O PPdeG esixe ao alcalde de Vigo que recapacite a súa decisión e permita que a Xunte leve adiante o proxecto do novo Centro de Asociacionismo

As deputadas do Grupo Popular Patricia García e Loli Hermelo esixiron hoxe ao alcalde de Vigo que recapacite a súa decisión e permita que a Xunta leve adiante o proxecto do Centro de Asociacionismo que ten previsto implantar no antigo edificio xudicial da rúa Lalín, no que ten previsto investir 19 millóns de euros para atender as necesidades de locais de 70 colectivos vigueses.

Xunto á delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a presidenta do PP nesta cidade, Luisa Sánchez, Patricia García e Loli Hermelo criticaron que o alcalde vigués “poña os intereses partidistas por enriba das necesidades da cidade” e lamentaron que “máis de 70 entidades veciñais, culturais e sociais están a verse prexudicadas por quen prefire preitear antes que dialogar e chegar a acordos entre as administracións públicas”.

TRANSFERIDO Á XUNTA EN 1994

O antigo edificio xudicial da rúa Lalín foi transferido sen condicións á Xunta polo Estado en 1994, polo que consta ao seu nome no Catastro e abona o IBI anualmente polo mesmo. O Concello de Vigo concedeu nun primeiro momento licenza de obra á Xunta para a realización do proxecto de adecuación deste edificio, pero dous meses despois decidiu suspendela alegando dúbidas sobre a titularidade do inmoble.

Diante desta situación, as deputadas populares demandaron ao alcalde de Vigo que “aparque a súa fobia contra todo o que ten que ver coa Xunta na cidade e mire algo polos beneficios dos seus veciños e asociacións, que están esperando por unhas instalacións nas que poder levar adiante os seus proxectos e actividades, pero que o Concello ten paralizadas sen xustificación congruente algunha”.

Ver a luz

Pedro Puy.

A película The Blues Brothers (1980) xa é de culto. O seu argumento é coñecido: os irmáns Jake e Elwood Blues, interpretados respectivamente por John Belushi e Dan Aykroyd, decátanse de que van embargar e vender o orfanato católico do barrio marxinal de Chicago no que se criaran, por falta de pagamento do imposto de bens inmobles. Nunha celebración relixiosa, agora baptista, oficiada polo reverendo Cleophus James (James Brown), Jake ve a luz. Ten unha misión: salvar o orfanato xuntando a súa banda de Blues, dar un concerto, e coa venda de entradas evitar o desafiuzamento da irmá Mary Stigmata, alias Nai Pingüín. No proceso, son perseguidos pola Policía Local polas máis de cen multas de aparcamento pendentes de Elwood, por unha moza abandonada por Jake, por unha banda de músicos country aos que suplantan nun local e por unha tropa de neonazis aos que atropelan durante unha manifestación. O concerto é un éxito, o imposto é pagado, pero a cidade de Chicago queda medio esnaquizada tralas frenéticas persecucións.

Esta semana o presidente do Goberno, Sánchez, tamén viu a luz. Foi en Santiago de Chile, no Palacio de la Moneda (o bombardeado por Pinochet), na compaña dos presidentes das repúblicas chilena, brasileira, colombiana e uruguaia. Pronto se unirán México e Honduras, e anúnciase algún que outro país de maior exemplaridade e tradición democrática, como Australia ou Canadá. A súa misión: salvar a democracia. Crear unha plataforma en defensa das institucións democráticas fronte aos movementos populistas de ultradereita e unha «dereita tradicional que ten sucumbido diante desa internacional reaccionaria do odio e a mentira». Non semella que sexa así en Alemaña, Polonia ou na Unión Europea, onde os seus correlixionarios gobernan coa dereita tradicional. Máis ben parece unha prolongación do muro que erixiu na súa investidura. Cuestión de visións.

Non só na ficción os irmáns Blues, cumprindo unha nobre misión tras ser alumeados pola divindade, deixaron tras de si unha boa recua de escachamentos. Foi a comedia musical máis cara da historia. Os 12 millóns de dólares de orzamento inicial convertéronse en 27,5, algo comprensible nunha película na que ademais das extraordinarias participacións de James Brown, Ray Charles, Aretha Franklin ou John Lee Hooker foron contratados máis de 500 extras, 200 membros da Garda Nacional de Illinois e 100 policías locais de Chicago, máis de 60 coches de policía que remataron esnaquizados, 3 tanques Sherman e 3 helicópteros, que precisaron un permiso especial para deixar caer o coche dos neonazis desde 400 metros de altura. Co tempo, os ingresos compensaron a produtora, pero a súa rodaxe segue a ser un exemplo de como non facer as cousas a xeito.

E é que ás veces as boas misións, xurdidas de alumeamentos, deixan consecuencias. Pola nobre causa de salvar a democracia no mundo fronte ao populismo da extrema dereita, en España poden quedar polo camiño a independencia e unidade do poder xudicial, a función lexislativa, orzamentaria e de control do poder lexislativo, ou a capacidade do Estado de recadar con equidade os seus propios tributos progresivos en todo o territorio. Quizais antes de dar leccións de democracia ao mundo sería prudente non esnaquizar o Estado de dereito en España. Ignoro os motivos, pero en España a película The Blues Brothers comercializouse co título de Granujas a todo ritmo.