Alfonso Rueda apela á recuperación da “normalidade extraordinaria” de Galicia facendo un chamamento á unidade e o consenso: “Traballaremos para seguir axudando á xente cando de verdade o necesita”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fai un chamamento colectivo a todos os galegos e galegas para que sigan mantendo a unidade e o consenso de cara a recuperar canto antes a “normalidade extraordinaria” dunha Galicia que “se axuda cando máis falta fai e se mantén unida cando as cousas veñen mal” e que, lonxe da confrontación, traballa “desde a humildade” para afrontar os retos que ten por diante”.

No tradicional acto de inicio de curso político do Partido Popular celebrado hoxe en Cerdedo-Cotobade, que este ano estivo marcado polo recordo dos incendios das últimas semanas, o líder dos populares galegos subliñou que Galicia xa está no camiño desa recuperación. Proba diso é que as axudas do Goberno galego dirixidas aos afectados por estes lumes xa están publicadas desde onte no DOG e poderanse solicitar a partir de mañá.

De feito, explicou que estas axudas “non teñen límite orzamentario” e se estenderán “ata onde faga falta” grazas ao feito de que a nosa Comunidade ten aprobados os seus Orzamentos e xa traballa na aprobación dos do vindeiro ano. Algo que, na súa opinión, é froito precisamente da “normalidade extraordinaria” da que goza Galicia e que lle permite “reaccionar con rapidez cando a xente o necesita”.

“Iso é o que a xente demanda dos seus gobernantes cando deposita en nós a súa confianza: que os apoiemos cando o necesitan”, remarcou o presidente do PPdeG ao tempo que demandaba a mesma “dilixencia” por parte do Goberno central á hora de tramitar as axudas estatais comprometidas. Porque é o momento, insistiu, de que o Executivo estatal demostre “respecto, empatía e solidariedade con Galicia”.

Fronte a aqueles que “pensan que cada situación de sufrimento é unha oportunidade para montar liorta ou tentar obter rédito político” e que “sempre critican sen aportar solucións”, Rueda comprometeu o seu traballo “humilde” para “corrixir os erros cometidos, tomar todas as medidas que haxa que tomar para estar o mellor preparados posibles e concienciar á xente de que a prevención e a loita contra os incendios é unha tarefa colectiva”.

“Traballaremos por volver á normalidade desde a unidade e o consenso, mirando cara adiante e afrontando todos os retos que temos por diante”, reiterou asegurando que “a Galicia que chorou este verán e que tan mal o pasou durante tantos días vaise recuperar” e que o PPdeG “será parte fundamental desa recuperación”.

Diante do presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou así mesmo que o PPdeG é un partido “aliñado” para, chegado o momento, facer presidente de España “a quen ten que selo por moitas razóns de urxencia” do mesmo xeito que xa fixo presidente a Xerardo Fernández Albor, a Manuel Fraga e ao propio Feijóo ata en catro ocasións.

O MOMENTO DOS AGRADECEMENTOS

Alfonso Rueda dedicou gran parte da súa intervención tamén a dar as grazas a todos os técnicos e integrantes dos corpos de extinción da Xunta de Galicia, así como aos voluntarios que “se presentaron a traballar sen ter que pedirllo” e aos veciños e veciñas que “souberon que neses momentos de tensión era o momento de traballar unidos, coordinados e seguindo as instrución das Forzas e Corpos de Seguridade”.

Todos eles, xunto aos medios remitidos polo Goberno central “cando os deixaron vir”, fixeron un “grandísimo labor” que o presidente galego considerou de xustiza recoñecer e que quixo agradecer publicamente ao igual que a disposición e a preocupación demostradas por líderes autonómicos “de todas as cores políticas”.

“Houbo xente á que non fixo falta chamala para dicirlle o que necesitabamos e á que non fixo falta mandarlle por escrito unha relación de necesidades despois de días explicando a súa urxencia”, explicou.

Pazos: “O presidente Alfonso Rueda estivo, está e seguirá ao fronte da emerxencia, traballando sempre en favor dos galegos”

O portavoz parlamentario do Grupo Popular, Alberto Pazos, subliñou hoxe na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo, está e estará ao fronte da emerxencia incendiaria que afectou nos últimos días a Galicia, así como a práctica totalidade de España e gran parte de Europa, priorizando sempre traballar en favor dos galegos.

