O Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, será o encargado de abrir o primeiro Pleno ordinario deste período de sesións coa súa comparecencia, a petición propia e tamén atendendo unha solicitude do BNG, centrada na vaga de incendios forestais que sufriu a Comunidade galega neste verán, na que dará conta tanto das medidas de prevención levadas a cabo, como do funcionamento do dispositivo de extinción de incendios e, tamén, das axudas que xa están habilitadas.
Así mesmo, o Grupo Popular demandará na sesión plenaria que o Goberno central proceda ao rescate da concesión e á liberalización das peaxes da AP-9, logo do ditame da Comisión Europea sobre as prórrogas da concesión da autoestrada; e que inicie a negociación dun acordo estatal de vivenda 2026-2030, tal e como se comprometeu Pedro Sánchez antes da Conferencias de Presidentes celebrada no mes de xuño.
“Transparencia e información foi a máxima que guiou nestas últimas semanas as accións realizadas tanto polo Presidente Rueda como por todos os departamentos da Xunta na loita contra os incendios forestais”, sinalou o portavoz popular, Alberto Pazos, quen afirmou que ese é o camiño que se sigue coa comparecencia do Presidente da Xunta no vindeiro Pleno, “na que se porán enriba da mesa todos os datos e as accións levadas a cabo para, primeiro, a prevención dos incendios e, despois, para conseguir a súa extinción, priorizando en todo momento a protección das vidas humanas”.
Alberto Pazos salientou a actuación do actual Goberno galego na loita contra os incendios e sinalou que o dispositivo “é o mellor que existe en toda Europa, e estamos orgullos de todo o esforzo que se fixo para combater uns lumes que os propios técnicos están a definir como inextinguibles, con moita dificultade e moito traballo e, ás veces, con menos apoio do que nos gustaría ter recibido”
Relacionado tamén cos incendios forestais, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre a colaboración e os medios dispostos desde o Goberno central, tanto para a extinción dos incendios como para a recuperación e restauración das superficies queimadas. “Queremos coñecer cal foi e é a resposta do Goberno central ante as demandas feitas desde o Goberno galego para atender as necesidades derivadas dos incendios forestais sufridos estas últimas semanas”, concretou.
DISTRIBUCIÓN DE MENORES E FUTURO SECTOR EÓLICO
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular tamén se interesará pola súa valoración sobre a pretensión do Goberno de España de impoñer, dun xeito unilateral e sen diálogo, un sistema de distribución de menores non acompañados entre as distintas comunidades autónomas; e sobre a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que avala a tramitación dos proxectos eólicos seguida pola Xunta de Galicia, o que contribúe a normalizar o futuro deste sector na Comunidade galega.
Respecto das proposicións non de lei, o Grupo Popular centrará as súas demandas en dúas cuestións. A primeira está relacionada co rescate da concesión e a liberalización da peaxe na AP-9, unha vez que se coñece o ditame da Comisión Europea que advirte da vulneración das regras comunitarias en materia de contratación pública no proceso de prórroga da concesión desta autoestrada.
“Consideramos que esta situación supón unha oportunidade para avanzar no obxectivo de acadar unha AP-9 galega e libre de peaxes, e para iso é necesario que o Goberno de Pedro Sánchez asuma, de xeito inmediato, o rescate da AP-9 e a liberación das súas peaxes, a alternativa máis vantaxosa para todos os galegos e os usuarios desta autoestrada e unha decisión que trae aparellados importantes beneficios sociais, ambientais e de seguridade viaria, así como aforro de tempo e maior competitividade para os usuarios desta autoestrada”, explicou Alberto Pazos.
A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten como obxectivo demandar ao Goberno central que cumpra o compromiso anunciado polo Presidente Sánchez, nunha comunicación enviada ás Comunidades autónomas nos días previos á Conferencia de Presidentes celebrada o pasado 6 de xuño, e inicie a negociación dun Acordo Estatal de Vivenda 2026-2030, acompañado de cronogramas, financiamento e garantías de execución.
Neste ámbito, Alberto Pazos demandou que “calquera medida que a Administración central adopte en materia de vivenda sexa previamente consensuada e dialogada coas comunidades autónomas, para o que consideramos fundamental que convoque a Conferencia Sectorial de Vivenda, que leva case un ano sen reunirse e é o foro de cooperación multilateral no que facer efectiva a participación das comunidades autónomas na definición do interese xeral, o apoio á unidade de acción e o respecto ao seu autogoberno”.