O PP lucense afea a Sánchez o descoñecemento da realidade da provincia tras asegurar que “a A-54 está plenamente operativa” e urxe ao Ministerio de Transportes o remate da autovía

A presidenta provincial do PP e voceira municipal, Elena Candia, afea dende Palas de Rei acompañada por alcaldes, deputados e senadores o descoñecemento da realidade da nosa provincia por parte de Pedro Sánchez tras asegurar que “esta autovía A-54 está plenamente operativa” e amosa a súa preocupación porque “todo parece indicar que non se van cumprir os prazos anunciados”.

Así mesmo, subliña a “falta de comunicación dos representantes socialistas da provincia -tanto o presidente da Deputación como o alcalde da capitalidade- co presidente do Goberno en relación a esta infraestrutura da que deberían estar moi preocupados”. Pero tralas últimas declaracións do presidente, evidénciase que “non están preocupados, nin fan seguimento, nin informan correctamente ao presidente do Goberno nin teñen interese no remate desta infraestrutura”.

Polo tanto, os populares pídenlle ao presidente do Goberno que se desculpe ante os lucenses e ao PSOE e BNG “que se sumen a esta reivindicación para que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible rectifique”, segundo manifestou Francisco Conde. E, ante o incumprimento dos prazos, o deputado no Congreso asegura que “o que precisa Lugo é transparencia e compromiso claro coa palabra dada por parte do Goberno” ante a falta de infraestruturas de comunicación.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, explica que “esta autovía é importante para comunicar o municipio e a comarca con Lugo ou Santiago” e tamén “para darlle acceso aos camións que pasan polos medios das nosas vilas a diario causando trastornos no tráfico ordinario”. Así, lamenta “o estado de execución desta importante infraestrutura que os veciños levamos anos agardando e que parece a cuestión de nunca acabar” toda vez que “as datas que daba o Ministro en febreiro están, a todas luces, incumpridas”. Así mesmo, condena que “o señor Besteiro se alegre das desgraza da provincia” e, polo tanto, “non agardamos que defenda a A-54”.

UNHA AUTOVÍA E TRES VERSIÓNS DO GOBERNO
José Manuel Barreiro considera “intolerable” que, en escasos meses, “o Goberno de Sánchez diga tres cousas diferentes sobre a A-54”. O propio Ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, anunciara en febreiro na inauguración do tramo Palas de Rei – Melide que esta autovía estaría rematada este ano -e, incluso que, os 6 km que discorren entre o enlace de Melide Sur e a saída de Santiso, estarían este verán-; pero, a comezos deste mes e en resposta ás preguntas formuladas polos senadores do PP de Lugo, non confirma o prazo anunciado limitándose a asegurar que traballan para “finalizar o antes posible o último tramo”. E, este mesmo mércores, o propio presidente do Goberno aseguraba no Congreso que a A-54 está plenamente operativa.

O senador popular cre que “os lucenses non podemos agardar nada dun Goberno que nin entre eles mesmos se entenden, nin tampouco do PSOE nin dos seus socios, o BNG, que permiten esta situación”.

INFRAESTRUTURA ESTRATÉXICA
Os representantes do PP lucense no Congreso, no Senado, no Parlamento de Galicia e nos Concellos unen forzas para reivindicar a importancia da autovía A-54 e esixir a finalización das obras e a súa posta en funcionamento da totalidade desta infraestrutura estratéxica que permitiría conectar as cidades de Lugo e Santiago de Compostela en menos dunha hora. Candia subliña que “os lucenses non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco seguir sendo ignorados polo descoñecemento que ten o presidente do Goberno da nosa provincia”.

O PP de Pontevedra denuncia o agravio constante do Goberno central a Galicia e reclama a transferencia da AP-9 dende todas as institucións

O PP de Pontevedra denuncia o agravio constante a Galicia e reclaman ao Estado que cumpra porque a nosa comunidade merece xestionar a súa principal vía de comunicación. “Seguiremos esixindo dende todas as institucións que se poña fin a este bloqueo e que se cumpra co compromiso adquirido”, indicaron os populares.

