O Partido Popular de Galicia celebra os nomeamentos de dúas das súas deputadas do Congreso, Irene Garrido e Rosa Quintana, nos equipos de pesca e economía do Partido Popular.
O presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta fin de semana o reforzo das dúas áreas, que contarán a partir de agora coas dúas representantes galegas.
Por unha banda, Irene Garrido foi nomeada coordinadora de Economía como parte da Vicesecretaría de Economía e Desenvolvemento Sostible, que está encabezada por Alberto Nadal. A viguesa é doutora en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e foi presidenta do ICO e secretaria de Estado de Economía e Apoio á Empresa durante a etapa do Goberno de Mariano Rajoy.
Os populares fortalecen así o seu equipo económico, tanto “para facer fronte a un Goberno equivocado na súa política económica, industrial e laboral”, como “para empezar a deseñar a España que ha de vir despois de Pedro Sánchez”.
Pola súa parte, Rosa Quintana encargarase da política pesqueira do Partido Popular, baixo a coordinación de Carmen Crespo, nova coordinadora da Política Rural do PP —dependente tamén da Vicesecretaría de Nadal— e líder dun equipo de catro mulleres que traballarán co sector primario en dez áreas prioritarias. “É unha das persoas que máis sabe do mar”, dixo Feijóo sobre a parlamentaria galega.
Quintana, doutora en Bioloxía e conselleira da Xunta durante máis de 14 anos, formará parte polo tanto do equipo que elaborará o Libro Branco polo futuro do sector primario de España, anunciado polo presidente nacional e acordado cos principais representantes do sector e “para que as políticas agrarias se deseñen xunto ao quen as compoñen e non desde os despachos de Bruxelas ou da Castellana”.
Desde o PPdeG, a secretaria xeral, Paula Prado, salienta que estas dúas designacións “volven demostrar que Galicia é un referente en todos os eidos para o resto de España” e asegura que tanto Irene Garrido como Rosa Quintana “serán parte fundamental da chegada doutro galego, Alberto Núñez Feijóo, á presidencia do Goberno de España”.