O Parlamento galego reitera por unanimidade a solicitude ao Goberno central para que asuma o 50% do financiamento da Lei de dependencia e abone os máis de 2.500 M€ que debe á Xunta

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera a esixencia ao Goberno de España para que cumpra co establecido na Lei de Dependencia e asuma o financiamento do 50% do custo dos servizos e prestacións, garantindo un reparto equitativo dos recursos entre o Goberno de España e as comunidades autónomas; e que abone de maneira inmediata a débeda acumulada con Galicia, que supera os 2.500 millóns de euros, permitindo así fortalecer o sistema de atención á dependencia na nosa Comunidade.

Así mesmo, pídese que o Goberno central incremente os fondos destinados ás comunidades autónomas para a atención á dependencia, asegurando que todas as persoas con dereito a prestacións poidan acceder a elas sen demoras inxustificadas; e estableza un plan de financiamento estable e plurianual, que permita ás comunidades autónomas planificar e mellorar os servizos de dependencia con previsibilidade e seguridade orzamentaria.

INTERIORIZAR A GRAVIDADE

A portavoz popular de Asuntos Sociais, Raquel Arias, afirmou que con esta nova proposta “queremos que interioricen a gravidade que ten para as persoas dependentes a débeda de 2.500 millóns de euros do Goberno central con Galicia, demandando aos socialistas galegos que esixan a Pedro Sánchez que trate igual a Galicia que ao País Vasco e ao BNG que lle retire o seu apoio se esa equidade non se da”.

“Porque esta actitude do Goberno central con Galicia está a prexudicar a calidade de vida dos maiores e dependentes galegos, causa un gran prexuízo económico e pon aos concellos ao borde da quebra”, apuntou.

A SITUACIÓN EMPEARA DÍA A DÍA

Raquel Arias lamentou que “a situación empeora día tras día porque Pedro Sánchez, en vez de incrementar a súa aportación para a prestación dos servizos de dependencia, reduciuna nos últimos anos, pasando dunha achega do 40 por cento en 2023 a menos do 35 por cento ao ano seguinte”. “Iso si, comprometéndose co País Vasco a aboarlle o 50 por cento sen escusas, e co aplauso tanto do BNG como do PSdeG”, indicou.

Ademais, criticou que, “a medida que o Goberno central recorta as aportacións, vai modificando a Lei de dependencia para dar máis prestacións e máis servizos aos dependentes, pero en absoluto acompañadas do orzamento correspondente para levalos a cabo”. “Esta situación está a levar á quebra aos concellos, afecta ás políticas xerais da Xunta e, o que é peor, crea unha gran frustración entre os dependentes que ven sobre o papel uns servizos aos que non teñen acceso por falta de financiamento”.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que manteña a cidade de Vigo como sede para a realización dos exames de MIR en Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central o mantemento da cidade de Vigo, xunto con Santiago de Compostela, como sede para a realización dos exames de formación sanitaria especializada (MIR) na Comunidade galega. “É unha demanda que nace do sentido común, da evidencia técnica e do recoñecemento á realidade sanitaria e universitaria galega”, indicou a deputada popular Patricia García.

“Eliminar Vigo como sede dos exames MIR non ten sentido e non só é un erro político, senón que é unha decisión incomprensible, sen criterios técnicos coñecidos e tomada sen diálogo coas comunidades autónomas”, manifestou a deputada popular, quen saudou que a ministra de Sanidade se comprometera co conselleiro de Sanidade a revisar esta decisión e estudar a recuperación da sede en Vigo.

PROPOSTA POSITIVA, LEAL E CENTRADA EN VIGO

Patricia García defendeu “unha proposta positiva, leal institucionalmente e centrada no que de verdade importa: a cidade de Vigo, os aspirantes e o sistema sanitario galego”. Porén, lamentou que, “mentres desde o PPdeG propoñemos sumar, os socialistas galegos optan por dividir e buscar un titular contra a Xunta”.

A deputada popular lamentou que os deputados socialistas “non se sumaran á maioría que aprobou esta iniciativa no Parlamento galego, a través da que enviarmos unha mensaxe clara ao Ministerio de Sanidade: que Galicia está unida na defensa de Vigo como sede dos exames MIR”.

