O PPdeG sitúa a vivenda como unha das “máximas prioridades” do Goberno galego nesta lexislatura e contrapón este compromiso “ambicioso” e “decidido” fronte aos “anuncios baleiros” e as “improvisacións” dun Goberno central cuxa política neste ámbito é “inexistente”.
Así o manifestaron hoxe a secretaria xeral Paula Prado e o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, durante a clausura da xornada informativa organizada polo partido en Barbadás para abordar, desde distintas perspectivas e con especial atención á mocidade, o problema do acceso á vivenda.
“É unha obriga buscar solucións reais, pragmáticas e aplicables ante este problema”, sinalou ao respecto a número dous populares galegos ao tempo que poñía en valor as “receitas eficaces” que se levan aplicando desde hai anos en Galicia e entre as que destacou o compromiso do presidente Alfonso Rueda de duplicar o parque público de vivenda ata chegar ás 8.000.
Entre as medidas pensadas especificamente para a mocidade, e dada a importancia que teñen para unha provincia como Ourense, citou as axudas dirixidas a menores de 36 anos para a adquisición da súa primeira vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes. Unhas axudas das que se concederon un total de 49 nesta provincia e 15 delas só no concello de Xinzo de Limia.
“Así é como se fai unha política seria, realista e apegada ao territorio”, subliñou ao tempo que criticaba “as políticas de vivenda inexistentes ou, no mellor dos casos, erradas”, do Goberno central nesta materia. Puxo como exemplo a Lei de Vivenda, que “venderon como remedio para todos os males e só conseguiu agudizalos”.
De aí que demandase ao Executivo estatal, como xa ten reivindicado o presidente Alfonso Rueda en numerosas ocasións, a cesión das vivendas que a Sareb ten en Galicia, un novo Plan Estatal de Vivenda “eficiente e dialogado” e máis seguridade para os propietarios ante a ocupación ilegal.
Paula Prado concluíu a súa intervención animando a todas as administracións a “remar na mesma dirección” e evocando as palabras do presidente do PPdeG, quen no seu día sinalou o camiño a seguir afirmando que “en Galicia somos menos de anuncios baleiros e máis de chaves en man dos galegos e galegas”.
LUIS MENOR: “O GOBERNO DE RUEDA DEMOSTROU UNHA GRAN CAPACIDADE DE RESPOSTA E AXILIDADE ANTE A PERDA DE VIVENDAS NOS LUMES”
Pola súa banda, Luis Menor afirmou que os partidos políticos e os gobernos teñen “a imperiosa obriga” de ofrecer solucións reais a un problema como a vivenda, “que leva camiño que converterse no maior obstáculo de progreso da sociedade do século XXI”.
Nesta liña subliñou o “absoluto compromiso” do Goberno de Alfonso Rueda para combater as dificultades de acceso á vivenda, cunha folla de ruta “ben definida” e que terá o seu impacto positivo en toda a cidadanía, “contribuíndo a que haxa vivenda dispoñible, sexa nas cidades, vilas e sobre todo no rural”.
O presidente provincial incidiu no mundo rural, salientando “a gran capacidade de resposta” da Xunta de Galicia fronte aos lumes de agosto, que provocaron a perda de preto de 200 vivendas. O Goberno galego atendeu coa máxima axilidade ás persoas que perderon os seus fogares e propiedades ofrecendo unha ampla cobertura de axudas para inmobles habituais, rehabilitacións, enxoval doméstico ou segunda residencia. “E o que máis importa é que non só comezaron a tramitarse, senón que xa empezaron a pagarse”, dixo.
SEGURIDADE XURÍDICA E PLANS DE AXUDA EN VIVENDA
A xornada comezou coa intervención do coordinador da Área de Vivenda e Urbanismo do PPdeOU, Benito Iglesias, quen subliñou a necesidade de derrogar a Lei Estatal de Vivenda “para dotar de seguridade xurídica a propietarios e inquilinos e mobilizar vivenda baleira cara o mercado de aluguer”.
Mentres, a concelleira do grupo popular no Concello de Ourense, Sonia Ogando, desmontou cunha análise xurídica o mito da recualificación urbanística de terreos tras un incendio forestal, ao tempo que repasou as axudas impulsadas pola Xunta en materia de vivenda tralos devastadores lumes de agosto.
Pola súa banda, Pilar Fernández, directora territorial en Ourense da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, debullou ás liñas de axuda para facilitar o acceso á vivenda da mocidade, así como para os propietarios de pisos baleiros que queiran incorporalos ao mercado de aluguer. Axudas, dixo que abren o camiño a un fogar digno, “porque ofrecer vivenda tamén é ofrecer futuro”.