O presidente provincial, Luis López; a secretaria provincial, Luisa Piñeiro; os deputados nacionais Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Bayón; autonómicos, Raúl Santamaría e María Deza; o alcalde de Portas, Ricardo Martínez e os voceiros de Caldas e Pontecesures, estiveron hoxe en Caldas co eurodiputado Adrián Vázquez.
Adrián Vázquez, explicou que ten pedido á Defensora do Pobo europea que medie para conseguir o expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa xestión da AP-9, unha información que o Goberno de Sánchez segue sen facilitar a Galicia. Vázquez realizoulle a consulta a Teresa Anjinho durante a celebración da Comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo e tamén por escrito, e a Defensora do Pobo Europeo comprometeuse a analizalo.

“O caso da AP-9 é paradigmático. Xa non é un problema galego, xa non é un problema español, é un problema europeo. Desde o ano 2021, a Comisión Europea ten aberto dous procedementos sancionadores contra o Goberno de España pola terrible xestión da AP-9, que se considera unha infraestrutura estratéxica non só da nosa terra, tamén de toda Europa. Levamos catro anos tentando entender que sucedeu con esa sanción, que respondeu o Goberno, que alega. Por iso non nos quedou máis remedio que solicitar á Defensora do Pobo Europeo que nos dean acceso a esa documentación. E a Defensora do Pobo xa respondeu de maneira positiva que vai traballar para que dunha vez por todas, xa que o Goberno de España négase a darnos esa información, podamos entender en que situación atópanse eses dous procesos sancionadores que poden afectar aínda máis á AP-9”, explicou o eurodeputado popular.

Pola súa banda, o deputado nacional no Congreso, Pedro Puy indicou que a AP-9, é a autopista que vertebra o 60% da poboación de Galicia, e que esta autoestrada. xa foi demandada catro veces de forma unánime polo Parlamento de Galicia a súa transferencia ao país. “Con todo, o PSOE leva anos tomándonos o pelo nesta lexislatura, por exemplo, unha lei tan sinxela que só ten 3 artigos, un que establece a transferencia a outro que establece as compensacións económicas e outro que establece a forma de transferila, leva nada máis e nada menos que 59 prórrogas. É dicir, aos que somos ponentes desa norma nin sequera se nos permite debatir”, lamentou

“Nós vimos a pedir que se deixe de facer propaganda, porque se anuncia o levantamento dun trámite cando aínda quedan todos os fundamentais. Vimos pedir que se lle deixe de tomar o pelo a Galicia, que é un caso único no conxunto de España. Esiximos que se deixe xa por fin tramitar unha lei, insisto aprobada 4 veces por unanimidade polo Parlamento de Galicia, e que se cumpran as promesas que se deron, como a do señor Besteiro, garantindo a gratuidade da autopista na súa campaña das eleccións autonómicas. Que deixen de poñer obstáculos que son simplemente trampas parlamentarias que impiden que por fin Galicia teña unha autopista AP9 gratuíta e ademáis de titularidade autonómica”, rematou Pedro Puy.

O PPdeG pon en valor a importancia das campañas de concienciación ambiental para impulsar o coidado do medio mariño

O deputada do Grupo Popular Paula Mouzo puxo en valor a importancia do coidado da natureza con motivo do inicio dunha campaña de concienciación ambiental sobre a retirada de refugallos do mar e do litoral protagonizada pola asociación Mar de Fábula e o Concello de Camariñas.

Neste sentido, Paula Mouzo asinou unha declaración institucional a través da que o PP de Camariñas asume a necesidade de traballar pola limpeza e protección da contorna do litoral e do espazo común no que se desenvolve a vida diaria, a fin de reforzar a autoestima colectiva e o respecto mutuo, e deixar un futuro sostible ás vindeiras xeracións.

Nesta primeira xornada, a deputada mantivo un encontro con membros de Mar de Fábula, aos que trasladou o seu apoio a este tipo de iniciativas consistentes en charlas informativas e reparto de trípticos para incentivar o coidado do medio mariño.

Neste sentido, Paula Mouzo valorou o traballo que desenvolve Mar de Fábula na loita contra a contaminación mariña, “partindo da base do compromiso que temos as persoas vinculadas co mar e tendo presente que esta responsabilidade debemos transmitila ás novas xeracións”.

