargando todo o custo ás comunidades autónomas e librando de pago algún á Administración central”, sinalou a viceportavoz popular, quen concretou que no caso da Xunta o gasto situarase entre os 5 e os 7 millóns de euros.

Paula Prado asegurou que “o importante en materia de Xustiza para o Goberno de Pedro Sánchez é avanzar no debilitamento e a liberdade de xuíces e maxistrados, sen atender a máis mínima das demandas e as necesidades realizadas polos cidadáns ou as comunidades autónomas”.

“Estamos ante o fin da independencia da actuación xudicial e temos que ter moi presente cando morre a xustiza, morre a democracia”, sinalou a viceportavoz popular. Así, afirmou que “neste proceso enmárcase a aprobación desta nova Lei en materia de eficiencia da Xustiza, un paso máis logo dos realizados polo Goberno de Pedro Sánchez na designación do Fiscal Xeral do Estado, primeiro unha ex ministra e despois un compañeiro con carné socialista; o bloqueo da renovación do CXPX e posterior reforma do sistema de nomeamento dos seus integrantes para poder designalos a dedo; o nomeamento de Conde Pumpido, historicamente vinculado ao PSOE, como presidente do Tribunal Constitucional; ou a nova metodoloxía lexislativa de redactar e aprobar leis á medida e ás necesidades do Presidente do Goberno, como a Lei Begoña ou a Lei Koldo”.

O PP pide no Congreso acceso aos expedientes do Goberno de Sánchez dos contratos das obras na liña ferroviaria entre Monforte e Lugo que aparecen nos informes da UCO

O PP lucense lamenta que “Monforte estea no centro da corrupción do PSOE” porque aparece nos informes da UCO en relación a presuntas mordidas e comisións en contratos da liña entre Monforte e Lugo. “Lamentamos que Monforte e a provincia de Lugo estean vinculados a eses casos próximos a Pedro Sánchez”.

Así se expresaban en rolda de prensa dende Monforte, a “zona cero da corrupción do PSOE en Galicia”, o deputado monfortino no Congreso dos Deputados, Francisco Conde, e a deputada autonómica e portavoz municipal, Katy Varela, en rolda de prensa acompañados por representantes do PP no Congreso, no Parlamento de Galicia e no Concello.

Conde trasladou o seu rexeitamento a “este tipo de actuacións vinculadas coa corrupción” e pide ao Goberno de Sánchez e ao PSOE “máxima transparencia e toda a información para que que se coñeza a verdade”. Nese sentido, os deputados no Congreso teñen solicitado acceso aos expedientes das obras que figuran no informe da UCO: os relacionados co tratamento de elementos da infraestrutura (pontes, túneles e explanacións) entre os p.k. 379+750 e 386+474 e coas obras de emerxencia de desprendementos nos taludes entre os p.k. 380+895 e 381+145 do tramo Monforte – Lugo da liña 800 adxudicados por máis de 6M€ e máis de 1,4M€, respectivamente.

O deputado popular esixe que “tanto o PSOE en Madrid e na provincia dean explicacións e asuman as responsabilidades políticas” vinculadas a feitos que “nada teñen que ver coa xestión dos fondos públicos”.

Pola súa banda, Katy Varela incidiu na “preocupación” polos informes da UCO nos que aparece o nome de Monforte e que derivaron na prisión preventiva de Santos Cerdán, “unha persoa próxima a Tomé”. Así mesmo, lembra que “no último pleno municipal, o alcalde recoñeceu a existencia de tres malfeitores, pero non poden dicir que non afecta ao PSOE porque no caso de Santos Cerdán era o último número 2 de Pedro Sánchez”.

Varela afea que Tomé “se aliñe” con Pedro Sánchez e “non condene máis a súa actitude” ante unha situación “alarmante” que rodea a persoas próximas ao presidente do Goberno. Así, manifestou a súa preocupación ante “as amizades perigosas de Tomé” que “segue defendendo a Isabel Pardo de Vera e incluso a nomeou pregoeira das festas de Monforte “a pesar de deixar a liña Ourense-Lugo sen os investimentos comprometidos polo Goberno de Rajoy”.

A portavoz municipal do PP asegurou que “estaremos vixiantes para que Monforte non saia salpicado”.

FALTA DE COMPROMISO COS SERVIZOS FERROVIARIOS DA PROVINCIA

Francisco Conde sinalou que “a única certeza que temos dende o punto de vista dos investimentos do Goberno de Sánchez na liña entre Ourense e Lugo é que o AVE non vai chegar á provincia de Lugo porque non permiten a construción das variantes” de Os Peares-Canabal e Rubián que si permitirían que os trens alcanzasen a alta velocidade na provincia.

O deputado popular lembrou “os incumprimentos e mentiras que se trasladan aos usuarios” porque din que todos os servizos ferroviarios se ían a repoñer e se faría o traxecto dende Ourense en tren, pero a día de hoxe ten que volver a empregarse o bus”. Tamén lembrou “a redución de frecuencias e os cambios de horario que prexudican a conectividade da provincia con Madrid”.

Outros agravios en materia de infraestruturas ferroviarias son a dilatación no tempo das obras de electrificación da liña Ourense – Monforte – Lugo e que supoñen o illamento do núcleo de Santo Estevo do Sil (Pantón) sen que o Goberno de Sánchez teña rectificado.

