Alberto Pazos pide a BNG e PSdeG que “deixen de mentir aos galegos coa súa defensa da quita da débeda, un negocio ruinoso para Galicia que suporá que cada galego se endebede en 225 euros máis”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe a BNG e PSdeG que “deixen de seguir enganando aos galegos coa súa defensa da quita da débeda, un negocio ruinoso para Galicia que se traduce en que cada galego se endebede en 225 euros máis”. Así mesmo, demandou ao Goberno central que “aproveite o recente ditame da Comisión Europea, que advirte de que as prórrogas da concesión feitas polo Goberno de España vulneran as regras comunitarias en materia de contratación pública, para proceder ao rescate da concesión e a liberalización das peaxes da AP-9”.

Alberto Pazos pediu aos grupos da oposición que “deixen de enganar aos galegos coas virtuais vantaxes desta quita, porque esta decisión do Goberno central só responde aos seus compromisos asumidos cos independentistas cataláns para garantir o seu apoio tanto á investidura de Pedro Sánchez como de Salvador Illa”. En concreto, referíndose ao BNG demandoulles que “deixen de ser o tonto útil do independentismo catalán e defendan por unha vez os intereses reais de Galicia, recoñecendo que esta quita da débeda é un negocio ruinoso para os galegos que só responde aos intereses de Pedro Sánchez por manterse na Moncloa”.

Na súa intervención, o portavoz popular explicou que coa quita da débeda “cada galego verá incrementada a súa débeda pública en 225 euros, unha cifra que resulta dunha conta ben sinxela: por unha banda, a cada galego se lle reduce 1.477 euros da parte que lle corresponde da débeda galega; pero, ao mesmo tempo, a parte que lle corresponde a cada galego da débeda española se incrementa ata os 1.702 euros”. “É dicir: a quita non é outra cousa que traspasar unha parte da débeda das comunidades autónomas ao Estado”, afirmou.

DESPREZO ÁS POLÍTICAS RESPONSABLES

Ademais, engadiu que “non é so que cada galego vexa incrementada a débeda que lle corresponde respecto do conxunto do Estado, senón que tamén supón un desprezo ás políticas responsables desenvolvidas polo Goberno galego ao premiar a quen xestionou pesimamente e malgastaron os seus recursos”.

“Deixen de mentir cando afirman que esta quita suporá máis cartos para investir en políticas sociais, porque a verdade é que, tal e como e fixa a propia Lei de estabilidade orzamentaria, non se poderá destinar os aforros dos xurros para aumentar o gasto en sanidade, educación ou políticas sociais, ou nas axudas ás vítimas dos incendios”, solicitou a BNG e PSdeG.

Alberto Pazos referiuse tamén ao Pleno do Parlamento de Galicia que terá lugar a vindeira semana, que dará comezo cunha comparecencia do Presidente da Xunta sobre os incendios forestais. Neste sentido, salientou “o traballo e a dedicación do Presidente Rueda ao longo destas últimas semanas, desprazándose diariamente ás zonas afectadas polos lumes e recabando información de primeira man sobre a evolución dos incendios e as medidas que se estaban a tomar, porque a prioridade, como xa se dixo, foron as persoas e as vivendas”.

Así mesmo, puxo en valor “o excelente traballo feito por todos os profesionais, bombeiros, brigadas municipais e persoal da policía autonómica, UME e forzas e corpos de seguridade do Estado que teñen participado nas labores de prevención e extinción e extinción dos lumes, afrontando unha situación que, se non fora pola súa capacidade e efectividade, seguro que estaríamos falando de consecuencias moito peores provocadas por estes lumes de natureza explosiva que este verán arrasaron moitas zonas da nosa Comunidade autónoma”.

“A implicación e o compromiso do Presidente Rueda, e de todo o seu goberno na loita contra os incendios forestais viuse, primeiro, estando en todo momento ao carón dos afectados e do operativo que loitaba contra os lumes, e, agora, coa posta a disposición de todos os galegos que se viron afectados polos lumes un amplo paquete de axudas, que abrangue apoios para a recuperación de vivendas, explotacións agrogandeiras, negocios ou instalacións municipais, que buscan chegar a todos os afectados o máis rápido posible e, ademais, ás que o Goberno galego non lles puxo límite orzamentario”, subliñou o portavoz popular.

RESCATE E ELIMINACIÓN DE PEAXES NA AP-9

Por último, e tamén relacionado coa sesión plenaria da vindeira semana, Alberto Pazos lembrou que o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de Pedro Sánchez que aproveite o recente ditame da Comisión Europea, que advirte de que as prórrogas da concesión feitas polo Goberno de España vulneran as regras comunitarias en materia de contratación pública, para proceder ao rescate da concesión e a liberalización das peaxes da AP-9.

“Estamos convencidos de que, neste momento, esta é a alternativa máis vantaxosa para o Goberno de España, tendo presente, ademais, que o custo que suporía o rescate, arredor de 2.356 millóns de euros na actualidade, é semellante á cantidade que se deberá aboar á concesionaria ata o remate da concesión”, explicou.

Pazos afirmou que “estamos ante unha demanda sensata, viable e que compensará a nivel económico o esforzo que neste momento teña que facer o Goberno central”, e avogou porque o Goberno de Pedro Sánchez teña máis receptividade a esta solicitude que a que lle está dando á tramitación no Congreso da proposición de lei de transferencia da AP-9 a Galicia, “un conto sen fin que xa vai por 54 prórrogas na súa tramitación”.