“O presidente da Xunta estivo dando a cara, acompañando aos afectados, dirixindo o dispositivo máis grande da historia de Galicia e aprobando medidas inmediatas de apoio ás vítimas, sempre do lado dos afectados”, indicou Alberto Pazos, en contraste cunha oposición “que decidiu que a súa prioridade era atacar ao Goberno en lugar de arrimar o ombreiro”.

Pazos recordou que o presidente da Xunta estivo “no centro de coordinación de Ourense, en Santiago e no CECOPI; visitando concellos afectados, escoitando a gandeiros e veciños; solicitando medios adicionais ao Goberno central; dirixindo consellerías para artellar a axuda; comparecendo practicamente a diario para informar con transparencia e serenidade; e presidindo hoxe un Consello de Goberno extraordinario para aprobar as primeiras axudas”.

PRIORIDADE DO GOBERNO GALEGO

O portavoz popular destacou que “a prioridade do Goberno galego foi e segue sendo combater e extinguir os lumes, atender ás vítimas e facilitar información con transparencia, e por iso están xa en marcha axudas útiles, rápidas e de tramitación sinxela para reconstruír vivendas, restaurar viñas e explotacións e reactivar economicamente as zonas afectadas, porque iso é o que esperan os galegos e non o ruído estéril da oposición”.

Alberto Pazos puxo en valor na súa intervención o maior dispositivo antiincendios da historia de Galicia, con máis de 3.000 profesionais, máis de 200 bombeiros, GES e Protección Civil, 343 efectivos de brigadas municipais, Policía Autonómica, UME e Forzas de Seguridade, máis de 30 medios aéreos, 380 motobombas, 36 buldóceres e 12 unidades Batracio.

Un continxente público que se enfrontou a centos de lumes, moitos deles provocados. “Galicia non arde, a Galicia quéimana, e malia a magnitude desta vaga de incendios, o Goberno galego respondeu con eficacia e coa máxima implicación”, sinalou.

UNHA OPOSICIÓN CENTRADA NOS ATAQUES

Fronte a este traballo, Pazos criticou que a oposición “se dedicase a repetir consignas de Moncloa, a espallar bulos e a cuestionar o labor dos técnicos, profesionais que merecen respecto e non ataques políticos”.

“Mentres Alfonso Rueda e o seu Goberno deixaban a pel, a oposición dedicouse á confrontación estéril, ás vacacións interrompidas a medias e a pedir dimisións ou comisións de investigación antes sequera de analizar a realidade”, apuntou o portavoz popular.

Alberto Pazos: “En Galicia a axuda, antes de que a pidan, xa está en camiño”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe que en Galicia, “a diferenza do que ocorre noutras latitudes”, a axuda, antes de que a pidan, sempre está en camiño, facendo alusión á dilixencia da Xunta na loita contra a vaga de lumes máis extraordinaria que sufriu e continúa a sufrir Galicia nos últimos días.

“O Goberno galego liderou unha resposta áxil, firme e eficaz: puxo en marcha o mellor dispositivo antiincendios da nosa historia, activou as primeiras medidas de emerxencia, solicitou desde o primeiro momento a colaboración de todas as administracións e definiu o alcance das perdas e a necesaria restitución das zonas afectadas co obxectivo de convocar axudas de xeito inmediato”, indicou Alberto Pazos.

PRESIDENTE RUEDA Á ALTURA DO QUE O PAÍS NECESITA

O portavoz popular destacou que Galicia contou co liderado do presidente Alfonso Rueda, “á altura do que o país necesita”, quen desde o primeiro momento estivo ao fronte do dispositivo, informando, coordinando e avaliando o apoio necesario á cidadanía, liderando con decisión, prontitude e proximidade.

Engadiu que a Xunta puxo en marcha de inmediato as primeiras axudas de emerxencia para os gandeiros e traballa xa na definición de novas liñas destinadas a vivendas, explotacións, establecementos, infraestruturas e outros ámbitos, ademais das actuacións de restitución nas zonas afectadas. Pazos subliñou a eficacia dun dispositivo que cualificou como o mellor da historia de Galicia, un referente nacional que se activou con rapidez e actuou con rigor nun contexto excepcional, agravado por condicións meteorolóxicas adversas e por unha vaga de lumes que continúa afectando outras comunidades autónomas e distintos países do sur de Europa.

