A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, explicou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que o Pazo de Montesacro de Cambados non conta coa declaración como ben de interese cultural (BIC) polo que a Xunta non ten ningún dereito de adquisición preferente sobre este inmoble. “PSOE e BNG saben perfectamente que este pazo non é BIC porque o propio Concello de Cambados ten solicitada esta declaración, aínda que non estean a enviar a documentación necesaria para que esta solicitude avance na súa tramitación”, sinalou.
Raquel Arias criticou que “o único obxectivo do BNG co Pazo de Montesacro é manipular á opinión pública con propostas que saben perfectamente que son legalmente imposibles e buscando unicamente un beneficio político, en ningún caso dos veciños de Cambados e da súa contorna”.
FIGURA NO CATÁLOGO DE PATRIMONIO, NON NO REXISTRO DE BIC
Na súa intervención explicou que o Pazo de Montesacro atópase no ámbito dun ben de interese cultural como é o conxunto histórico da vila de Cambados; ao tempo que se considera integrado no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, ao aparecer recollido individualmente singularizado no catálogo dun instrumento de planeamento urbanístico. “En definitiva, este pazo figura no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, pero non no Rexistro de Bens de Interese Cultural”, incidiu.
Neste sentido, a portavoz popular negou que a Xunta poida exercer os dereitos de adquisición preferente estipulados na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e incorporalo ao patrimonio público co fin de impulsar unha residencia de titularidade pública porque “estes dereitos só poden ser exercidos sobre os bens de interese cultural e non sobre bens catalogados”, como é o caso do Pazo de Montesacro.
“Se o Concello de Cambados estivera preocupado por ter unha nova residencia puido acollerse ao plan de investimentos posto en marcha pola Xunta para este fin, dotado con 18,5 millóns de euros e que vai permitir que durante este ano Galicia conte con 450 novas prazas de maiores”, afirmou.
Ademais, Raquel Arias destacou que a Consellería, “desde o mesmo momento que soubo do interese da congregación de pechar este centro de Cambados, estivo vixiante para que se cumprise escrupulosamente a lei e todos os usuarios do centro estiveran reubicados”.