Moisés Rodríguez Pérez, novo deputado do Grupo Popular en substitución de María Deza

Moisés Rodríguez Pérez é o novo deputado do Grupo Popular pola provincia de Pontevedra, substituíndo á recién nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza.

Nacido en Tui, Moisés Rodríguez foi deputado autonómico na X e XI Lexislaturas, sendo presidente e voceiro do Grupo Popular na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo.

Coordinador parlamentario do PPdeG desde 2022, na actualidade era asesor do Gabinete da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Moisés Rodríguez foi concelleiro de Tui, municipio do que foi alcalde entre os anos 2011 e 2015. Tamén foi deputado provincial entre 2013 e 2015.

O Grupo Popular amosa o compromiso do Goberno galego de dotar de xeriatras a todas as áreas sanitarias de Galicia

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, amosou hoxe no Pleno do Parlamento o compromiso do Goberno galego de dotar de xeriatras a todas as áreas sanitarias de Galicia, “para o que necesitamos máis profesionais destas especialidade e, por iso, a Consellería de Sanidade leva tempo traballando nesa dirección”.

Encarna Amigo avogou por “seguir avanzando con rigor, fortalecendo os equipos existentes, incorporando xeriatras de forma progresiva e avaliando a creación de novas unidades cando existan recursos humanos suficientes e o contexto asistencial o aconselle”.

Neste sentido, lembrou que “o envellecemento da poboación require adaptar os servizos, reforzar a coordinación entre niveis asistenciais e incorporar o coñecemento específico dos profesionais de xeriatría”. “O Servizo Galego de Saúde non improvisa, planifica e adapta continuamente a súa rede asistencial á realidade poboacional”, manifestou a portavoz popular, quen incidiu que a xeriatría “é unha disciplina que achega unha visión integral da persoa maior, que axuda a priorizar tratamentos, evitar ingresos innecesarios e mellorar a calidade de vida”.

SITUACIÓN EN OURENSE

Amigo insistiu que “Galicia necesita máis profesionais de xeriatría” e destacou que a Consellería xa leva tempo traballando nesa dirección. En concreto, lembrou que na última convocatoria MIR ofrecéronse o 100 por cento das prazas de formación en xeriatría e tamén o 100 por cento en enfermería xeriátrica, unha situación que derivou en que na actualidade Galicia conte con 14 residentes formándose no sistema sanitario.

Respecto da situación na provincia de Ourense, a portavoz popular explicou que “é a área sanitaria con máis centros de saúde de toda Galicia, conta con sete equipos de soporte de atención domiciliaria, con servizos de hospitalización a domicilio en Verín Valdeorras e Ourense, e cunha rede de medicina interna que integra atención a pacientes crónicos, complexos e fráxiles”.

“Ourense é un área prioritaria, con programas de seguimento domiciliario pioneiros, con atención próxima e humana, e con profesionais extraordinarios que dan resposta diaria ás necesidades da súa poboación maior”, asegurou Encarna Amigo, quen anotou que “o reto demográfico é enorme, pero tamén é unha oportunidade para facer de Galicia un referente na atención ao envellecemento”.

Paula Prado participa na reunión de alcaldes e portavoces do partido na comarca da Montaña lucense

Os deputados do Grupo Provincial Popular puxeron fin ás xuntanzas cos alcaldes e voceiros do PP de todos os concellos da provincia cos representantes dos municipios da Montaña, unha reunión na que quedou clara unha mensaxe: “manteremos a presión sobre o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo de todas as formas posibles ata acadar un trato igualitario para todos os lucenses, independentemente do municipio no que vivan”.

Nesta xuntanza, ademais dos deputados Antonio Ameijide, José Pardo, Francisco Balado e Jesús Núñez, tamén estiveron presentes a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e representantes de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín e Triacastela.

Todos os representantes dos concellos presentes destacaron “a gran necesidade” de que a Deputación de Lugo “colabore de forma igualitaria” con todos os municipios da provincia porque “o que están a facer PSOE e BNG dende o goberno provincial é dar cartos ilimitados aos seus afíns, afogando e case asfixiando a máis da metade de veciños da provincia e aumentando as desigualdades entre concellos”.

Deste xeito, os deputados populares adquiriron o compromiso de “incrementar a presión” sobre o goberno de José Tomé “ata acadar unha igualdade real”. “Non dicimos que a colaboración que están a realizar cos concellos que eles deciden non se faga, o que defendemos é que se colabore con todos os municipios porque todos teñen necesidades semellantes e recursos, tanto económicos como humanos, moi limitados”, afirmaron.

APOIO DA SECRETARIA XERAL DO PPDEG

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, agradeceu o traballo que “están a realizar todos os representantes do PP nos diferentes concellos” e afirmou que “o traballo que están a realizar nos seus municipios, a pesar de todos os atrancos que poñen dende o goberno da Deputación de Lugo está a ser bo”, polo que os convidou “a seguir traballando para recuperar en dous anos o goberno da Deputación de Lugo e así acadar a igualdade que PSOE e BNG negan a todos os lucenses”.

MANTEMENTO DAS ESTRADAS E ATENCIÓN DAS COMPETENCIAS

Outra das reclamacións realizadas polos representantes do PP nos concellos da zona sur foi o estado de mantemento da rede viaria provincial. “O mantemento é mínimo ou nulo na maioría dos concellos” o que dá lugar a que as vías de titularidade da Deputación sexan “perigosas” a pesar de que son estradas que teñen que vertebrar a comunicación entre os municipios.