O Grupo Popular incide en que a Xunta impulsará a construción do novo centro de saúde de Fisterra cando o Concello poña a disposición os terreos

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, incidiu hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta impulsará as xestións necesarias para a construción dun novo centro de saúde en Fisterra no momento que desde o Concello se poña á súa disposición os terreos necesarios. “Confiamos que o novo alcalde teña unha actitude máis conciliadora que o anterior grupo de goberno e facilite que os veciños poidan gozar do novo centro de saúde”, manifestou.

“Sen parcela non hai centro de saúde posible”, asegurou Encarna Amigo, quen apuntou que “cando ese terreo se poña a disposición da Xunta haberá un novo centro de saúde, que triplicará o espazo do actual, pasando de 345 a máis de 1.000 metros cadrados, con cinco consultas para adultos, unha de pediatría e unha sala de xuntas para o persoal”.

RETICENCIAS MUNICIPAIS

A deputada popular lamentou que, “a pesar da vontade amosada pola Xunta para construír o novo centro de saúde en Fisterra moderno, accesible, amplo, dotado con equipamento renovado e preparado para albergar novos servizos sanitarios, o Concello non foi quen de poñer a disposición do Sergas unha parcela axeitada”.

Así, lembrou “as reticencias municipais a emprazar o centro de saúde novo nun entorno diferente ao do actual, en pleno núcleo urbano”. Neste sentido, recordou que o Concello pediu estudar a opción de reformar o centro actual, proposta que os técnicos do Sergas concluíron que iso non era viable nin técnica nin economicamente.

O PPdeG critica a “falta de valentía” do Goberno central na súa decisión sobre a AP-9: “Abríase unha oportunidade, pero Pedro Sánchez optou por seguir castigando a Galicia”

O PPdeG critica a “falta de valentía” do Goberno central ao volver desbotar a oportunidade de liberar a AP-9 e con iso “seguir castigando a Galicia” e “condenar aos galegos a continuar pagando peaxes abusivas por unha autoestrada que, por xustiza e por eficacia, debería ser galega e gratuíta”.

Así o manifestaba esta mañá a secretaria xeral Paula Prado no marco da reunión da Comisión de Infraestruturas do partido celebrada hoxe en Pontevedra. Unha reunión na que, ademais dos integrantes deste órgano coordinado por Antonio Ameijide, tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, o líder local do partido, Rafa Domínguez.

“O único compromiso do Goberno central, apoiado polo BNG, é co bloqueo e coa falta de respecto a Galicia”, sintetizaba en referencia ao bloqueo constante por parte do Executivo estatal á posibilidade de transferir a titularidade desta infraestrutura “tal e como demandan de xeito unánime a sociedade galega e o Parlamento de Galicia”.

De feito, a día de hoxe ascenden xa a 56 as veces que a Mesa do Congreso dos Deputados prorrogou o debate sobre a transferencia da AP-9 desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa.

A número dous dos populares galegos censurou neste sentido a “incoherencia” tanto dun PSdeG que “levaba no seu programa e prometía en campaña electoral a liberación e gratuidade da AP-9 e agora aplaude esta decisión de Sánchez no sentido contrario” como dun BNG que “di ser nacionalista pero apoia a un Goberno que vai en contra dos intereses dos galegos”.

“Desde o PPdeG seguiremos traballando con iniciativas en todas as Cámaras para que se faga realidade dunha vez por todas o que Galicia leva anos reclamando: pedir o divorcio de Pedro Sánchez e quedar coa custodia da AP-9”, concluíu.

LUIS LÓPEZ: “PEDRO SÁNCHEZ PREFIRE DEIXARSE CHANTAXEAR ANTES QUE TOMAR DECISIÓNS”

O presidente do PP de Pontevedra, Luis López, indicou que Pontevedra, sendo unha das provincias máis poboadas e dinámicas de Galicia, está a seguir con inquedanza a parálise do Goberno socialista con relación ás infraestruturas.

Luis López detallou que, por mar, Vigo segue aínda ser estar recoñecido como Porto Nodal; por aire, por culpa das taxas de Aena que precipitaron a saída de de Ryanair de Peinador e os experimentos con torres de control remotas que son criticadas polos axentes do sector; e por terra, con estradas nacionais en pésimo estado que máis ben son camiños, como por exemplo a N-120 o seu paso por Ponteareas, os retrasos e caos continuos na rede ferroviaria de media e larga distancia, e agora para rematar cos agravios, coa perda da oportunidade de liberar a AP-9 para que sexa por fin gratuíta.