O PPdeG salienta que Ourense foi a provincia galega na que máis apoio recibiron da Xunta as súas asociacións veciñais

Os deputados do Grupo Popular Argimiro Marnotes e Noelia Pérez mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Veciños de Santa Uxía de Lobás no concello do Carballiño, entidade que figura entre o cento de entidades da provincia de Ourense que se beneficiaron este ano das axudas concedidas polo Goberno galego para estas organizacións. En total, Ourense foi, con máis de un millón de euros, a provincia galega na que a Xunta repartiu máis orzamento para apoiar o funcionamento e mellora das entidades de participación cidadá.

A través do Plan específico de acción comunitaria, o Goberno galego repartiu entre 99 asociacións da provincia de Ourense máis de un millón de euros para a realización de obras de mellora, acondicionamento e adquisición de equipamento para os seus locais sociais.

SATISFACCIÓN POLO APOIO E A AXILIDADE NA TRAMITACIÓN

Durante a visita á Asociación de Veciños de Santa Uxía de Lobás, Argimiro Marnotes e Noelia Pérez comprobaron o resultado das obras realizadas no se local social, que permitiron mellorar as instalacións e facilitar o uso deste espazo por parte de todos os veciños. Nese sentido, os representantes do colectivo amosaron a súa satisfacción tanto polo apoio recibido pola Xunta como pola axilidade do proceso de tramitación.

Os deputados populares destacaron que Ourense é un exemplo de participación e compromiso veciñal e subliñaron que detrás de cada proxecto hai persoas que dedican tempo, esforzo e ilusión por mellorar a súa contorna.

O PP critica a “dobre moral” de BNG e PSdeG ao esixir investimentos da Xunta en A Coruña e esquecerse dos incumprimentos do Goberno central con proxectos importantes para esta cidade

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, criticou hoxe a “dobre moral” de BNG e PSdeG ao esixir investimentos da Xunta na cidade de A Coruña e esquecerse dos incumprimentos do Goberno central con proxectos importantes como a ampliación de Alfonso Molina ou da Pasaxe, o Vial 18 ou a Cuarta Rolda. Por este motivo, anunciou que levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa pedindo ao Goberno de Pedro Sánchez prazos concretos e investimentos para dar cumprimento aos compromisos pendentes coa cidade coruñesa.

Roberto Rodríguez salientou que “unha das mellores demostracións do compromiso do Goberno galego con A Coruña son as obras do novo CHUAC, sobre as que esta semana tivemos importantes novidades logo da reunión da Comisión de Seguimento, como a licitación por máis de 400 millóns de euros da segunda fase destas obras, que inclúen a construción do edificio hospitalario principal, no primeiro semestre do vindeiro ano”.

TRANSPARENCIA DO GOBERNO GALEGO

Ademais, lembrou que, no marco da primeira fase, xa está en funcionamento o aparcamento provisional e estase a traballar no remate antes do final de ano da escavación da torre polivalente, que suporá un investimento de 38 millóns de euros. Así mesmo, estase avanzando na demolición do hotel de pacientes, que se atopa ao 60 por cento de execución e que tamén está previsto o seu remate a finais de ano. O remate destes traballos permitirá avanzar na obra dos novos accesos ao complexo hospitalario.

“Esta transparencia que traslada a Xunta sobre as obras que leva a cabo en A Coruña contrasta cos atrasos nas actuacións comprometidas polo Goberno de Pedro Sánchez, unha situación que irá a peor ao verse obrigado a prorrogar os orzamentos para 2026 por terceiro ano consecutivo e sen perspectiva de que poida aprobar unhas contas estatais”, sinalou.

Roberto Rodríguez referiuse a actuacións pendentes que acumulan importantes retrasos, como a ampliación de Alfonso Molina, que incumprirá o prazo previsto para a súa finalización; a ampliación da Pasaxe, o Vial 18 ou a Cuarta Rolda. “Todas elas son obras sin proxecto nin orzamento para a súa execución, ás que se pode engadir outras como o plan director do aeroporto de Alvedro, a chegada da alta velocidade ferroviaria, a cesión de vivendas da SAREB ou a cesión gratuíta da antiga prisión provincial”, apuntou.

