O PPdeG proponse “consolidar” as súas maiorías nas eleccións municipais para que as alcaldías de Galicia “respondan á decisión dos galegos” e non a “pactos entre perdedores”

O PPdeG aspira a “consolidar” as súas maiorías en forma de “gobernos fortes e estables” nas eleccións municipais de 2027 porque “esa será a única forma de que os pactos de perdedores do PSOE e do BNG non sigan traendo espectáculos e inestabilidade” aos concellos galegos.

Así o manifestou esta semana a secretaria xeral Paula Prado logo de reunirse na sede autonómica co Comité de Cidades do partido. Un órgano coordinado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e no que os líderes locais da formación nas sete cidades galegas comparten proxectos e fan sinerxías.

Para os populares galegos, precisamente Ferrol é o “exemplo do que hai que facer” e o “modelo” que aspiran a estender ao resto de cidades: “Un goberno municipal que, con feitos e medidas novidosas, demostra a estabilidade, o rigor e o traballo que garante unha maioría que poña os intereses dos veciños por riba de todo”.

A contraposición estaría, segundo Paula Prado, nos “pactos de perdedores” dun PSOE e dun BNG que, no caso dos socialistas, “xa non saben que dicir para tapar a Sánchez e a súa corrupción”, e que no que se refire aos independentistas, “estanse dando conta agora de que coas súas minorías absolutas non van a ningunha parte”.

A número dous do PPdeG refírese así aos alcaldes e alcaldesas que “con unha representación de 6 de 25 ou de 5 de 21 concelleiros cren que teñen a autoridade moral de falar en nome dunha maioría que as urnas non lle deron”.

“Nós seguiremos traballando cada día, o que mellor sabemos facer, de aquí a 2027 para que o apoio ao PP siga subindo nas cidades galegas e nas próximas eleccións municipais poidamos ter máis gobernos fortes, estables e en maioría”, concluíu.

Nesta mesma liña, José Manuel Rey Varela tamén animou aos seus compañeiros a “intensificar” o seu traballo e a facer un “esforzo adicional” co obxectivo de conseguir grandes maiorías “para superar a parálise e o enfrontamento permanente”.

Maiorías que, para o coordinador do Comité de Cidades do PPdeG e alcalde de Ferrol, son a solución “para que non siga pasando nas urbes galegas o que pasa en Madrid”. Establece así un paralelismo cun panorama nacional onde “tampouco goberna o máis votado” e cuxo resultado é “a ausencia de orzamentos e de proxectos pensados para as persoas”.

“A nosa meta ten que ser que os próximos gobernos municipais respondan só á decisión expresada polos galegos e galegas nas urnas”, sintetiza.