O PPdeG reúnese con gandeiros de Montederramo e destacan a creación de pasteiros para favorecer a recuperación das zonas queimadas

Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero, Miguel Ángel Viso, José Luís Ferro e Víctor Baladrón, xunto aos concelleiros do PP Manuel Rodriguez e Lorena Pérez, mantiveron esta mañá un encontro con gandeiros de Montederramo para coñecer as súas necesidades logo da vaga de lumes que sufriu esta zona durante o verán, trasladar e prestar apoio para solicitar as axudas dispostas pola Xunta para avanzar na reparación dos danos, poñendo en valor a creación de pasteiros para a recuperación das zonas queimadas.

Cristina Campero, Miguel Ángel Viso, José Luís Ferro e Víctor Baladrón visitaron diversas explotacións gandeiras deste concello ourensán co obxectivo de coñecer de primeira man os danos ocasionados polos recentes incendios forestais e trasladar aos profesionais do sector o respaldo das institucións.

En concreto, destacaron o esforzo e axilidade da Xunta á hora de activar con rapidez medidas de apoio ao rural. Mostra disto é que a Consellería do Medio Rural xa atendeu a máis de 750 persoas afectadas polos lumes e tramitou ata o momento preto de 150 axudas directas que se beneficiaron das oito liñas de apoio destinadas a agricultores, gandeiros e titulares de montes, que cobren ata o 100 por cento do investimento necesario para recuperar infraestruturas, maquinaria, alimentación do gando ou producións perdidas.

PASTOS DE CALIDADE

Os deputados subliñaron tamén a importancia das accións complementarias, como o impulso aos pasteiros, nos que a Xunta investirá 4 millóns de euros este ano. Trátase dunha ferramenta clave para mellorar a dispoñibilidade de pastos de calidade para o gando, favorecer a recuperación de zonas queimadas e, ao mesmo tempo, contribuír á prevención de futuros incendios ao crear áreas de descontinuidade vexetal.

Segundo explicou Cristina Campero, “é fundamental que os nosos gandeiros saiban que non están sos, que hai un compromiso real e efectivo para que as axudas cheguen canto antes e para dotar ao rural das infraestruturas que precisa para seguir producindo con garantías”. Pola súa banda, Miguel Ángel Viso destacou que “os pasteiros son unha aposta estratéxica, porque melloran a base alimentaria do gando e ao mesmo tempo actúan como cortalumes naturais”.

Finalmente, Marco José Carballal puxo en valor “a capacidade de resposta da Xunta, que está a actuar con axilidade e con medidas realistas, pensadas desde o territorio e para o territorio”.

Deputados do PPdeG animan aos cidadáns a incorporar nos seus hábitos diarios a correcta separación de residuos téxtiles

Os deputados do Grupo Popular Gonzalo Trenor, Rubén Lorenzo e Carmen Pomar visitaron as instalacións de Sogama en Cerceda e salientaron que a nova planta de clasificación de residuos téxtiles que se construirá será “unha oportunidade para lograr un sector máis sostible e circular”, polo que animaron aos cidadáns a incorporar nos seus hábitos diarios a correcta separación dos restos de roupa.

Acompañados do presidente de Sogama, Javier Domínguez, os deputados populares fixeron un percorrido polas instalacións do complexo, facendo unha parada específica no emprazamento no que se levantará a futura planta de clasificación de residuos téxtiles, que suporá un investimento de 22,4 millóns de euros e ocupará unha superficie de 8.000 metros cadrados, dispoñendo dunha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, ampliable a 24.000.

EMPREGO VERDE E PARA COLECTIVOS CON LIMITACIÓNS

Neste momento, Sogama está levando a cabo o movemento de terras para a construción desta nova planta, co obxectivo de que estea operativa a mediados do ano 2026, xerando, nunha primeira fase, entre 16 e 30 postos de traballo, que se destinarán, con carácter preferente, a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. En concreto, o proxecto configúrase como unha oportunidade para o emprego verde e a inserción de colectivos con limitacións á hora de acceder a un traballo.

Gonzalo Trenor animou a concellos e cidadáns a mellorar a separación dos produtos téxtiles do resto dos refugallos a través do seu depósito no contedor axeitado para propiciar o seu posterior reciclado e, con isto, o aforro de custos, tanto ambientais como económicos. “Reciclar non só trae consigo un aforro de materias primas e enerxía, constituíndo unha importante ferramenta na loita contra o cambio climático, senón que tamén supón un alivio económico para os propios concellos, toda vez que reduce a entrega de residuos a Sogama a través do contedor xenérico, minorando as toneladas a tratar nas súas instalacións e, polo tanto, o custo da factura, á vez que os municipios reciben ingresos por parte das entidades recicladoras, posibilitando desta forma unha taxa municipal máis xusta e equilibrada”, explicou.