Diante desta situación, o portavoz popular de Infraestruturas criticou a “dobre moral” dos socialistas e nacionalistas coruñeses, “amosando plena condescendencia ante os incumprimentos e o abandono do Goberno de Pedro Sánchez á cidade de A Coruña, pero poñendo todo o seu empeño en criticar á Xunta, cando é a única administración que está a cumprir os seus compromisos con esta cidade”.

Adrián Vázquez denuncia en Lalín o recorte do 22% á PAC proposto pola Comisión Europea e pide a Sánchez que defenda o campo galego e español

O eurodeputado Adrián Vázquez advertiu hoxe en Lalín de que Europa se xoga nos vindeiros dous anos o futuro da súa política agraria e pesqueira, e rexeitou de maneira contundente a proposta da Comisión Europea de recortar un 22% o orzamento da Política Agraria Común (PAC) no novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034.

Durante unha visita á explotación gandeira Casa das Pedras, en Parada (Lalín), acompañado por Avelino Souto e Marcos Mariño, Vázquez asegurou que o Partido Popular defenderá ata o final que o campo e o mar sigan sendo piares fundamentais do proxecto europeo.

“Galicia precisa unha PAC forte, sinxela e previsible, cunha financiación garantida que recoñeza o valor dos nosos agricultores e gandeiros. Por iso estamos hoxe aquí, na miña casa, en Lalín”, destacou o eurodeputado.

“NON SE PODE FINANCIAR A DEFENSA EUROPEA A COSTA DO CAMPO”

Adrián Vázquez recoñeceu que Europa debe afrontar novos retos, como o incremento do gasto en defensa e a mellora da competitividade económica, pero advertiu de que esas prioridades non poden supoñer un sacrificio para o sector primario.

“Nun mundo inestable, con Putin atacando con drons en territorio europeo, é lóxico reforzar a defensa. Pero non podemos pagar esa factura co diñeiro do campo nin da xente do mar”, subliñou.

O eurodeputado insistiu en que a PAC e a Política Pesqueira Común (PPC) son “medidas estratéxicas para España e para Europa”, e advertiu de que non se permitirá que perdan peso nin relevancia dentro da política europea.

“Sen PAC nin PPC non hai agricultura, nin gandería, nin pesca. E sen eles, non hai alimentos. O sector primario é clave para a nosa soberanía alimentaria e debe considerarse tamén un eixo da seguridade europea”, apuntou.

“A PELOTA ESTÁ NO TELLADO DE SÁNCHEZ”

O tamén portavoz de Cidadáns en Europa esixiu ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que bloquee con urxencia esta proposta lesiva para o campo, lembrando que os 27 países da UE deben aprobar o MFP por unanimidade.

“Con só un voto negativo, España podería frear este recorte tan inxusto. Sánchez non pode seguir practicando a técnica do avestruz ante un asunto vital para o campo español”, advertiu.

O PPdeG reivindica a “liberdade” da mocidade galega e avanza que apostará “máis que nunca” pola xente nova nas candidaturas de próximas eleccións

O PPdeG reivindicou hoxe a “liberdade” da mocidade galega e avanzou que en próximas eleccións apostará “máis que nunca” pola mocidade nas súas candidaturas para exemplificar que “Galicia goberna o seu futuro” e demostrar que a xente nova “tamén é sinónimo de estabilidade e solvencia”.

Así o manifestou hoxe a secretaria xeral Paula Prado acompañada polo presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, nun acto celebrado en Ourense por iniciativa da organización xuvenil dos populares galegos.

Un acto que, na súa opinión, demostra que o PPdeG “conta cun equipo que non só é pasado e presente, senón que tamén é futuro”. Algo que é froito da aposta “con feitos e non só con slogans” do partido pola xente nova: “Os mozos e mozas galegos necesitan un partido como o noso de referente e non a un PSOE e un Sánchez que son incapaces de celebrar un Premio Nobel da Paz tan relevante como o de María Corina Machado ou a un BNG que se senta, como fixo onte, cos herdeiros de ETA”

“Somos o único partido que traballa para ofrecer á mocidade galega as oportunidades que necesitan para demostrar a súa valía e abrirlles paso para que asuman o papel protagonista que merecen no porvir que están chamados a construír”, asegurou neste sentido.

