O deputado popular Ángel Rodríguez Conde salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “nunca se investiu tanto en Galicia en prevención de incendios forestais como este ano: 50 millóns de euros” e recoñeceu o traballo desenvolvido polos “cerca de 7.000 profesionais que integran o dispositivo da Xunta contra os incendios forestais, que seguen velando pola seguridade do territorio e das persoas, e que xa foron capaces de defender este ano dos lumes cerca de 500 núcleos de poboación por toda Galicia”.
Ángel Rodríguez criticou que o BNG “insista en repetir unha mensaxe que non se sostén acusando ao Goberno galego de ser os responsables do abandono do rural, do despoboamento, da perda do gando extensivo e de converter Galicia nunha masa forestal uniforme, cando a verdade é que o Goberno galego actúa, traballa e inviste no rural con feitos contrastables”.
En concreto, o deputado popular destacou que na última década investíronse cerca de 4.000 millóns de euros en investimentos e achegas ao medio rural, e destacou que desde 2020 se remataron 34 concentracións parcelarias, que abarcan máis de 22.600 hectáreas e beneficiaron arredor de 18.000 propietarios. Ademais, subliñou que existen 44 agrupacións forestais en marcha, cun investimento de máis de 2 millóns de euros.
500.000 HECTÁREAS ORDENADAS
“A planificación tamén está garantida gracias ao Plan Forestal de Galicia 2021-2040, que xa superou os seus obxectivos de ordenación para 2035, pasando de 117.000 a máis de 500.000 hectáreas ordenadas”, sinalou o deputado popular.
Ademais, referiuse ás axudas dispostas para a creación de superficies forestais, que contarán con máis de 11 millóns de euros, ás que se suman os máis de 15 millóns de euros que entre os anos 2025 e 2026 se destinarán ao impulso da selvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.
Respecto do dispositivo de loita contra os incendios forestais, Ángel Rodríguez asegurou que “nunca se tiveron máis medios humanos e materiais que nesta campaña” e demandou aos grupos da oposición “respecto polos profesionais que día a día o dan todo pola nosa seguridade e polo noso patrimonio”.