O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se esixe ao Goberno central que consensúe e dialogue coas comunidades autónomas calquera medida ou iniciativa en materia de vivenda, nomeadamente o Plan de Vivenda 2026-2030. En concreto, demándase que respecte a Conferencia Sectorial de Vivenda como máximo órgano de cooperación entre o Estado e as comunidades autónomas e aproveite a reunión do vindeiro xoves, 2 de outubro, para facer efectiva esta colaboración, unidade de acción e respecto ao autogoberno e a diversidades nas políticas públicas de vivenda.
A portavoz popular de Vivenda, María Deza, lembrou que o Goberno galego xa remitiu ao Goberno central hai nove meses as súas propostas para o novo plan estatal, “pero ningunha delas aparece recollida no borrador elaborado, de aí que sexa imprescindible unha nova reunión da Comisión Bilateral”. “O Goberno de Pedro Sánchez non pretende un documento de consenso porque só quere un plan feito á medida dos seus intereses e sen ningunha marxe de negociación para as comunidades”, apuntou.
En concreto, explicou que o novo Plan de Vivenda impón un cofinanciamento mínimo obrigatorio do 40 por cento para que as comunidades autónomas poidan participar. “Pasamos dun financiamento voluntario de menos do 30 por cento a unha achega obrigatoria do 40 por cento, que no caso de Galicia implicaría multiplicar por cinco a contribución ao Plan Estatal”, afirmou.
“A pesar destas condicións, Galicia non renuncia a chegar a un acordo, como xa o fixo saber tanto o Presidente Rueda como a propia conselleira de Vivenda, e amosouse disposta a asumir ese esforzo orzamentario”, indicou a portavoz popular, pero anotou que “un plan que queira ser operativo debe ser flexible e adaptarse ás circunstancias e problemas de cada territorio, máxime se as comunidades autónomas financian un 40 por cento do mesmo”.
María Deza manifestou que o plan “debe articularse como un verdadeiro instrumento de colaboración entre administracións e non basearse en medidas impostas que xa se teñen demostrado ineficaces, como a declaración de zonas de mercado residencial tensionado”. Ademais, avogou porque “se permita a construción de vivendas protexidas en réxime de venda, no só alugueiro, porque o dereito á propiedade tamén existe”. “O problema da vivenda non se soluciona só con axudas ao alugueiro: hai que construír vivenda e, neste ámbito, incentivar o investimento privado”, dixo.
Por último, a portavoz popular alertou que “o atraso que leva o Ministerio de Vivenda na elaboración do novo Plan Estatal pon en perigo a súa execución e que as comunidades autónomas, como Galicia, poidan convocar as axudas no primeiro semestre de 2026”.
ZONAS TENSIONADAS
Por outra banda, no debate dunha iniciativa sobre a declaración de zonas de mercado residencial tensionado, María Deza reiterou que esta medida “non é eficaz para solucionar o problema do prezo da vivenda” e puxo como exemplo o caso de Cataluña, onde a sinatura de contratos de alugueiro caeu durante o primeiro período da regulación case un 18 por cento, a oferta de vivenda caeu en máis de 40.000 inmobles e a oferta de vivendas en alugueiro baixou máis dun 12,5 por cento.
A pesar destes datos, asegurou que “o Goberno galego tramitará con todo rigor todas as solicitudes de zonas tensionadas, aínda co convencemento de que esta declaración non vai solucionar o problema de acceso á vivenda no caso de A Coruña ou de Santiago, do mesmo xeito que agravou estes problemas nos demais lugares nos que se implantou”.