O PPdeG visita en Verín a sede do distrito forestal XIV e salienta o operativo de prevención e loita contra os incendios forestais de Galicia

Os deputados do Grupo Popular Miguel Ángel Viso, Cristina Campero e Víctor Baladrón visitaron a sede do distrito forestal XIV no concello de Verín para comprobar o operativo de prevención e loita contra os incendios forestais que se dispón en Galicia, no que unha das súas referencias é este distrito ourensán no que traballan directamente máis de 200 persoas.

Os deputados populares fixeron un percorrido polas instalacións, que abarcan unha superficie próxima aos 2.500 metros cadrados nas que se instalou unha base da unidade operativa na que o persoal do servizo de prevención e extinción de incendios pode conciliar o traballo co descanso.

A sede conta dos dúas plantas. Unha primeira acolle a sede e o centro de coordinación, desde onde se xestiona a loita contra os incendios forestais a través dun sistema de vixilancia forestal implantado pola Xunta, mentres que a outra é utilizada polo persoal da base da unidade operativa, e conta con zona de vestiarios, aseos, sala de formación, almacén e zona de ocio, ademais dun espazo suficiente para gardar os vehículos todoterreo e as motobombas.

O dispositivo de loita contra os incendios forestais en Galicia está integrado este ano por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Sobre os medios materiais, Galicia contará de novo cunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta de Galicia e os que achega o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais.

Unha das cuestións nas que se prestará maior atención á posibilidade de coñecer con antelación o risco de lume, deseñando estratexias preventivas que contribúan a diminuír o número de incendios e a superficie queimada. No caso concreto da sede do distrito forestal XIV de Verín, este ano conta con 19 cámaras de vixilancia ao estar considerado todo o distrito como zona de alto risco de incendios, ao tempo que se continúa desenvolvendo unha ferramenta para controlar os riscos e os lumes transfronteirizos, no marco dunha colaboración establecida con Portugal.

O PPdeG pon a produción de pementos de Padrón como referencia de produto de prestixio e sustentable totalmente compatible co desenvolvemento industrial desta comarca

O deputado do Grupo Popular e portavoz do PP de Padrón, Ángel Rodríguez, acompañado da tamén deputada Carmen Pomar, visitaron unha explotación de pementos en Herbón para destacar a importancia deste produto para a toda economía desta comarca, colleitado dunha maneira sustentable e de xeito totalmente compatible co importante desenvolvemento industrial existente ao seu arredor.

Ángel Rodríguez e Carmen Pomar salientaron “o recoñecemento que o pemento de Padrón ten a nivel nacional e internacional” e lembraron que na actualidade está na súa época de maior produción.

“Os invernadoiros de pementos de Padrón son un exemplo de produción sostible e de motor económico para o sector agrícola desta zona e o fan dun xeito totalmente compatible nunha comarca que é coñecida polo seu desenvolvemento industrial, coa presenza de importantes empresas como Nestle, Finsa ou Cortizo”, destacaron.

Os deputados populares afirmaron que “Galicia é un claro exemplo de convivencia de distintos sectores que fan da Comunidade galega unha rexión próspera, con alto nivel de empregabilidade e con unha clara proxección nacional e internacional, non só polos sectores primarios, como a pesca, a gandería ou a agricultura, mais tamén por ser referente en industria madeireira, conserveira, automobilística ou de materiais de construción”.

Na súa visita a Herbón, Ángel Rodríguez e Carmen Pomar asistiron tanto ao proceso de recolección do pemento como ao seu envasado para a súa posterior comercialización, “un proceso no que se mestura a capacidade competitiva do traballo tradicional coa aplicación das técnicas máis innovadoras”.

O PPdeG urxe ao Concello de Lugo que responda ao requirimento da Xunta para poder levar adiante as obras de conexión exterior do saneamento do parque empresarial das Gándaras

Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro, xunto coa tamén deputada e portavoz do PP local, Elena Candia, urxiron hoxe ao Concello de Lugo a responder ao requirimento enviado pola Xunta de Galicia para poder levar adiante as obras de conexión exterior do saneamento do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras. “É lamentable que a nula xestión do Goberno municipal estea a provocar un retraso inxustificable nestas obras e paralizando proxectos tan indispensables para a creación de riqueza e emprego neste concello”, sinalaron.

Nicole Grueira e Enrique Barreiro lembraron que “hai case ano e medio que a Xunta remitiu ao Concello de Lugo o requirimento sobre a modificación do proxecto construtivo da conexión exterior de saneamento do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras, documento polo que a día de hoxe segue esperando e, conseguintemente, retrasando sine die a realización desta obra”.