Recordou que o operativo está formado por máis de 3.000 profesionais do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, máis de 200 bombeiros, GES e protección civil, 343 efectivos de brigadas municipais, 380 motobombas, 36 buldózer, 32 medios aéreos, ademais da Policía Autonómica, a UME e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Pazos subliñou tamén que Galicia solicitou antes que ninguén axuda á Unión Europea e reclamou ao Goberno do Estado unha maior implicación, ao tempo que lamentou que desde Madrid se tardase en enviar efectivos e se optase por críticas e anuncios baleiros en lugar de reforzar a colaboración.

O portavoz popular indicou que “mentres o presidente da Xunta asumía a coordinación do operativo e a avaliación dos danos, outros optaron por non interromper as súas vacacións nin apoiar aos equipos despregados”.
Criticou, deste xeito, a actitude dunha oposición en Galicia aliada á “manipulación dunha catástrofe” fronte ao traballo serio e rigoroso da Xunta.

A OPOSICIÓN DO RUÍDO E O ALBOROTO

Engadiu que en lugar de arrimar o ombreiro, houbo quen eludiu responsabilidades e quen priorizou promover protestas, facendo ruído no canto de axudar. “Galicia non merece unha oposición así: BNG e PSdeG limitaron a súa resposta ao que mellor saben facer ante calquera problema que xurde en Galicia: ruído e alboroto”, sinalou.

Pazos lembrou que na axuda que sempre está en camiño en Galicia non ten cabida a manipulación nin o uso partidista dunha traxedia. “Ese nunca será o noso proceder” afirmou, convencido de que Galicia sairá adiante, como fixo sempre, con unidade, co esforzo colectivo de todos e coa solidariedade que caracteriza ao pobo galego.

Finalmente, trasladou no seu nome e no do PPdeG o máis profundo agradecemento aos profesionais que loitaron e seguen a loitar contra o lume, día e noite, polo seu esforzo, entrega e valentía, así como aos voluntarios, ás asociacións veciñais e a todos os galegos e galegas que, coa súa colaboración, fixeron posible manter a esperanza nos momentos máis difíciles. Destacou que, unha vez máis, quedou demostrado que a forza e a solidariedade do pobo galego son inmensas.

Lumes e problemas

Pedro Puy.

Ten moita razón Benítez Reyes cando di que un dos principais problemas que presenta un problema é o da retórica que despregamos en torno a el, porque en realidade un problema necesita unha solución, e non unha controversia.

Coñecemos o problema dos lumes, especialmente en Galicia. Algúns datos. Practicamente a totalidade do monte galego (o 97 %), dous millóns de hectáreas, é de propiedade privada. En Europa, por termo medio, é público o 50 %. Galicia representa, redondeando, o 6 % do territorio español, pero aproximadamente o 28 % dos propietarios de monte en España (calcúlase que 900.000 galegos son titulares dalgunha parcela forestal).

Prevalece o minifundismo, e boa parte dos titulares do monte son descoñecidos, nada menos que o 40 % nas fincas limítrofes (franxas) ás vivendas. Xa se sabe: emigración ou herdanzas sen repartir. O monte cumpría unha función de subsistencia socioeconómica hai dúas xeracións (en 1950, o 80 % da poboación vivía no medio rural e da terra), pero hoxe, cando non abandonado (case unha terceira parte é toxo e matogueira), o monte está desordenado, primando a rendibilidade económica a curto prazo: máis doutro terzo do monte galego son pinos e eucaliptos. Só o 15 % ten ordenación silvícola e só unha quinta parte é bosque de frondosas. E entre 1989 e 2011 a metade do noso territorio agrícola cambiou de uso.

Tamén sabemos que non son un problema os servizos de extinción autonómicos. Públicos na súa totalidade en Galicia (agás os medios aéreos), a súa capacidade está fóra de toda dúbida: o número de lumes apagados, ano a ano e tamén este, dá conta disto; e se non poden cun lume é simplemente porque non se pode con ese lume, como tamén acontece en sitios tan distantes, e ricos, como Australia ou California. Ninguén financia servizos públicos pensando na peor das situacións, do mesmo xeito que Ucraína non investía o mesmo en armas antes da invasión que en plena guerra.

