O PPdeG leva tamén ao Congreso dos Deputados a súa demanda para acceder ao expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa xestión da AP-9 alegando o “dereito” de Galicia a coñecelo “como parte implicada” e advertindo de que o Goberno de Sánchez “non se pode negar”.
Faino a través do deputado Celso Delgado, que vén de rexistrar varias iniciativas parlamentarias que pasan desde a solicitude dunha copia íntegra do referido expediente ata unha pregunta oral para que o Executivo aclare cal é a súa posición en relación ao ditame motivado por Bruxelas e no que se solicita a España que respecte as normas europeas en materia de contratación pública no referido a Autopista do Atlántico.
Desde o PPdeG subliñan que “Galicia, como parte implicada, ten todo o dereito a ser informada sobre o expediente instruído pola Comisión Europea en relación á principal autoestrada da Comunidade” e que o Goberno de Sánchez “non se pode negar”. Ao tempo, insisten en que a solución para a AP-9 pasa polo rescate da concesión e a eliminación das peaxes.
Trátase dunhas reivindicacións que xa trasladou hai uns días o eurodeputado galego Adrián Vázquez á propia Defensora do Pobo Europeo, Teresa Anjinho; de quen solicitou a súa “intermediación” para que o Goberno galego poida saber en que situación está a AP-9 e cales son tanto a postura do Goberno de España ao respecto como a resposta das institucións europeas.
FRONTE COMÚN DAS COMUNIDADES DO NOROESTE
Co obxectivo de establecer unha “fonte común” para conseguir que o Goberno central cambie o seu criterio no referido ás concesións das autopistas estatais, Celso Delgado asina ambas iniciativas parlamentarias xunto á deputada asturiana Esther Llamazares, facendo extensivas estas reclamacións á A-66 (Autopista do Huerna).
Esta última é, tal e como argumentan, a principal e única vía de alta capacidade que conecta Asturias coa Meseta Central. E, dado que alternativas como a antiga N-630 “non ofrecen condicións competitivas e especialmente no inverno”, a peaxe do Huerna convértese nun “escollo obrigatorio” para mercancías, turismo e mobilidade cotiá co resto de España.
“As peaxes da AP-9 e da AP-66 constitúen desde hai décadas unha carga económica para os cidadáns e empresas de Galicia e Asturias, xerando un agravio comparativo respecto a outros territorios nos que o Estado ten liberado peaxes en vías de alta capacidade”, conclúen subliñando a “esperanza” que existía en ambas comunidades de que, a raíz da tramitación do expediente de infracción da UE, o Goberno “se formulara a posibilidade do rescate e da liberación das peaxes destas autoestradas”.