O PPdeG reivindica o modelo de gratuidade educativa “desde o nacemento ata a universidade” que sitúa a Galicia como “referencia en conciliación e loita contra o reto demográfico”

O PPdeG reivindica o modelo de educación gratuíta “desde o nacemento ata a saída da universidade” do que gozan os galegos e galegas gracias ao Goberno de Alfonso Rueda e co que Galicia se posiciona como “referencia en conciliación e loita contra o reto demográfico”.

Así o quixeron poñer en valor os populares galegos na reunión da Comisión de Educación do partido que tivo lugar en Vedra e na que participaron, entre outros, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o responsable de Educación, Ciencia, Universidades e FP do Goberno galego, Román Rodríguez, o coordinador da Comisión, Ovidio Rodeiro, e o alcalde Carlos Martínez.

“A educación en Galicia tamén goberna grazas a un profesorado e unha comunidade educativa con vocación e dedicación e grazas á procura constante da calidade, a excelencia e a accesibilidade no sistema educativo”, sinalou Paula Prado ao tempo que incidía na capacidade deste sistema para “vertebrar o territorio” chegando alí onde están os alumnos e ofrecéndolle posibilidades a todos eles.

A secretaria xeral do PPdeG quixo remarcar na súa intervención que, se a educación en Galicia goberna, é porque “se basea en ensinar e formar, non en adoutrinar”. De feito, reivindicou que “o ensino de calidade é aquel que non cre en ningún tipo de imposición ideolóxica, lingüística ou partidista, senón que ofrece unha visión ampla para que a xente decida en liberdade”.

Facer o contrario, indicou, xeraría “rexeitamento” e “desapego”. De aí que o Goberno aposte por “convencer en vez de impoñer” para que así os galegos e galegas “poidan ser libres e críticos dentro dunha sociedade plural e aberta”.

“Unha cousa é educar en valores e outra educar en ideoloxía, que é o que queren outros. Os outros a única independencia que queren e á de Galicia”, afirmou Prado en referencia ao “Bloque Negacionista Galego”; ao que acusou de ser “o partido do ‘non’ tamén á neutralidade ideolóxica” e o causante de que “calquera decisión da Xunta se converta en manifestación e alboroto coa CIG e a UPG por detrás”.

Nesta liña, afeoulle ao BNG a súa aposta “polo supremacismo de sinalar, atacar e perseguir a todo aquel que non pensa igual; pola manipulación ideolóxica nas aulas e polo pensamento totalitario e intransixente”. Unha postura que contrapuxo co convencemento do PPdeG de que “nun servizo público tan esencial como o ensino debe haber neutralidade ideolóxica ao igual que en todas as escolas do mundo”.

“Temos que formar cidadáns que crean na liberdade de expresión e no respecto ao diferente. Por iso desde o Partido Popular seguiremos apostando pola educación da Galicia, seguiremos crendo nun ensino para todos e non só para unha minoría e seguiremos dicindo ‘si’ ao futuro de Galicia”, concluíu.

ROMÁN RODRÍGUEZ: “SOMOS MÁIS DE FACER QUE DE FALAR”

Pola súa banda, Román Rodríguez defendeu as medidas do PPdeG en materia de ensino como “políticas cribles de longo percorrido que están a obter os mellores resultados posibles grazas á estabilidade” da que goza Galicia desde hai anos: “Unha cousa é o que se di e outra o que se fai. Nós somos máis de facer que de falar, máis de pala que de pico, e os resultados están aí”.

Neste senso, aludiu ao “esforzo que fai economicamente” o Goberno galego, co presidente Alfonso Rueda á fronte e que cada curso incrementa as medidas de apoio ás familias. Trátase, como lembrou, de compromisos coa cidadanía que se fan realidade no menor prazo de tempo posible.

Como exemplos, citou a nova desgravación fiscal pola compra de libros de texto e material escolar, que foi aprobada no Debate do Estado da Autonomía celebrado o pasado mes de abril e que onte mesmo empezou a funcionar. Ou a matrícula universitaria gratuíta, unha das principais promesas do programa electoral do PPdeG nas últimas eleccións autonómicas e que se fixo realidade nos 100 primeiros días de goberno.

A EDUCACIÓN DA GALICIA QUE GOBERNA

A reunión da Comisión de Educación do PPdeG tivo lugar na Estación de Santa Cruz de Ribadulla, onde se celebrou unha mesa redonda moderada polo viceportavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Julio García Comesaña, que destacou a importancia das cuestións relativas á educación no traballo diario dos deputados e deputadas do PPdeG.

Entre os participantes nesta mesa redonda estaba Manuel Vila, secretario xeral técnico de Educación no Goberno galego, que destacou entre outros avances a posta en marcha do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, pioneiro en España e en Europa.

Tamén Eugenia Pérez, responsable de Formación Profesional no Goberno galego, quixo salientar o salto cualitativo que ten experimentado esta modalidade formativa en Galicia nos últimos anos malia os impedimentos que puxeron outros partidos políticos nun primeiro momento.

O coordinador e presidente da Comisión de Educación do PPdeG e tamén alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, fixo fincapé no traballo deste “laboratorio de ideas” dos populares galegos á hora de recoller as propostas recibidas desde todos os sectores do sistema educativo galego e transformalas en medidas reais e efectivas.