Se alguén quere saber cal é o problema dos lumes pode consultar as preto de trescentas páxinas do Ditame da Comisión de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do plan forestal de Galicia, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2018. Elaborouse coas achegas de preto de 60 expertos e 50 informes de institucións académicas e sociais, e as súas conclusións e recomendacións, que guían desde entón a política da Xunta, foron mesmo demandadas pola Asemblea da República Portuguesa. O ditame, aprobado por unha ampla maioría (PPdeG e PSdeG-PSOE, co voto en contra das Mareas e o BNG, que aínda así apoiaron o 90 % do seu contido), dá conta da magnitude do problema ao que nos enfrontamos, e do tempo que vai levar resolvelo.

Entre as máis de cen recomendacións, por certo, non figura a de abrir controversias políticas en medio da maior vaga de lumes da historia, e si a de promover a colaboración entre todas as Administracións. A conveniencia de non abrir controversias políticas mentres moitos se xogan a vida contra as lapas defendeuno o outro día a vicepresidenta terceira do Goberno de España desde Baiona. Xusto antes de anunciar a súa presenza horas despois nunha manifestación contra a política forestal da Xunta. Os lumes son un problema. Ben distinto do problema da retórica política incendiaria.

Paula Prado: “A prioridade é apagar os incendios e apoiar ás familias, non utilizalos para facer política”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reiterou hoxe que “nestes días tan duros que estamos a vivir en Galicia, a prioridade absoluta do Goberno da Xunta foi e segue sendo conter os lumes canto antes e, sobre todo, evitar consecuencias persoais”.

“Desde o primeiro momento, tanto o presidente Alfonso Rueda como todo o PPdeG puxemos por diante a responsabilidade e a unidade. Eu mesma pedín deixar a un lado calquera enfrontamento político, porque todos os cargos do noso partido estiveron —e seguen a estar— ao servizo da emerxencia, colaborando onde fixera falta. Este era o momento de remar todos xuntos”, subliñou.

Paula Prado lembrou que, mentres milleiros de persoas loitan contra o lume, “o mínimo que lles debemos é respecto e apoio, non utilizar esta traxedia para facer política partidista”. Por iso cualificou de “incomprensible, aínda que non sorprendente” a actitude do BNG, que “a pesar de afirmar ao principio da semana que a prioridade era apagar o lume, preferiu impulsar manifestacións co país ardendo”.

“Do mesmo xeito, a vicepresidenta Yolanda Díaz decidiu interromper as súas vacacións en Galicia non para apoiar aos equipos de extinción nin para ofrecer máis axuda, senón para participar nunha protesta e lanzar bulos”, engadiu.

A secretaria xeral do PPdeG recalcou que “Galicia merece unidade e responsabilidade, non aproveitamento electoral en plena crise. Agora é o momento de traballar todos xuntos para frear os incendios e atender as familias afectadas. Haberá tempo para o debate político, pero hoxe lamentamos profundamente a manipulación e a utilización partidista dunha catástrofe”.

Finalmente, Paula Prado puxo en valor o labor da Xunta: “Estamos dedicados ao que verdadeiramente importa: a loita contra o lume e a preparación das axudas ás persoas afectadas. Esa é a diferenza entre uns e outros: mentres algúns convocan manifestacións co monte aínda ardendo, nós estamos a traballar por Galicia”.

Paula Prado: “Galicia precisa agora máis que nunca feitos, responsabilidade e unidade fronte á vaga de lumes”

A secretaria xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, trasladou hoxe unha mensaxe de solidariedade a todos os galegos e galegas ante a vaga incendiaria que está a asolar Galicia, e especialmente a aquelas persoas que ven ameazadas as súas vidas, vivendas e recursos.

Prado puxo en valor “o traballo titánico dos profesionais que, con valentía e entrega, arriscan as súas vidas para protexer as casas, as aldeas, as persoas e o noso patrimonio natural” e recoñeceu tamén “o exemplo dun pobo enteiro que, coa súa unión e xenerosidade, volve demostrar nestes momentos tan duros o mellor de Galicia”.