Aproveitando a temática do acto, a secretaria xeral quixo reivindicar “a importancia da liberdade” en cuestións como a educación, a política de vivenda, o rural, o medio ambiente ou a cultura que “non son patrimonio de ningún partido e moito menos do PSOE e do BNG”. De feito, puxo en valor as políticas “pioneiras” aplicadas polo Goberno galego nos últimos anos  como a matrícula universitaria gratuíta, a potenciación da FP e da ciencia, as axudas de vivenda para a xente moza, o bus interurbano gratuíto ata os 21 anos ou as axudas ao carné de conducir.

Paula Prado concluíu trasladándolle á organización xuvenil “máis importante e comprometida de Galicia” o orgullo que sente polo seu traballo diario: “Sodes o futuro do Partido Popular e por suposto, o futuro de Galicia. Un futuro que, da man do resto de galegos e das galegas, seguiremos gobernando”.

UNHA XERACIÓN INVOLUCRADA NO PRESENTE E NO FUTURO DE OURENSE

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense felicitou a Novas Xeracións por organizar este encontro que permitiu poñer de relevo cuestións fundamentais que figuran entre “as prioridades de traballo do Goberno galego, pero tamén, e dentro das súas competencias, entre os obxectivos do resto de administracións gobernadas polo Partido Popular”.

Luis Menor destacou a importancia a dedicar un “espazo propio” á mocidade que “recolle o sentir dunha parte importante da sociedade” para ter en conta as súas propostas á hora de acertar nas políticas promovidas desde as administracións.

Así mesmo, destacou o traballo “ben feito” pola mocidade do partido, unha experiencia que se traduce nunha xeración de mozas e mozos “preparadísimos, involucrados no devir futuro da provincia e mesmo partícipes da política municipal”. Puxo como exemplo disto a Pablo Graña, novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, ou Manuel Ángel Fernández, que recuperou para o PP a alcaldía de Baños de Molgas.

Por último, agradeceu o traballo e o compromiso dos máis novos que desde o PP de Ourense queren “harmonizar coa experiencia dos máis veteranos” e comprometeuse a seguir impulsando a un lugar prioritario do partido o papel que exercen as NNXX “tanto no futuro como no presente” do mesmo.

“SOMOS O PARTIDO MÁIS VOTADO POLA MOCIDADE”

Mentres, a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, fixo fincapé en que o PPdeG “aposta polo presente e polo futuro da xente nova” e por iso é “o partido máis votado pola mocidade galega”. “E ademais, temos un presidente, Alfonso Rueda, que cre, aposta e traballa por nós”, engadiu.

Neste sentido, abundou en que a Xunta de Galicia “está investindo nas áreas que máis importan aos mozos: educación, emprego, medio rural ou vivenda”, algo que “non é casualidade, senón unha forma de gobernar, mirando cara a adiante e pensando no futuro, non no titular de cada día”.

GALICIA GOBERNA O SEU FUTURO

No acto celebrado hoxe tamén participaron o secretario xeral de Novas Xeracións de Galicia, Max Novoa, o presidente de Novas Xeracións da provincia de Ourense, Nacho Campo, e a líder local do PP de Ourense, Ana Méndez; que foron os encargados de dar a benvida e dar paso á mesa redonda.

Unha mesa redonda que estivo moderada pola presidenta de Novas Xeracións da provincia da Coruña, Ximena Louro, e na que interviñeron o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, o deputado nacional Juan Bayón, o profesor ourensán de FP Martín Gil e a concelleira de San Xoán de Río Ari González.

O obxectivo da xornada era poñer en valor todas as oportunidades que Galicia ofrece á xuventude, trasladando unha mensaxe positiva e de futuro fronte ao pesimismo da oposición e destacando catro eixos fundamentais: educación, emprego, vivenda e medio rural.