O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno de España que estableza os postos da Garda Civil de Vimianzo e Corcubión como principais na provincia da Coruña

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que estableza os postos de Vimianzo e Corcubión como postos principais da Garda Civil na provincia da Coruña, có fin de que se poidan dotar dun maior número de efectivos e se poida mellorar a seguridade costeira, reforzar a loita contra o narcotráfico e garantir o cumprimento das competencias que a Garda Civil ten en zonas rurais e costeiras.

Así mesmo, pídese que se modernicen e reforcen os medios materiais e tecnolóxicos da Garda Civil na provincia da Coruña, e moi especialmente na comarca da Costa da Morte, dotando aos postos da Garda Civil de embarcacións máis potentes e manobrables, equipadas coa tecnoloxía necesaria para interceptar narcolanchas e garantir a eficacia das operacións no litoral galego.

A deputada popular Paula Mouzo demandou “unha resposta contundente a un dos grandes problemas que ten a sociedade actual”, porque manifestou que “os clans da droga coidan do seu entramado, teñen embarcacións modernas e actualizan as súas estratexias continuamente, ante o que nós temos que pelexar pola seguridade dos novos veciños, pola saúde da nosa mocidade e polo cumprimento da lei”.

RESPOSTAS CONTUNDENTES

“Aínda que o Goberno central siga xordo e responda con notas de prensa pero sen medidas, o incremento das actividades ilícitas están pedindo respostas contundentes”, sinalou Paula Mouzo, quen lamentou que “na Costa da Morte estamos peor ca antes”.

Neste sentido, lembrou que “hai uns anos todos os días había dúas patrullas de vixilancia operativas, unha na comarca de Fisterra e outra na comarca de Soneira, e agora só hai unha para atender a toda a zona”. A esta situación engadiu que os cuarteis están baixo mínimos, hai vehículos que non compren coas funcións necesarias e, incluso, carecen de visores nocturnos.

Paula Mouzo solicitou ao Ministerio do Interior que “esperte e faga unha revisión integral dos medios persoais e materiais que se necesitan”, porque “necesitamos unha acción contundente, sen esquecer que moita droga entra pola costa, pero circula polo interior dos nosos pobos e cidades, polo que temos que contar cunha estrutura o suficientemente forte para plantar batalla en todos os lugares”.

Por outra banda, no debate sobre unha iniciativa sobre a operatividade do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia, o Grupo Popular apoiou demandar ao Goberno de España que licite os contratos necesarios para renovar a flota de embarcacións deste servizo en Galicia, así como a creación dunha base marítima permanente e unha unidade de investigación terrestre na Costa da Morte.

O Parlamento de Galicia reitera ao Goberno de España que as axudas que reciben os deportistas de alto nivel estean exentas de tributar no IRPF

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se reitera a demanda ao Goberno de España para que modifique a Lei reguladora do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e dos Impostos sobre Sociedades, sobre a Renda de non Residentes e sobre o Patrimonio, ao fin de recoller entre as súas exencións as axudas de contido económico aos deportistas de alto nivel que sexan outorgadas polas administracións autonómicas.

O deputado popular Raúl Santamaría lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “fixera caso omiso á proposición non de lei que aprobamos en setembro de 2024, coa única abstención do PSdeG, a través da que se pedía a modificación da Lei do IRPF e do Imposto de Sociedades para eximir de tributación as axudas económicas que as comunidades autónomas conceden aos deportistas de alto nivel”.

GALICIA FIXO OS DEBERES

“É inxusto e discriminatorio que un deportista galego que recibe unha axuda da Xunta teña que tributar por ela como se fose un ingreso calquera, mentres outros deportistas, en circunstancias semellantes, reciben outro trato”, sinalou o deputado popular, quen anotou que “non pedimos privilexios, senón igualdade, coherencia e respecto polo esforzo e polo mérito”.

Raúl Santamaría destacou que Galicia “xa fixo os deberes neste eido e estableceu por lei unha dedución autonómica no IRPF polas axudas e subvencións concedidas aos deportistas de alto nivel”. “Porque estamos a falar de 524 persoas, entre deportistas, adestradores, técnicos, árbitros e xuíces de alto nivel, que representan o mellor da nosa sociedade: esforzo, disciplina, talento e superación”, incidiu.

Ademais, o deputado popular asegurou que esta iniciativa “tamén é unha defensa do autogoberno galego, das competencias que o noso Estatuto nos outorga en materia deportiva, porque Galicia exerce as súas competencias con responsabilidade, pero hai ámbitos, como o fiscal, onde se precisa que o Goberno central mova ficha”.