Pulseiras que fallan e un Goberno que cala

José Manuel Barreiro.

Hai momentos na política nos que un Goberno debería demostrar altura, responsabilidade e decencia. O escándalo das pulseiras fake de protección contra maltratadores é un deses momentos. A Memoria da Fiscalía Xeral do Estado destapou o que o Executivo de Sánchez intentou ocultar: un fallo técnico nas pulseiras antimaltrato que fixo desaparecer a información sobre a posición de maltratadores deixando a centos de mulleres desprotexidas e abrindo a porta á absolución de ducias de agresores.

O máis grave é que mentres a Fiscalía alertaba dos riscos e os tribunais arquivaban casos o Ministerio de Igualdade dedicábase a restarlle importancia ao problema, pero o dano xa estaba feito. A consecuencia é tan clara como inaceptable: a desprotección das vítimas de violencia machista que confiaron a súa seguridade a un dispositivo que debía ser infalible. Como dixo Alberto Núñez Feijóo, gobernar desde a incompetencia pon en perigo todo.

A incompetencia deste Goberno non é nova, xa vimos os efectos da chamada Lei do “só si e si” que permitiu a excarceración anticipada de máis de mil agresores sexuais. Erro tras erro, este Executivo demostra que non está preparado para protexer. ¿Que mensaxe se lle está trasladando ás vítimas? ¿Que poden ser desprotexidas impunemente e aquí non pasa nada? Non hai nin unha soa dimisión. Ninguén dá a cara. Pedro Sánchez e os seus ministros están tan ocupados en defenderse a si mesmos que esqueceron o seu deber máis esencial: protexer ás persoas máis vulnerables.

Dende o Partido Popular esiximos a dimisión inmediata da Ministra de Igualdade, Ana Redondo, e a apertura dunha investigación que aclare por que un fallo técnico deixou a tantas mulleres en situación de risco durante tantos meses. Onde están as feministas do PSOE? As mesmas dirixentes que cada 8 de marzo encabezan pancartas permanecen agora caladas.

As mulleres non precisan fotos nin discursos, precisan protección real e responsables que dean a cara cando o sistema falla.

España non merece un Goberno de neglixentes e incompetentes. Desde o Partido Popular seguiremos esixindo transparencia, responsabilidades e, sobre todo, dignidade. Farémolo mañá mesmo no Senado, nunha sesión monográfica sobre a violencia contra as mulleres. Porque o que está en xogo non é unha pulseira, senón a vida e a seguridade de centos de vítimas.

O PPdeG acusa ás xuventudes do BNG de “estar cruzando liñas vermellas” ao pretender “disfrazar o seu vandalismo como activismo”

O PPdeG censura as pintadas en espazos públicos por parte do BNG e das súas organización “satélites” ao considerar que “o vandalismo non pode disfrazarse de activismo” e polo prexuízo económico que xera o feito de ter que empregar recursos públicos a limpar estes espazos “só porque os de sempre decidiron usalos como escaparate para propaganda política”.

A deputada autonómica e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, acusa directamente á organización Galiza Nova de “estar cruzando liñas vermellas” coa súa campaña de pintadas en espazos públicos “como se estes fosen da súa propiedade”. Pon como exemplo disto as pintadas que son visibles en numerosas rúas das vilas e cidades galegas.

“Esta forma de actuar non representa nin á maioría dos galegos nin especialmente á mocidade. Porque a ninguén representa alguén que rompe co respecto, a dignidade e a educación”, sostén ao tempo que defende que “o que é de todos non é de ninguén e menos para estragalo” .

Grueira insta ás xuventudes do independentismo galego a que fagan isto “nas súas sedes” e non nos espazos públicos “que pagamos e mantemos entre todos” e conclúe lamentando que haxa que empregar recursos públicos “que poderían investirse en cousas moito máis importantes” en limpar estas pintadas.

INICIATIVA NO PARLAMENTO GALEGO

Ante isto, os populares galegos levarán ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para “rexeitar actitudes que buscan a apropiación dos espazos públicos mediante pintadas ou empapelados con símbolos e consignas de contido ideolóxico e partidista que representan actos vandálicos”. Uns actos que, argumentan, distan moito dunha “sociedade plural, libre, aberta, democrática e tolerante”.

Instan así a todas as forzas políticas a “non incorrer neste tipo de comportamentos e condenalos publicamente cando se produzan, asumindo a responsabilidade compartida na defensa do respecto institucional e do uso responsable dos espazos públicos”, xa que estes feitos “non constitúen unha forma lexítima de expresión política, senón actos que vulneran a legalidade e o respecto pola convivencia cidadá”.

“Estas actitudes proxectan unha mensaxe negativa á sociedade e especialmente á xuventude, á que se debe educar na participación política libre, respectuosa e construtiva, afastada da imposición e do pensamento único e sempre dentro do marco democrático e legal”, conclúen.