En relación co dispositivo, subliñou que “funciona con profesionalidade e eficacia” e destacou que a Xunta de Galicia, en coordinación co resto de administracións, está a empregar “todos os medios dispoñibles desde o primeiro minuto”, ao tempo que lamentou que “o Goberno central non puxese a disposición de Galicia todos os recursos dende o inicio”.

Neste sentido, quixo poñer en valor a resposta áxil do Executivo galego na mobilización de axudas: “Xa están activadas as axudas de emerxencia para os gandeiros, co obxectivo de garantir de xeito inmediato o alimento para o gando afectado. Esa é a prioridade nestes momentos: dar respostas rápidas e útiles ás persoas que máis sofren as consecuencias desta vaga incendiaria”.

“Galicia non pode permitirse respostas tardías: precisamos actuacións á altura desde o primeiro momento”, advertiu.

Prado incidiu en que “hai que dicilo con claridade: algúns destes incendios son intencionados. E contra quen comete estes delitos debe haber tolerancia cero, caendo sobre eles todo o peso da lei”.

UN PRESIDENTE Á ALTURA DO QUE MERECE GALICIA

A secretaria xeral do PPdeG puxo en valor a implicación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “que acudiu diariamente ao Centro de Coordinación, se reuniu con alcaldes, veciños e equipos de emerxencias, desprazouse ás zonas afectadas e impulsou as axudas que se activarán tras a avaliación dos danos”.

“Estamos a falar dun presidente á altura do que merece Galicia, fronte a outras actitudes irresponsables, como lanzar fogos artificiais en plena vaga incendiaria ou mesmo rirse dos afectados, como fixeron determinados membros do PSOE e do Goberno de España”, engadiu.

Prado asegurou que “todos os cargos do Partido Popular de Galicia están ao servizo desta emerxencia, colaborando alí onde sexa necesario, porque este é o momento de remar todos xuntos”. Nese sentido, pediu que “ninguén pretenda aproveitar esta traxedia para sacar rendemento político” e instou á oposición a “abandonar a crítica estéril e presentar propostas útiles, reclamando en Madrid todos os recursos necesarios”.

“Non imos aceptar que se empregue esta situación excepcional como arma política. Galicia precisa, agora máis que nunca, feitos, responsabilidade e unidade”, concluíu.

O PPdeG impulsa unha “ofensiva parlamentaria” para demandar ao Goberno central que as sete cidades galegas conten cun xulgado de violencia de xénero

Os representantes do Partido Popular de Galicia no Congreso e no Senado impulsan unha “ofensiva parlamentaria” dirixida ao Goberno de España en ambas cámaras e coa que pretenden que “dunha vez por todas” as sete cidades galegas conten cun xulgado específico de violencia de xénero.

A través dunha batería de preguntas e mocións que serán debatidas no próximo período de sesións, os populares galegos demandan ao Executivo a creación de seccións especializadas de violencia sobre a muller nas cidades de Pontevedra, Lugo e Ferrol; así como que as de Vigo e A Coruña non se poñan en marcha a costa da transformación dos xulgados de instrución existentes.

“A violencia sobre a muller é unha das grandes lacras da nosa sociedade na medida en que afecta tanto á dignidade das mulleres como á igualdade real entre homes e mulleres. De aí que sexa necesario poñer todos os medios posibles ao alcance das administracións para combatela de maneira eficaz e eficiente”, xustifica a senadora galega e portavoz de Xustiza do Grupo Popular no Senado, Pepa Pardo —no Congreso, a iniciativa está encabezada por Pedro Puy—.

Os populares explican que as recentes decisións do Goberno de Pedro Sánchez –a través do Real Decreto para a dotación de novas prazas en seccións de violencia sobre a muller e da Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza– van precisamente “no sentido contrario” na medida en que non atenden a demanda de incrementar as prazas en Galicia e, pola contra, incrementarán a carga de traballo das xa existentes.

“Non se contempla a creación das prometidas seccións de violencia sobre a muller nas cidades de Pontevedra, Lugo e Ferrol –o que faría que as sete grandes cidades galegas contasen cada unha delas cunha sección exclusiva–, suprímense dúas prazas de instrución en Vigo e A Coruña e, no caso de Santiago de Compostela e Ourense, amplíase a xurisdición de sendos tribunais de instancia preexistentes”, manifesta Pardo sobre a problemática xerada.

