Alfonso Rueda: “Se queremos a mellor Galicia da nosa historia, temos que acadar os mellores resultados da nosa historia”

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, fixo hoxe balance do traballo feito ao longo deste último curso político “sen caer no inconformismo e co obxectivo de seguir mellorando” e marcoulles un obxectivo claro aos seus de cara á volta do verán: “Se queremos a mellor Galicia da nosa historia, temos que acadar os mellores resultados da nosa historia”.

“Traballaremos polo mellor resultado da historia nas próximas eleccións municipais, autonómicas e xerais”, asegurou coa mirada posta no próximo curso político e incidindo en que as tarefas que o partido ten por diante nestes momentos son “defender o feito, mellorar o que se está facendo e preparar o que queda por facer”.

Aproveitando a presenza do secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, na Xunta Directiva celebrada hoxe en Santiago, o presidente asegurou que cada día queda máis constatado que o PPdeG segue inspirando a Alberto Núñez Feijóo e que “mellor irá canto máis xente saiba como se fan a cousas en Galicia”.

O líder dos populares galegos amosouse especialmente orgulloso ante o feito de que “Galicia funciona” grazas a contar con “un Goberno que cumpre, un partido que traballa e un proxecto que serve”. Aí radica, na súa opinión, gran parte do éxito electoral do seu partido e aí se atopan tamén as razóns de que, despois de tanto tempo, o PPdeG siga contando coa confianza dos galegos e galegas.

“Facemos exactamente o que a xente votou”, resumiu o presidente incidindo na importancia de pedir a confianza da xente con propostas “realizables” e logo “cumprir a palabra dada”. Trátase de algo que “debería ser o normal pero na España de hoxe resulta extraordinario” e que resulta especialmente “marciano” se se compara co Goberno de Sánchez.

Nesta liña reivindicou que “fronte ás chantaxes, a crispación e os egos, en Galicia prevalecen o interese xeral, o sentidiño e a tarefa colectiva de seguir dando motivos á cidadanía para que confíe nos seus gobernantes”. Confianza que se gaña, engadiu, cando un gobernante pode facer balance de promesas cumpridas “sen ruído, sen postureo con eficacia”.

Fixo así un breve balance no que mencionou medidas como a gratuidade da primeira matrícula universitaria, a axilización do proceso de recoñecemento da dependencia, o incremento de prestacións na sanidade pública ou os avances no obxectivo de duplicar o parque público de vivenda.

“Somos a Galicia do ‘si’ a intentar poñer remedio aos problemas sen escusas, do ‘si’ a crer en nós mesmos e nas nosas posibilidades e do ‘si’ ao aproveitamento de todas as oportunidades”, concluíu facendo unha contraposición coa oposición do ‘non’ e nomeadamente un BNG e un PSOE que “queren unha Galicia pechada en si mesma e aos que lles sobra todo menos a súa soberbia”.

Por iso quixo rematar a súa intervención facendo un chamamento ao traballo: “Se hai que competir con alguén non é cunha oposición que non está á altura, senón con nós mesmos e co obxectivo de seguir mellorando”.

A ACTUALIDADE QUE DEMOSTRA QUE GALICIA FUNCIONA

A Xunta Directiva celebrada hoxe coincidiu con dúas noticias que confirman que Galicia funciona e que son por unha banda o respaldo da xustiza europea á tramitación eólica levada a cabo polo Goberno galego e, por outra, a aprobación esta mesma mañá do teito de gasto dos Orzamentos autonómicos de 2026.

“Hoxe e todos os días temos que demostrar con orgullo que Galicia funciona, que Galicia goberna e que o goberno de Galicia funciona”, asegurou ao respecto do avance na tramitación da contas públicas do próximo ano.

No que se refire ao fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o presidente do PPdeG asegurou que é “a demostración do que xa se sabía e do que todos deben saber” e que non é outra cousa que o feito de que “os técnicos da Xunta son uns profesionais que traballan con rigor, obxectividade e sen outra motivación que o imperio da lei”. Un fallo, que, en definitiva, supón “un recoñecemento para aqueles que son inxustamente difamados e nunca xustamente recoñecidos polo seu labor”.