Así mesmo, os deputados incidiron en que a moda rápida de usar e tirar está a engrosar de forma alarmante as cifras de residuos téxtiles producidos que, na súa maioría, acaban en vertedoiro, a peor das opcións polo seu alto poder contaminante. Por este motivo, recomendaron adquirir pezas de calidade e duradeiras, procedendo á doazón das mesmas cando se atopen en boas condicións para que se poida alongar a súa vida útil, e á súa reciclaxe cando non poidan ser reutilizadas. No caso daquelas que non sexan susceptibles de ser reutilizadas nin recicladas, Sogama as someterá a recuperación enerxética, evitando con isto a súa vertedura.

O PPdeG salienta o impulso do atractivo turístico e cultural que para Bueu supuxo a ampliación do Museo Massó

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos, acompañados da portavoz local do PP, Elena Estévez, salientaron hoxe o impulso do atractivo turístico e cultural que para Bueu supuxo a ampliación e mellora do Museo Massó, no que a Xunta de Galicia realizou un investimento de 1,4 millóns de euros.

García Comesaña e Santos subliñaron que esta intervención converteu ao Museo Massó “nun referente de primeiro nivel do patrimonio mariñeiro de Galicia”, ao incorporar as naves da antiga conserveira e dúas plantas da fábrica de salgadura Piñeiro, duplicando así a superficie expositiva.

Ademais, puxeron en valor a creación da Sala Lugrís, que permitirá exhibir fondos de gran relevancia, como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan preto de 300 metros lineais.

PATRIMONIO CULTURAL E MARIÑEIRO

Os deputados populares salientan tamén a mellora das condicións xerais do centro museístico en materia enerxética e medioambiental, así como na seguridade, climatización e accesibilidade, o que reforza o compromiso do Goberno galego coa conservación e difusión do patrimonio cultural e mariñeiro.

“Con esta actuación a Xunta non só preserva a memoria mariñeira de Galicia, senón que tamén fortalece a oferta cultural e turística de Bueu e de toda a comarca”, destacou a portavoz popular, Elena Estévez Freire.

 

 

As deputadas Katy Varela e Encarna Amigo destacan no Caudal Fest os espazos da Xunta contra a violencia machista, LGBTIfobia e para a prevención de infeccións de transmisión sexual

As deputadas do Grupo Popular Katy Varela e Encarna Amigo destacaron hoxe o traballo que a Xunta de Galicia vén desenvolvendo pola igualdade e a loita contra a violencia contra a muller, un labor que se expande aos festivais musicais, como o Caudal Fest que se está a celebrar en Lugo e onde os mozos e mozos teñen á súa disposición un Espazo de Igualdade e un Punto Lila e Arco Iris.

Nunha visita ao recinto do Caudal Fest, as deputadas comprobaron o funcionamento destes espazos de sensibilización e de atención e asesoramento continuado ante calquera tipo de violencia de xénero o LGBTIfóbica instalados pola Consellería de Política Social, coa colaboración de Turismo de Galicia, neste festival musical.

Estes puntos están compostos por dúas zonas diferentes, pero integradas. Unha primeira, de igualdade, pensada para a aprendizaxe e a sensibilización; e unha segunda, o Punto Lila e Arco Iris, para a atención continuada durante todo o festival a posibles vítimas de agresións sexuais ou calquera tipo de violencia machista ou LGBTIfóbica, que conta, ademais, cun espazo privado para poder facer un acompañamento, de ser necesario, con total confidencialidade.

Ambos espazos están a ser atendidos por un equipo multidisciplinar de profesionais especializados, entre os que se inclúen psicólogos, sexólogos, traballadores sociais, educadoras sociais ou axentes de igualdade con formación específica en igualdade de xénero, trata e prevención da violencia de xénero e LGBTIfobia.

Katy Varela e Encarna Amigo puxeron en valor a posta a disposición de todos os asistentes a este festival, nos que, en colaboración coa Consellería de Sanidade e os centros Quérote +, servirán tamén de espazos de información e prevención das infeccións de transmisión sexual.