O PPdeG insta á alcaldesa socialista da Coruña, Inés Rey, a demostrar o seu feminismo e “desmarcarse” de Pedro Sánchez pedindo a dimisión da ministra de Igualdade e esixindo “dunha vez por todas” explicacións polas tramas de corrupción do seu partido.
En declaracións aos medios esta mañá e antes de participar nunha reunión con representantes do PP na cidade da Coruña, a secretaria xeral Paula Prado acusou á rexedora herculina de ser “unha das máis fieis soldados sanchistas” e cualificou de “inexplicable” que “unha alcaldesa e muller siga mantendo o seu apoio férreo, sen unha crítica, ao Goberno central despois dos escándalos que coñecemos de corrupción e contra as mulleres”.
Recordou neste sentido que “non hai nada menos feminista” que a Lei do ‘só si é si’, con “máis de 1.500 agresores sexuais beneficiados”; que “pretender combater a prostitución rodeándote de compañeiros que a consumen” ou que “comprar en AliExpress unhas pulseiras antimaltrato defectuosas”.
A número dous dos populares galegos reivindicou, en contraposición á situación interna do PSOE, a “unidade” que caracteriza ao PPdeG: “O noso proxecto é común e grazas a iso somos o partido con máis apoio nos concellos, no Parlamento galego, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo”.
Proba disto é, tal e como subliñou, que o PP foi quen gañou as eleccións municipais de 2023. “Despois de máis de dous anos de lexislatura, demostrouse que os pactos de perdedores non están para gobernar, senón para manterse no poder. Hai infinidade de cuestións que son unha prioridade para os veciños e veciñas da Coruña e non están resoltas”, engadiu.
“A Coruña podería estar falando de prosperidade da man dun alcalde como Miguel Lorenzo, pero no seu lugar fala das pelexas entre PSOE e BNG, de presupostos aprobados logo de cuestións de confianza e da corrupción que emerxe do goberno municipal”, incidiu a secretaria xeral do PPdeG.
Para concluír, dixo que na Coruña dixo que “dá gusto ver como están traballando todos os compañeiros nas diferentes cámaras”. “Seguimos traballando para que en algo máis de ano e medio esta cidade teña un goberno do Partido Popular”, rematou.
“ESTAMOS FARTOS DO NINGUNEO DE SÁNCHEZ AOS CORUÑESES”
Pola súa banda, o líder local dos populares coruñeses explicou que son moitas as promesas incumpridas na cidade por parte do Goberno central “co silencio cómplice de Inés Rey e do BNG” e que, por iso, a través dos seus representantes nas diferentes cámaras, o PP da Coruña “traballará de xeito coordinado para denunciar e reverter eses incumprimentos”.
Miguel Lorenzo apelou así aos deputados autonómicos Gonzalo Trenor e Roberto Rodríguez para que “sigan defendendo á cidade no Parlamento galego” e traballen para “asegurar que os Orzamentos da Xunta para 2026 teñan os fondos necesarios para continuar coa execución de obras como o novo CHUAC, construír novas vivendas e continuar coa tramitación do Monte Mero”.
“A Xunta de Galicia é a única administración que inviste na nosa cidade”, asegurou afeando ao Goberno local a súa “incapacidade” para executar obras públicas que “acumulan retraso tras retraso” e “non adoptar ningunha medida para solucionar o problema da vivenda”.
No que se refire ao labor dos deputados nacionais Álvaro Pérez e Tristana Moraleja e da senadora Rosa Gallego, o líder do PP da Coruña destacou que, grazas ás súas preguntas, esta semana descubriuse que o Goberno central “só ten a 23 persoas contratadas na AESIA cando tiña que haber 80” e confirmouse que a posta en marcha do novo Xulgado de Violencia de Xénero implicará a eliminación dun de Instrución “cando Inés Rei afirmou que conseguira que non se suprimise”.
“Seguiremos preguntando polo atraso na licitación das obras do Estado nos accesos á cidade, como son a gran promesa de Inés Rey, a Cuarta Ronda, o Vial 18 ou a ampliación da Pasaxe”, explicou concluíndo que “non haberá nada disto a pesar dos anuncios da alcaldesa porque non hai Presupostos Xerais do Estado”.