O PPdeG acusa ao Goberno central de manter os seus desprezos a Galicia tamén no verán, especialmente en materia de conectividade

O viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular e portavoz en materia de Ciencia e Innovación, Julio García Comesaña, asegurou esta mañá en rolda de prensa que “outro verán máis, o Goberno central demostra que non colle vacacións… pero dos seus desprezos a Galicia”.

García Comesaña criticou con dureza que, mentres outras administracións baixan o ritmo no verán, Pedro Sánchez e os seus ministros manteñen ben activo o seu desleixo coa nosa terra, especialmente en materia de conectividade. “Galicia segue sendo para o Goberno central unha Comunidade periférica, secundaria, prescindible”, afirmou, e advertiu de que a falta de cobertura dixital e móbil, tanto en zonas rurais como nas principais infraestruturas de transporte, é unha mostra clara dese abandono continuado.

O viceportavoz popular lembrou que a Xunta leva máis de 12 anos traballando con rigor e investindo en infraestruturas de telecomunicacións, con plans pioneiros como os de Banda Larga 2010-2013 e 2015-2020, así como cunha nova liña de axudas avalada pola Comisión Europea para mellorar a cobertura móbil nos núcleos rurais. Grazas a ese esforzo, Galicia conta cunha cobertura superior ao 95% e con conectividade en polígonos industriais onde antes non había ningún acceso.

Fronte a isto, Comesaña denunciou que o Goberno central, malia ter competencias exclusivas e máis de 4.300 millóns de euros en fondos europeos, non está a cumprir coas súas obrigas. “Seguimos sen cobertura suficiente nas autovías, nas liñas ferroviarias e en moitas áreas rurais. Nin mapa de cobertura actualizado, nin coordinación coa Xunta, nin vontade real de actuar”, sinalou.

Ante esta situación, o Grupo Popular presentou varias iniciativas parlamentarias co obxectivo de forzar ao Goberno central a asumir as súas responsabilidades e actuar con decisión para mellorar a conectividade en Galicia. En primeiro lugar, solicítase o desenvolvemento dun mapa completo de conectividade nas principais infraestruturas terrestres da Comunidade —autopistas, autovías e liñas ferroviarias— en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), co fin de coñecer con exactitude as zonas sen cobertura e poder planificar actuacións eficaces que garantan un acceso á rede axeitado en todo o territorio.

Así mesmo, pídese a posta en marcha de medidas concretas que resolvan as deficiencias de conectividade existentes, tanto nas áreas rurais como nas contornas urbanas próximas ás cidades, onde a cobertura segue a ser insuficiente. A Xunta, a través da Amtega, ofrece a súa colaboración técnica ao Goberno de España para axudar a planificar e executar esas actuacións con rigor, aproveitando o profundo coñecemento que ten do territorio e da súa realidade social, económica e xeográfica, indicou o viceportavoz popular.

“Non é admisible que en pleno 2025 sigan existindo zonas de Galicia sen cobertura nas súas vías principais de comunicación”, concluíu Comesaña, quen reclamou “seriedade, responsabilidade e vontade política por parte do Goberno de España para garantir unha conectividade real, que é clave para a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento económico da nosa terra”.