Neste sentido, o PPdeG faise eco do manifestado polos colexios profesionais de avogados e procuradores alertando de que a saturación de asuntos que xa se vive nos casos concretos de Vigo e A Coruña vaise ver agravada: “Trátase dunha decisión disparatada e dun timo, porque o que necesitamos é a creación de xulgados novos, non a transformación nin a sobrecarga de traballo das prazas xa existentes”.

Os parlamentarios galegos recordan así mesmo que o Goberno galego xa ten solicitado en reiteradas ocasións ao Ministerio de Xustiza que reconsidere a súa proposta “atendendo ao colapso que con toda probabilidade se producirá pola acumulación de asuntos en ambas cidades” e que, na mesma liña do que ten demandado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, proceda á creación de seccións de violencia sobre a muller en Lugo, Pontevedra e Ferrol.

Paula Prado: “O PPdeG está ao carón da xente e dos equipos de extinción mentres a oposición fai política pequena e o Goberno central nin está nin se lle espera”

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, valorou hoxe a actualidade dos incendios que afectan a Galicia e criticou con dureza a actitude da oposición galega e do Goberno central.

Prado lamentou que, “unha vez máis, vexamos o de sempre: ao señor Besteiro como fiel servidor de Pedro Sánchez e a Ana Pontón, que non interrompeu as súas vacacións e aparece hoxe única e exclusivamente para criticar sen argumentos, con absoluta deslealdade a todas as persoas que levan días e días loitando contra o lume”.

Neste sentido, asegurou que “temos unha oposición que non está á altura do que Galicia e a súa xente merecen”, e puxo en valor que, mentres tanto, “o presidente Alfonso Rueda está ao carón do dispositivo de extinción e dos veciños e veciñas afectados”.

A secretaria xeral do PPdeG tamén se referiu ao Executivo de Pedro Sánchez: “nin está nin se lle espera. España está ardendo de norte a sur e o presidente continúa na súa residencia vacacional da Mareta, alleo aos problemas dos españois”. Prado lembrou que “foi Feijóo quen pediu axuda á Unión Europea desde Galicia, mentres o Goberno de España limitouse a reaccionar tarde e mal”.

Finalmente, criticou a actitude dos ministros de Sánchez, “que tampouco aportan solucións e chegan ao ridículo de rir en público en lugar de ofrecer respostas serias, por exemplo, ás persoas afectadas polos cortes nas liñas ferroviarias”.

“En Galicia temos claro cal é o camiño: apoiar sen fisuras a quen loita contra o lume e estar ao lado da nosa xente, fronte a unha oposición que só pensa en criticar e a un Goberno central ausente”, concluíu Paula Prado.

O PPdeG acusa ao Goberno central de manter os seus desprezos a Galicia tamén no verán, especialmente en materia de conectividade

O viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular e portavoz en materia de Ciencia e Innovación, Julio García Comesaña, asegurou esta mañá en rolda de prensa que “outro verán máis, o Goberno central demostra que non colle vacacións… pero dos seus desprezos a Galicia”.

García Comesaña criticou con dureza que, mentres outras administracións baixan o ritmo no verán, Pedro Sánchez e os seus ministros manteñen ben activo o seu desleixo coa nosa terra, especialmente en materia de conectividade. “Galicia segue sendo para o Goberno central unha Comunidade periférica, secundaria, prescindible”, afirmou, e advertiu de que a falta de cobertura dixital e móbil, tanto en zonas rurais como nas principais infraestruturas de transporte, é unha mostra clara dese abandono continuado.

O viceportavoz popular lembrou que a Xunta leva máis de 12 anos traballando con rigor e investindo en infraestruturas de telecomunicacións, con plans pioneiros como os de Banda Larga 2010-2013 e 2015-2020, así como cunha nova liña de axudas avalada pola Comisión Europea para mellorar a cobertura móbil nos núcleos rurais. Grazas a ese esforzo, Galicia conta cunha cobertura superior ao 95% e con conectividade en polígonos industriais onde antes non había ningún acceso.

Fronte a isto, Comesaña denunciou que o Goberno central, malia ter competencias exclusivas e máis de 4.300 millóns de euros en fondos europeos, non está a cumprir coas súas obrigas. “Seguimos sen cobertura suficiente nas autovías, nas liñas ferroviarias e en moitas áreas rurais. Nin mapa de cobertura actualizado, nin coordinación coa Xunta, nin vontade real de actuar”, sinalou.

