Paula Prado reivindica as alcaldías lideradas polo PPdeG como “garantía de estabilidade, xestión e rigorosidade para os veciños”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou hoxe as alcaldías lideradas polo seu partido como “garantía de estabilidade, xestión e rigorosidade para os veciños” fronte aos “pactos de perdedores” protagonizados por BNG e PSOE e que “son pan para hoxe e fame para mañá”.

Na visita que realizou esta mañá a Fisterra, amosouse convencida ademais de que estas características do proxecto do PPdeG serán tamén o “selo” que Luis Insua “imprimirá” como alcalde deste concello, contribuíndo así a facer del “un tractor da comarca” que visualice a diferenza con outros gobernos municipais caracterizados pola “inestabilidade” derivada dun “reparto de cromos feito pensando en intereses partidistas e non no beneficio dos veciños”.

A número dous dos populares galegos quixo desexar éxito ao alcalde destacando a súa “enerxía” e as súas “ganas de cambiar as cousas”. De feito, indicou que Luis Insua é, aos seus 33 anos, un dos cinco alcaldes máis novos do PPdeG e un dos 13 alcaldes do partido menores de 40 anos.

“Luis é un exemplo da nosa aposta por fomentar a participación activa da mocidade na política”, asegurou. Unha aposta que, tal e como engadiu, responde a que o partido é “consciente de que hai moito talento, moito bo facer e moito que aportar entre a xente nova de Galicia”.

Non en balde, o PPdeG foron os máis votados pola mocidade nas pasadas eleccións autonómicas. Por iso, concluíu Paula Prado, o partido “agora está devolvendo ese apoio confiando na xuventude para postos de responsabilidade”.

LUIS INSUA: “FISTERRA VAI SER O COMEZO DA RECUPERACIÓN”

O alcalde, pola súa banda, quixo destacar que “a pesar de que Fisterra é o final de todo, final do Camiño e quilómetro cero, neste caso vai ser o comezo da recuperación das alcaldías do PP na Costa da Morte”.

Asegurou que, á súa chegada á alcaldía, atopouse con “numerosos expedientes parados, moitos traballos pendentes e outros mal xestionados”. Pero, sen embargo, neste escaso mes e medio, el e o seu equipo foron quen de que “os veciños poidan ver que con traballo e esforzo as cousas poden facerse doutra maneira”.