Alfonso Rueda subliña na Coruña que o Goberno galego conta cunha “folla de ruta clara” para actuar ante a “prioridade” de facilitar o acceso á vivenda

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que para o seu Goberno é unha “prioridade” actuar para facilitar o acceso á vivenda e que para iso conta cunha “folla de ruta clara” destinada a actuar nas áreas urbanas onde, como na cidade da Coruña, a demanda é máis alta.

Ante a Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña –que encabezou xunto ao presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado–, o líder dos populares galegos explicou cales son as principais medidas que a Xunta ten marcha para combater as dificultades de acceso á vivenda derivadas da suba de prezos e da escaseza de alugueiros e que afectan de xeito especial á xente nova.

Ademais de recordar o seu compromiso de duplicar o parque público de vivenda para pasar de 4.000 a 8.000 vivendas protexidas, puxo en valor tanto o programa para mobilizar vivendas baleiras e poñelas no mercado como os avais para a compra de primeira vivenda, así como as diversas liñas de axuda para a rehabilitación e a eficiencia enerxética.

Animou neste sentido a todos os alcaldes e portavoces do partido na provincia a que continúen sinalando as necesidades concretas dos seus concellos e propoñendo solucións para que, deste xeito, as políticas de vivenda da Xunta poidan chegar a todos os veciños e veciñas e poidan contribuír tanto a atender a demanda como a garantir que no rural haxa vivenda dispoñible para fixar poboación.

Rueda sinalou como estratéxico actuar tamén no eido da investigación e a innovación cos obxectivos de crear e potenciar unha marca propia de investigación galega e que a I+D+i poida ser unha ferramenta útil para crear emprego de calidade na provincia. Uns obxectivos nos que, tal e como apuntou, A Coruña está chamada a ser referente en innovación a través de sectores como o enerxético, o naval, as TIC e as universidades.

Co fin de afondar ademais no paquete de medidas extraordinarias postas en marcha polo Goberno galego para axudar ao afectados polos incendios, na reunión interviñeron tamén as responsables dos principais departamentos implicados:  María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático).

Xunto a elas, o presidente recordou que, a pesar de que a provincia da Coruña non foi a máis castigada, tamén aquí houbo lumes e mesmo casos de incendiarios, como en Muxía. O cal demostra, como subliñou, que segue habendo quen xoga co patrimonio de todos e que contra eles hai que actuar con toda a firmeza da lei.

“A CORUÑA QUERE PP E MÁIS PP QUE NUNCA”

Diego Calvo, pola súa banda, aproveitou a súa intervención para dar a benvida aos tres novos alcaldes que o partido sumou na provincia: Luis Insua (Fisterra), José Luis Fernández Mouriño (Carral) e Esteban Ares (Lousame). Tanto a eles como ao resto de alcaldes e alcaldesas animounos a seguir demostrando o seu esforzo e compromiso a pé de rúa.

De feito, xa coa mirada posta nas próximas eleccións municipais, o líder provincial do PP de Coruña amosouse convencido de que en 2027 a provincia “falará alto e claro dicindo que quere PP e máis PP que nunca”.

Un desexo de cambio que fixo tamén extensivo a nivel nacional, xa que “España non pode seguir condenada ao enfrontamento e á decadencia que promoven o PSOE e os seus socios”, senón que necesita “un Goberno como o galego, que funcione, que cumpra e que se ocupe e preocupe dos problemas da súa xente”.

O PPdeG pide a dimisión da ministra de Igualdade ante o escándalo das pulseiras antimaltrato e por “empregar o feminismo como escudo político para tapar a inmoralidade socialista”

O PPdeG pediu hoxe a dimisión da ministra da Igualdade polos fallos “inadmisibles” nas pulseiras antimaltrato e pola súa complicidade cos escándalos do PSOE: “É hora de aforrarnos a unha ministra que decidiu aforrar na protección das mulleres e a un Goberno que só emprega o feminismo como escudo político para tapar a inmoralidade do seu partido”.

Faino tras a reunión da Comisión de Igualdade do partido celebrada esta mañá na véspera do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Unha reunión que estivo encabezada pola secretaria xeral Paula Prado, a responsable de Promoción da Igualdade no Goberno galego, María Quintiana, e a coordinadora deste órgano, Raquel Touriño.

Logo de analizar o balance do Goberno central en materia de igualdade, desde o PPdeG recordan con ironía as palabras de Pedro Sánchez presumindo de encabezar o Goberno “máis feminista da historia” cando en realidade “en ningún caso pode ser feminista porque é socialista”.

Argumentan así que “non hai nada menos feminista que comprar nas rebaixas unhas pulseiras antimaltrato defectuosas para supostamente protexer ás vítimas cando o único para o que servían era para facilitar a absolución dos seus agresores”. Uns feitos que van na liña das nefastas consecuencias da Lei do ‘só si é si’, aprobada co voto a favor do BNG e coa que “máis de 1.000 agresores sexuais saíron do cárcere ou viron rebaixadas as súas penas”.

Tampouco é feminista, en opinión dos populares galegos, que Sánchez pretenda agora combater a prostitución “cando ten no seu entorno a persoas como Ábalos, Koldo ou o ‘Tito Berni’, cando todos sabemos cales eran os negocios do seu sogro e cando leva sete anos gardando nun caixón a aprobación dunha Lei de Trata que é indispensable para erradicar unha lacra que está detrás de máis do 80% dos casos de mulleres prostituídas”.

“Xa non é que non sexan feministas, senón que nin sequera lles importan os dereitos das mulleres”, conclúen no PPdeG incidindo en que, nesta materia, “ao Goberno de Sánchez hai que valoralo máis que polo que di, polo que fai e especialmente por aquelo que non fai”.

Nesta liña remarcan o incumprimento na aprobación da Lei de Trata que se contemplaba no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de 2017, así como decisións tan “lesivas” para os dereitos das mulleres no eido da conciliación como a eliminación do 100% de bonificación por baixa de maternidade ou o recorte dos fondos destinados ao Plan Corresponsables.

Os populares pregúntanse se todo isto responde a un desinterese real polos dereitos das mulleres ou a unha estratexia deliberada de Sánchez por baleirar de contido o Ministerio de Igualdade e acabar suprimíndoo como xa fixera no seu día o expresidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero en 2010.