DEMANDA REITERADA POLA CONSELLEIRA AO ALCALDE EN MARZO

“Non pode ser que un escrito que foi recibido no Concello o 21 de marzo de 2024, e que foi reiterado pola propia conselleira ao alcalde na súa visita á cidade o pasado 20 de marzo, estea a día de hoxe sen darlle resposta, tendo en conta que se trata dun documento indispensable para que a Xunta poida levar adiante un proxecto que axudará no desenvolvemento económico e industrial de Lugo”, sinalaron os deputados populares.

Neste sentido, contrapuxeron “a nula axilidade na xestión dos temas municipais que está a demostrar o Goberno local para facilitar o desenvolvemento industrial en Lugo coa decidida aposta da Xunta pola mellora da competitividade dos polígonos industriais”. En concreto, Nicole Grueira e Enrique Barreiro lembraron as axudas da Consellería de Economía e Industria destinadas á mellora da seguridade e da competitividade de polígonos como os das Gándaras ou do Ceao, a través das que poden obter selos ou certificacións de calidade que acrediten que compren determinadas características diferenciais e superiores á media.

A Xunta de Galicia leva investidos no parque das Gándaras cerca de 60 millóns de euros. Neste momento está en proceso de execución a urbanización de dúas novas fases e xa están en tramitación outras dúas, que suporán un incremento da superficie do polígono dun 28 por cento. Con esta actuación, a superficie do parque achegarase aos 1,6 millóns de metros cadrados, dos 2,1 millóns que están previstos en total, e contará cunha mellora das súas comunicacións, dando resposta á demanda existente dos empresarios para contar cunha mellor conexión co polígono do Ceao e un acceso máis directo á autovía A-6.

O PPdeG demanda ao Goberno central que presione á Comisión Europea para a inclusión do porto de Vigo na Rede Básica Transeuropea

Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez demandaron hoxe ao Goberno central que presione á Comisión Europea para que se inclúa o porto de Vigo na Rede Básica Transeuropea de Transporte. “É necesaria unha estratexia clara e vontade política para conseguir unha compensación económica coa que levar adiante as obras clave que precisa o porto vigués e coñecer os criterios de reparto dos fondos portuarios do Corredor Atlántico, en particular os 3.100 millóns de euros anunciados polo Comisionado para investimentos ata 2030”, manifestaron.

Acompañados da presidenta do PP de Vigo, Luísa Sánchez, Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez afirmaron que “desde o PPdeG levamos anos defendendo o papel esencial do porto de Vigo como motor económico de Galicia e nodo estratéxico para toda a Península”, polo que criticaron que “fora inxustamente vetado da Rede Básica Transeuropea durante un goberno do PSOE de Rodríguez Zapatero”.

DESPREZO

“Hoxe ese castigo provoca dolorosos atrasos en obras craves, ao que se suma o desprezo co que o Goberno de Pedro Sánchez trata a este porto en relación con outras infraestruturas semellantes de España”, manifestaron. En concreto, referíronse á imposibilidade de acceder a parte dos 3.100 millóns de euros que repartirá o Goberno central nin a fondos europeos como o Connecting Europe Facility, mentres outros portos con menos tráfico e fundamento si o fan.

Os deputados populares consideraron “lamentable que o Goberno de España se lave as mans e, en lugar de asumir a súa responsabilidade, traslade aos eurodeputados a responsabilidade de revisar os criterios de acceso á Rede Básica Transeuropea”. Neset sentido, destacaron que os eurodeputados do PP “fixeron o seu traballo e logo de propoñer e negociar, conseguiron introducir 25 emendas para que Vigo fose porto nodo, pero o Goberno de Pedro Sánchez, ostentando a presidencia do Consello Europeo, non defendeu nin unha soa”.

“Vigo cumpre con todos os criterios técnicos: ten conexión ferroviaria, ten a plataforma PLISAN, opera como porto pesqueiro líder en Europa e é vital para a soberanía alimentaria e a automoción do Atlántico, polo que esiximos unha estratexia clara e vontade política para conseguir a súa inclusión na Rede Básica Transeuropea de Transporte, así como que se habilite unha mesa de traballo intergubernamental de revisión dos criterios de inclusión nesta rede, se active un plan de compensación financeira para a realización de obras clave no porto de Vigo, e exista unha transparencia total na repartición de fondos estatais”, apuntaron.