O PPdeG celebra que Galicia poida exercer xa as competencias do litoral: “Traballámolo, mereciámolo e chegou o momento de recuperar o tempo perdido”

O PPdeG celebra o “fito histórico” que supón que Galicia poida exercer xa as competencias de xestión do seu litoral logo de anos de reivindicacións lideradas polo presidente Alfonso Rueda e que agora se traducirán nunha maior seguridade xurídica para as empresas, os particulares e os concellos ubicados ao longo dos máis de 1.500 quilómetros de costa da nosa Comunidade.

“Galicia traballouno, Galicia merecíao, e demostrará a partir de agora por que pedía esas competencias”, afirmou ao respecto a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, logo de manter unha reunión en Cangas con representantes do sector mar-industria na comarca na que estivo acompañada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a líder local do partido, Loli Hermelo.

Prado incidiu en que “para os galegos o mar é emprego, é riqueza e é vida” e de aí que ao longo destes anos se traballara para que o litoral galego foxe xestionado desde Galicia: “Non tiña sentido que iso se estivera facendo desde un despacho de Madrid, cando somos a Comunidade con máis quilómetros de costa de España”.

De feito, remarcou que o espazo litoral sobre o que agora o Goberno galego terá plenas competencias abrangue unha superficie de 16.000 quilómetros cadrados –o equivalente a “máis do triplo da superficie que ten a provincia de Pontevedra”– e no que se atopan 86 concellos, incluído o de Cangas, que “teñen moito que dicir e cos que a Xunta vai valar e deixar claro que isto non vai de cores”.

“É o momento de recuperar o tempo perdido co noso litoral e por iso, fronte aqueles que só protexen o medio ambiente nas súas pancartas, o PPdeG ofrecerá realidades e seguridade xurídica para protexer a nosa costa”, concluíu afeando a actitude mostrada ao longo deste tempo por un Goberno estatal do que “o único que Galicia recibiu foron negativas, desprezos e adiamentos”.

Xa en clave nacional, Paula Prado asegurou que “Galicia e toda España necesitan xa deixar de sufrir a parálise dun Goberno central ocupado exclusivamente en tapar a súa corrupción”. E, por iso, avanzou que esta fin de semana medio millar de galegos e galegas, liderados polo presidente Alfonso Rueda, “tomarán partido por España” no Congreso Nacional do PP. Un evento no que Galicia, asegurou logo do nomeamento de Miguel Tellado como novo secretario xeral nacional e co presidente Alberto Núñez Feijóo, “será protagonista”.

GALICIA GOBERNA O SEU LITORAL

Todas estas cuestións foron abordadas na reunión que os representantes do PPdeG tiveron con membros da cadea mar-industria para valorar a repercusión destas novas competencias asumidas por Galicia. Entre eles, a presidenta e o secretario de Frigoríficos do Morrazo, Sonia Barreiro e José Carlos Barreiro, o co-fundador de Wofco, Alberto Barreiro, o patrón maior da Confraría de Cangas, Javier Costa, e os xerentes de Pescados Marcelino, Gustavo Adolfo Marcelino e Ramón Marcelino.

Logo da reunión e da visita á piscifactoría de Frigoríficos do Morrazo, puideron dar un paseo polo litoral deste concello e a cuxo remate o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, abordou a relevancia que o litoral ten para esta provincia.

“Tres de cada cinco empresas que máis facturan na nosa provincia pertencen ao sector mar-industria, por non falar das vivendas e equipamentos públicos que se sitúan no litoral e nos converten nunha provincia que mira ao mar e que, en consecuencia, coida ao mar”, explicou.

Por iso o líder provincial comprometeu o traballo e apoio de Pontevedra ao Goberno galego na xestión de “algo crucial” como é o litoral. De feito, quixo felicitar ao presidente Rueda e a todo o seu equipo: “Grazas ao seu inxente traballo e tras anos de loita, conseguimos que as decisións sobre o noso as tomemos nós”.

Loli Hermelo, pola súa banda, incidiu na importancia da Lei do Litoral aprobada hai dous anos e que agora fará posible, unha vez asumidas estas competencias, que Galicia “poida xestionar o seu litoral, protexer o seu medio ambiente, decidir sobre o seu futuro e crecer dun xeito sustentable”.

“Cangas é un concello que vive cara o mar e que ama o seu mar porque representa todo o que somos”, asegurou a líder do partido neste concello ao tempo que facía referencia ao pasado vinculado á antiga fábrica de Massó e ao futuro que teñen por diante as numerosas empresas asentadas no litoral cangués.

O PPdeG esixe á alcaldesa de Moaña que asuma as súas competencias e regule a práctica da pesca recreativa nos portos deste concello

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, acompañado do portavoz do PP en Moaña, Alfonso Piñeiro, esixiron hoxe á alcaldesa deste concello que asuma as súas competencias, do mesmo xeito que o fixeron noutras localidades galegas, e regule a práctica da pesca recreativa no portos deste municipio pontevedrés. “Sabe perfectamente que a Xunta, a través de Portos de Galicia, está disposta a colaborar para poder ampliar esta actividade nos portos moañeses, polo que a decisión está na man do Concello que se poida desenvolver unha actividade que ten carácter lúdico, veciñal e non puramente portuario”, apuntou.

Miguel Fidalgo lamentou que o Concello de Moaña “continúe poñendo trabas e rexeitando sistematicamente que os pescadores recreativos poidan exercer a súa afección nos portos deste municipio, demostrando un absoluto desinterese polas demandas dun colectivo que só busca desfrutar dun lecer saudable e tradicional”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta, a través de Portos de Galicia, “xa propuxo en repetidas ocasións, a última vez en outubro de 2023, a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Moaña para autorizar e regular a práctica da pesca recreativa nas instalacións portuarias, tal e como fan con éxito outros Concellos galegos como Baiona, A Guarda, Porto do Son, Ribeira, Cervo, Muros, Malpica ou A Laracha”. “Porén, a alcaldesa de Moaña decidiu ignorar esta posibilidade, enviando mesmo unha negativa por escrito e amparándose en supostas “falta de efectivos” e outras escusas que non se dan noutros municipios”, indicou.

DAR AS COSTAS Á VECIÑANZA

Miguel Fidalgo subliñou o compromiso da Xunta por dar resposta ás peticións dos pescadores recreativos, ao tempo que realiza investimentos de máis de un millón de euros nos portos de Moaña nos últimos meses, con obras como a renovación da iluminación, a mellora do peirao da Mosqueira ou a remodelación da sede da Sociedade Deportiva Tirán.

“Resulta evidente que a alcaldesa de Moaña prefire dar as costas á veciñanza e aos pescadores recreativos, inventando problemas e cargando culpas a outras administracións en lugar de asumir as competencias que si asumen outros Concellos”, criticou o portavoz popular, quen afirmou que “esta postura irresponsable e sectaria deixa sen opcións a centos de persoas que queren practicar un deporte que, ademais de lúdico, contribúe á dinamización social do municipio”.