O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, situou hoxe á Estrada como exemplo de que os concellos “tamén están chamados a facer cousas grandes por Galicia” se contan á súa fronte con líderes que, como Gonzalo Louzao, saiban “aproveitar as oportunidades e facelas realidade desde a colaboración, o traballo, a unión e a positividade”.
Así o manifestou esta mañá ante o milleiro de asistentes ao Congreso Local do PP desta vila e no que Louzao foi elixido como novo presidente do partido en sustitución de José López Campos. Un relevo “feito perfectamente” e que, en opinión do presidente, foi posible grazas á combinación dun partido “cada vez máis grande e unido” e dun líder “co atrevemento e as condicións necesarias para converterse no mellor substituto posible para un gran alcalde”.
“Quédome moi tranquilo porque sei que na Estrada aínda hai moitas oportunidades por aproveitar e que en Gonzalo Louzao atoparemos sempre a alguén disposto a colaborar para que todo o que ten que vir sexa unha realidade”, asegurou o líder dos populares galegos tendéndolle a man e ofrecéndolle toda a súa colaboración ao novo presidente local para que o concello “siga avanzando”.
Neste sentido, Rueda avanzou que en cuestión de meses a autovía AG-59 “será unha realidade” e que con iso farase posible “a vertebración definitiva” de toda unha comarca que “demandaba” e “necesitaba” esta infraestrutura. De feito, un dos seus tramos xa está próximo á súa apertura e o seguinte avanza a bo ritmo.
“Os veciños da Estrada déronme un gran apoio nas eleccións autonómicas e eu teño que cumprir os compromisos adquiridos a cambio desa confianza”, subliñou o presidente reivindicando a aposta do seu Goberno por este concello en proxectos xa consolidados como a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e noutros que aínda están por vir.
Puxo en valor así a recente inauguración do novo edificio xudicial, que “é o primeiro que se fai en Galicia acorde aos requirimentos da Xustiza moderna”; así como a consolidación dun centro de saúde que “é unha referencia do modelo de sanidade pública que queremos para toda Galicia”.
Anunciou ademais a futura ampliación do polígono industrial da vila para “responder á potencia económica” das empresas instaladas nel e subliñou o seu compromiso de poñer en marcha novas vivendas públicas e asumibles “para que a xente que decide non vivir nas grandes cidades poida ter a oportunidade de instalarse na Estrada e facer que esta vila siga consolidándose como un lugar de oportunidades”.
UN NOVO PERÍODO CUN PROXECTO INTELIXENTE E BEN DEFINIDO
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou a “transición exemplar” da agrupación local, que pecha así a “era” do presidente saínte, José López Campos –ao que definiu como “un político modélico cunha xestión exemplar que converteu A Estrada pesimista nunha Estrada orgullosa”– e abre o período de Gonzalo Louzao. Un novo período, que, augurou, “vai durar moitos anos porque ten un proxecto intelixente e ben definido”.
López lembrou que Louzao leva só ano e medio ao fronte da alcaldía, “aínda que parecen vinte polo seu aplomo e capacidade de traballo”. Unhas virtudes que, na súa opinión, non só quedan acreditadas neste tempo á fronte do Concello, senón que tamén “van beneficiar agora ao PP da Estrada ao asumir a súa presidencia cun equipo unido, amplo e moi preparado”.
“Este concello é un exemplo de como facer as cousas porque fíxose fácil algo moi difícil, que é saber dar o relevo, e isto permítenos abrir hoxe dous camiños: o dunha Presidencia forte para o partido e o dunha Alcaldía, a maior beneficio de todos os estradenses, para moitos anos”, rematou o presidente provincial.