Rueda asegura que o Goberno galego fixo e seguirá facendo nos Orzamentos un “esforzo especial” pola provincia de Lugo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que o Goberno da Xunta de Galicia fixo este ano nos Orzamentos un “esforzo importante e especial” pola provincia de Lugo e avoga por seguilo facendo, para “acabar as infraestruturas que están empezadas, atender sectores que aquí son fundamentais como o agro e o mar ou prestar servizos sociais”.

Así o manifestou este mediodía ante os máis de 700 asistentes á tradicional pulpada de San Froilán organizada polo PP da provincia de Lugo, acompañado da presidenta provincial e portavoz local, Elena Candia.

Entre outros investimentos, Rueda salientou o plan de choque dotado con 90 millóns de euros para reducir a lista de espera na valoración da dependencia, pero lamentou que o Goberno central queira paralizar este avance e recorrera ante o Tribunal Constitucional a nova regulación autonómica. “Sánchez non é capaz de aprobar uns Presupostos, pero si de estar pendente de criticar que sexamos rápidos nas valoracións, algo que a xente nos pide”, sinalou.

Fronte a isto, dixo o presidente, “non hai outra receita que seguir unidos, defendendo aquilo no que cremos e que pensamos que fai progresar o país”, ademais de “seguir dicindo que non estamos de acordo con todo o que pasa en España”.

Así mesmo, sobre os socialistas lamentou que o líder do PSOE galego, Xosé Ramón Gómez Besteiro, “estivo dicindo que Lugo era a provincia peor tratada nos Orzamentos, pero dixo o mesmo de Ourense, A Coruña e Pontevedra”. “Non conta a verdade en ningún sitio”, resumiu Rueda.

Dirixíndose aos presentes e falando da posibilidade dunha convocatoria de eleccións xerais, pediulles estar “preparados” e “unidos” para “estar fortes como partido” e “para darlle todo o impulso a quen ten que cambiar todo o que está pasando en España: Alberto Núñez Feijóo”.

“Poderémolo conseguir se contamos con Lugo, a provincia que sempre lle dá ao Partido Popular os mellores resultados de España. Hai que dicirlle aos que prefiren comer chistorras que aquí en Lugo teñen moi pouco sitio para pasalo ben”, ironizou o líder dos populares galegos, que enxalzou o “equipazo” do PP provincial.

Por último, fixo dous recoñecementos: por unha banda, a Elena Candia, á que pediu seguir sendo a mesma que “non dá un balón por perdido” e, por outro lado, tanto aos profesionais como á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, polo seu traballo durante os lumes do pasado verán.

CANDIA: “DEPENDEMOS DE NÓS MESMOS PARA LOGRAR O CAMBIO POLÍTICO QUE O CONCELLO E A DEPUTACIÓN PRECISAN”

Pola súa parte, a presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, subliñou durante a súa intervención que “dependemos de nós mesmos para lograr o cambio político que o Concello e a Deputación precisan”.

Candia tamén lembrou que “temos demostrado que somos a forza política que ten capacidade para chegar a acordos” e tamén que “sabe xestionar, resolvendo problemas e liderando proxectos”. Nese sentido, remarcou que “a Xunta de Galicia é a única administración que goberna para todos” e puntualizou que “volve situar a Lugo como a provincia con máis investimento por habitante” (5.754 M€).

“En fronte temos un PSOE sen liderado, pouco empático e centrado no seu revanchismo sectario”, segundo asegurou a dirixente provincial, e “un BNG radicalizado que practica o caciquismo e cuestionable na xestión”.

En relación ao Goberno central insistiu, unha vez máis, en que “o Executivo de Sánchez, coa complicidade do PSOE e o BNG, castiga aos lucenses sen infraestruturas, sen orzamentos e impedindo o desenvolvemento industrial do noso territorio”. Polo tanto, “é o momento de erguerse con forza para facer que marchen das institucións que gobernan, pero para o que nunca gañaron”.

Para rematar, Candia tamén tivo palabras de agradecemento para os asistentes “por achegarse a compartir esta xornada todos xuntos”.

Alfonso Rueda destaca a Feira L de Lugo como “un exemplo fantástico do potencial gastronómico e económico da provincia”

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a quinta edición da Feira L de Lugo, unha cita gastronómica que se celebra no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e que reúne o mellor da distribución, a hostalaría e a restauración da comunidade.

Durante o seu percorrido polos distintos stands e actividades do evento, Rueda cualificou a feira como “fantástica” e puxo en valor o seu papel como escaparate da calidade e da innovación do sector alimentario galego. “Para comer, Lugo, sen ningunha dúbida”, asegurou o presidente popular durante a posterior tradicional pulpada organizada polo PP de Lugo.

Nas súas redes sociais, Rueda expresou tamén a súa satisfacción por participar nun encontro que, segundo destacou, “reúne o mellor da distribución, a hostalaría e a restauración. Un sector esencial que xera emprego, dinamiza a economía e promove o produto galego e a Galicia Calidade”.

O PPdeG pedirá explicacións ao Goberno central o martes no Congreso sobre a gratuidade e transferencia a Galicia da AP-9

O Partido Popular de Galicia vai pedir explicacións ao Goberno central, este martes no Congreso, sobre as posibilidades da gratuidade a transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia.

Será durante a Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, na que está previsto que o deputado Celso Delgado formule unha pregunta ao Executivo de Sánchez.

Delgado cuestionará se o Goberno “ten vontade de iniciar a tramitación do rescate da concesión e liberalización da peaxe da AP-9 por ser esta a alternativa máis vantaxosa para o interese público” e aproveitará tamén para xulgar as “decepcionantes” emendas á proposición de lei orgánica de traspaso da autoestrada presentadas esta semana polo PSOE.

“Dixemos que nos iamos manter vixiantes e esixentes, e seguimos cumpríndoo, ata lograr o que todos ansiamos desde o primeiro día: unha AP-9 galega e sen peaxes”, expresa o deputado do PPdeG e vicepresidente segundo da devandita Comisión.

Despois de case seis anos de espera e máis de 60 bloqueos no Congreso, os populares non entenden que o PSOE “se rebele ante a decisión unánime do Parlamento de Galicia e ante o desexo dos galegos”.

“Este martes ímoslle dicir á cara ao Goberno de Sánchez que as súas intencións de paralizar a transferencia non son as correctas e que non poden tratar de volver a enganarnos. Teñen que recapacitar”, sinala Delgado, que tamén lle pide ao BNG “menos vitimismo” cando “son socios de Sánchez” e “ata a semana pasada lanzaban mensaxes triunfalistas”.