“Desde Pontevedra lamentamos que o Goberno renunciara a librar a miles de usuarios das peaxes. Prefire deixarse chantaxear a tomar decisións. Coa AP-9, non hai nin rescate, nin máis bonificacións, e nin permiten sequera que se debata o traspaso da vía a Galicia que suma xa 56 bloqueos no Congreso. Atrás quedan promesas electorais e palabras, porque o certo é que a parálise de Sánchez sáelle cara aos milleiros de usuarios”, lamentou o presidente provincial.

A COMPLICIDIDADE DO PSOE E O BNG EN PONTEVEDRA

O líder local do partido na cidade, Rafa Domínguez, engadiu que o Grupo Municipal logrou aprobar dúas mocións neste mandato para instar ao Goberno de España a asumir o rescate da AP-9 e avanzar na liberalización das peaxes.

Domínguez criticou a actitude do BNG e do PSOE de Pontevedra, aos que acusou de ser “cómplices da estratexia de dilación de Pedro Sánchez”. O presidente local do PP está convencido de que os outros dous grupos políticos da Corporación municipal apoian propostas pola reivindicación social, “pero non exercen ningunha presión real sobre o Executivo central porque antepoñen os seus intereses partidistas aos da cidadanía”

A OBSESIÓN DE SÁNCHEZ CON ILLAR A GALICIA

O coordinador de Infraestruturas do PPdeG, pola súa banda, tamén se manifestou nesta liña preguntándose “cales son os motivos que xustifican a obsesión de Pedro Sánchez con illar a Galicia por terra, mar e aire”.

Referíase así ao feito de que a nosa Comunidade estea perdendo conexións aéreas por “decisións unilaterais e imposicións do ministro Óscar Puente” e de que as estradas galegas de titularidade estatal estean “no peor estado de mantemento da historia”. Algo ao que habería que engadir os “incumprimentos reiterados” por parte do Goberno central na posta en marcha de novas infraestruturas.

Para Antonio Ameijide, portavoz do Partido Popular na Deputación de Lugo, o máximo exemplo deste “illamento” é o que acontece tamén no eido ferroviario, con “problemas constantes” e con “provincias enteiras como a de Lugo illadas e desconectadas da Alta Velocidade”.

Aprobado o plan de traballo da Comisión sobre a posible modificación da letra do himno de Galicia

A Comisión especial de estudo sobre a posible modificación da letra do himno de Galicia aprobou o seu plan de traballo, sen ningún voto en contra, que, ademais de incorporar toda a documentación reunida pola ponencia constituída xa na X lexislatura, inclúe a elaboración de informes e comparecencias da Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ademais da presenza do catedrático Manuel Ferreiro Fernández.

O deputado popular José Luís Ferro manifestou que “o plan de traballo ten un valor engadido moi importante porque da protagonismo á cultura e á ciencia galega, non á improvisación nin á polémica, respectando o legado de Pondal pero abrindo tamén unha xanela para pensar no futuro”.

“Non se pode afirmar que é urxente tomar unha decisión definitiva e formular unha proposta cun horizonte temporal de, como mínimo, un ano vista; nin se pode afirmar que buscamos o consenso e propoñer organizacións de parte, cando xa hai antecedentes de consultas ás principais institucións académicas de Galicia; nin se pode afirmar que a modificación dun símbolo de Galicia require unanimidade política e consenso social e pretender impoñela cun articulado pechado; nin podemos afirmar que o himno como símbolo de Galicia ten un enorme valor simbólico e abordar o debate da súa posible modificación só desde un punto de vista do seu rigor filolóxico”, indicou José Luís Ferro respecto das propostas realizadas polos demais grupos parlamentarios.

Deste xeito, cualificou o plan de traballo aprobado como “serio, obxectivo e que solicita os informes pertinentes das institucións que son de todos, non de ningunha cor política”. “Orientar os traballos desta comisión cara unha conclusión predeterminada sería un grave erro, porque o que debemos permitir é un debate aberto e obxectivo sobre se é conveniente ou non modificar o noso himno”, indicou.