Ante esta situación, o Grupo Popular presentou varias iniciativas parlamentarias co obxectivo de forzar ao Goberno central a asumir as súas responsabilidades e actuar con decisión para mellorar a conectividade en Galicia. En primeiro lugar, solicítase o desenvolvemento dun mapa completo de conectividade nas principais infraestruturas terrestres da Comunidade —autopistas, autovías e liñas ferroviarias— en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), co fin de coñecer con exactitude as zonas sen cobertura e poder planificar actuacións eficaces que garantan un acceso á rede axeitado en todo o territorio.

Así mesmo, pídese a posta en marcha de medidas concretas que resolvan as deficiencias de conectividade existentes, tanto nas áreas rurais como nas contornas urbanas próximas ás cidades, onde a cobertura segue a ser insuficiente. A Xunta, a través da Amtega, ofrece a súa colaboración técnica ao Goberno de España para axudar a planificar e executar esas actuacións con rigor, aproveitando o profundo coñecemento que ten do territorio e da súa realidade social, económica e xeográfica, indicou o viceportavoz popular.

“Non é admisible que en pleno 2025 sigan existindo zonas de Galicia sen cobertura nas súas vías principais de comunicación”, concluíu Comesaña, quen reclamou “seriedade, responsabilidade e vontade política por parte do Goberno de España para garantir unha conectividade real, que é clave para a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento económico da nosa terra”.

O PPdeG demanda ao Goberno central o rescate inmediato da concesión da AP-9 e a liberación das peaxes nesta vía

O Partido Popular de Galicia demanda ao Goberno central que, logo do recente ditame da Comisión Europea, acorde de inmediato o rescate da concesión e a liberación das peaxes da AP-9 por ser “a opción máis beneficiosa para Galicia e máis razoable para as contas públicas”.

Os populares veñen de rexistrar no Parlame a xestión da Autopista do Atlántico por parte do Estado nos últimos anos foi claramente prexudicial para o interese xeral e especialmente para Galicia”, nto de Galicia unha proposición non de lei con este fin aproveitando a “ventá de oportunidade” que supón, na súa opinión, o prazo de resposta concedido ao Executivo por parte das autoridades europeas logo da emisión dese ditame. “Esta eventualidade pode supoñer unha oportunidade para avanzar no obxectivo de acadar unha AP-9 galega e libre de peaxes”, afirman.

Argumentan que o rescate desta autopista estatal e a liberación das peaxes supón “a alternativa máis vantaxosa para o interese público” na medida en que, segundo os cálculos da Xunta de Galicia, o custo da indemnización polo rescate da vía (entorno dos 2.356 millóns de euros) sería similar ao custo que supón o mantemento do actual sistema de bonificacións para os usuarios ata o remate da concesión.

A isto súmase que o rescate da concesión e a liberación da peaxe implicarían o transvasamento do tráfico desde as estradas convencionais cara á AP-9, o cal redundaría en numerosos beneficios ambientais, de seguridade viaria, de calidade de vida e de competitividade que tamén deberían ser cuantificados polo Ministerio para un mellor criterio na toma de decisión sobre o rescate.

“Queda acreditado unha vez máis que a xestión da Autopista do Atlántico por parte do Estado nos últimos anos foi claramente prexudicial para o interese xeral e especialmente para Galicia”, conclúe o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento galego, Roberto Rodríguez, referíndose aos beneficios económicos da empresa concesionaria e á suba das tarifas que os usuarios galegos sufriron en maior medida que os doutras vías similares no resto de España.

Un desleixo cara Galicia cuxa máxima representación é o feito de que, a día de hoxe, as prórrogas á tramitación parlamentaria da proposición de lei sobre a transferencia da AP-9 a Galicia no Congreso dos Deputados ascendan xa a 53 desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa.

Por todo isto, Rodríguez e o resto de deputados do PPdeG consideran que está é “unha oportunidade única” e instan así ao Goberno de España á reflexionar sobre a conveniencia dun rescate que “canto máis tarde se faga, máis caro será para o peto dos galegos e do resto de españois”.