Os deputados populares recordan que a rede viaria provincial “é a máis extensa de España e é unha realidade grazas a gobernos do PP á fronte da Deputación que a crearon con moitos menos medios dos que dispoñen PSOE e BNG para o seu mantemento” e que “os dous plans anunciados por José Tomé non foron máis que parches que nada solucionaron xa que os problemas seguen latentes, enquistándose cada día máis”.

Ademais, a colaboración cos Concellos “é outro debe no haber do goberno de PSOE e BNG” que se nega a colaborar en competencias propias, como a recollida de animais ou o ciclo da auga.

O PPdeG celebra o avance no Congreso do debate sobre o traspaso da AP-9 a Galicia despois da “insistencia ata a saciedade” dos populares

O PPdeG celebra o paso adiante que deu hoxe no Congreso dos Deputados a proposición de lei orgánica para a transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 a Galicia, despois da “enorme presión” e a “insistencia ata a saciedade” dos populares galegos.

Despois de 60 prórrogas —45 nesta lexislatura—, a Mesa do Congreso acordou pechar o prazo de presentación de emendas ao articulado por parte dos grupos parlamentarios, que se coñecerán mañá. En total, foron case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 dera inicio a tramitación desta proposición.

“Desde o PPdeG celebramos este avance, e queremos deixar claro que este paso foi posible grazas á enorme presión exercida desde o primeiro día polo noso partido, tanto no Congreso como noutras institucións. Insistimos ata a saciedade para que se puxera fin ao que consideramos un auténtico atropelo democrático”, expresou hoxe, en declaracións remitidas aos medios, o deputado galego do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.

Delgado lamenta o tempo perdido por “un boicot orquestrado” polo Goberno de Pedro Sánchez e de Óscar Puente, coa colaboración do PSOE e Sumar e coa condescendencia do BNG. “Foi a presión exercida a que obrigou ao Excutivo central a dar este paso”, engadiu sobre a transferencia da autoestrada á nosa Comunidade, que foi demandada catro veces de forma unánime polo Parlamento autonómico.

“É imprescindible que a, partir de agora, a tramitación desta iniciativa non volva ser adiada polo Goberno de Sánchez nin polos grupos que o sustentan. É fundamental actuar con dilixencia. Desde o PPdeG manterémonos vixiantes e esixentes, ata lograr o que todos ansiamos desde o primeiro día: que a proposición de lei orgánica se tramite e que a AP-9 sexa finalmente transferida a Galicia”, rematan os populares.

O Partido Popular non emitiu ningunha emenda ao articulado, respectando o texto unánime do Parlamento de Galicia.

O Grupo Popular avoga por intensificar a coordinación entre Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia para mellorar a resposta ante emerxencias e episodios de contaminación

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, avogou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia por “intensificar a coordinación entre Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, un servizo exemplar e singular en toda España, para mellorar aínda máis a resposta ante emerxencias e episodios de contaminación”. “Galicia non renuncia a máis autogoberno, pero quere transferencias reais, útiles e exercibles, como é o caso da reclamación da AP-9, bloqueada no Congreso con máis de 50 prórrogas do prazo de emendas, ou o traspaso de aeródromos e permisos de traballo”, concretou.

No debate da proposición de lei do BNG sobre a transferencia de competencias á Comunidade galega en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, Miguel Fidalgo asegurou que este traspaso “non melloraría nada o xa existente, non é viable e non responde ao interese real de Galicia”.

LÍMITES CONSTITUCIONAIS, INTERNACIONAIS E OPERATIVOS

Neste sentido, lembrou que esta demanda xa se debateu no Parlamento galego no 2003, no 2010, no 2014 e no 2019, “sempre coa mesma formulación, os mesmos argumentos e a mesma desconexión coa realidade legal e operativa”. “Se esta transferencia non se fixo en Galicia nin en ningunha outra comunidade autónoma non é por falta de vontade política, é porque o salvamento marítimo ten límites constitucionais, internacionais e operativos moi claros”, sinalou.

“Cando propoñen crear novas estruturas, duplicar administracións e fragmentar a coordinación non están mellorando nada, máis ben poñendo en risco un sistema que funciona”, afirmou o portavoz popular, quen subliñou que “cando hai unha emerxencia no mar, o que importa non é quen ten a competencia escrita nun DOG ou nun BOE, senón quen chega antes e salva vidas”.

Miguel Fidalgo lembrou que Galicia foi pioneira no salvamento marítimo en España coa creación en 1990 do Servizo de Gardacostas de Galicia, antes de que existise desde 1992 o SASEMAR a nivel estatal. “Fomos a primeira comunidade con centro de coordinación autonómico, con embarcacións e helicópteros propios, e hoxe o Servizo de Gardacostas é referencia nacional e internacional, con capacidade de resposta inmediata e coordinación exemplar, operando as 24 horas os 365 días do ano”, dixo.

Por último, o portavoz popular incidiu que “ningunha comunidade autónoma en España ten transferida a competencia en materia de salvamento marítimo e loita contar a contaminación mariña, non por falta de ambición política, senón porque non é viable”. Así, explicou que “o que hai en Euskadi é un principio de acordo que non supón unha transferencia plena da competencia, porque esta comunidade autónoma só asumiría a xestión operativa en augas interiores”. “Non se transfire bens nin persoal, e o Estado mantén todo o esencial: lexislar, coordinar a resposta nacional, aprobar o plan de salvamento e controlar o tráfico marítimo”, indicou.