Alberto Pazos considera “inasumible e intolerable” que a Universidade de A Coruña manteña oculta a bandeira española na entrada ao reitorado

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, considerou hoxe “inasumible e intolerable” que a Universidade de A Coruña manteña hoxe a ocultación da bandeira española na entrada ao rectorado, polo que pediu “unha rectificación inmediata porque é unha cuestión de sensibilidade e se está cometendo un grave ataque ao respecto institucional”.

Acompañado de concelleiros do PP en A Coruña, Alberto Pazos manifestou que “se onte denunciábamos un feito que podía ter sido un erro puntual, que hoxe se manteña esa situación non indica outra cousas que é unha acción premeditada, que busca a confrontación, e unha utilización parcial e partidista dun espazo que debería representar a todos como é a Universidade de A Coruña”.

SENTIDO COMÚN

Deste xeito, fixo un chamamento “ao sentido común e a facer unha rectificación inmediata dunha situación que non desexa ninguén”, porque considerou que “unha institución que ten agora mesmo 13 millóns de euros en débedas ten problemas dabondo para que os seus máximos representantes intenten buscar conflitos novos”. “É necesario recuperar a cordura e rectificar, cesar nesta actitude de ocultar unha bandeira que nos representa a todos e non permitir que ocupe o seu espazo xunto ao resto de símbolos”, subliñou.

“Se alguén decide ondear unha bandeira e ocultar outras é evidente que está introducindo un sesgo que non coresponde co institucional”, indicou o portavoz popular, quen avogou por evitar “polémicas estériles e poñer solución a unha cuestión que é ben sinxela de solventar”.

TRANSFERENCIA AP9 E ESTUDO SOBRE O SEU CUSTO

Por outra banda, Alberto Pazos anunciou que o Grupo Popular levará ao Pleno da vindeira semana unha iniciativa para que o Grupo Socialista no Congreso retire as emendas presentadas á proposición de lei solicitando a transferencia da AP-9 á Comunidade galega, que “desvirtúan por completo o acordo unánime que saiu do Parlamento galego porque simplemente ofrecen unha coxestión desta autoestrada, condicionada ademais a que Galicia cofinancie unha serie de medidas que son competencia en exclusiva do Estado”.

“Ademais, como o único estudo que existe na actualidade sobre o custo do rescate e as bonificacións da AP-9 é o realizado pola Xunta, que sorprendentemente o Goberno de Pedro Sánchez nega a súa validez amparándose cada día nunha escusa nova e facilitando cada día un cálculo distinto do que suporía ese rescate, pedimos que o Goberno central elabore un estudo serio para coñecer cal é o custo de rescate da autovía”, sinalou o portavoz popular, quen recordou que o informe elaborado polo Goberno galego sinala que en termos económicos o custo do rescate e das bonificacións da AP-9 ata o remate da concesión é practicamente idéntico.

O Parlamento de Galicia demanda medidas que garantan o equilibrio e a convivencia entre a protección do lobo e as necesidades dos gandeiros

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable nin de BNG nin de PsdeG, a través da que se insta á Xunta de Galicia a defender, ante as instancias que sexan precisas, incluído os recursos pertinentes ante a Xustiza, o equilibrio e a convivencia entre a protección do lobo e as necesidades dos gandeiros, así como seguir defendendo as accións de control sobre esta especie tendo en conta o estado favorable das súas poboacións.

A deputada popular Cristina Campero asegurou que “non se trata de criminalizar ao lobo, pero tampouco de idealizalo como se o rural fose un decorado para documentais”. Neste sentido, lembrou que a situación actual en Galicia é que existen 93 mandas de lobos, que ocupan máis do 90 por cento do territorio, os avisos por ataques aumentaron un 77 por cento desde 2021 e só no ano 2024 se rexistraron máis de 2.800 reses mortas por ataques deste animal.

IMPOSIBILIDADE DE AUTORIZAR MEDIDAS DE CONTROL

“A Xunta respecta pero lamenta profundamente a imposibilidade actual de autorizar medidas de control sobre o lobo ante danos recorrentes e acreditados no gando”, manifestou a deputada popular, quen indicou que o Goberno galego “xa prepara o recurso fronte á decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con argumentos sólidos e base científica: primeiro, o cambio normativo producido nos últimos meses que exclúe ao lobo das medidas de xestión por ser unha especie especialmente protexida; dos datos recentes, veraces e técnico-científicos qeu acreditan que o estado de conservación do logo en Galicia é favorable; e o último censo elaborado pola Xunta, que confirma que na actualidade hai 93 mandas fronte ás 90 que existían en 2015”.

Cristina Campero criticou que “o Goberno de España debe 12 millóns de euros a Galicia para apoiar aos nosos gandeiros polos danos causados polo lobo, unha débeda que contrasta cos máis de 31 millóns de euros que a Xunta leva mobilizados desde 2016 en axudas para a prevención e conservación dos danos causados pola fauna silvestre nas explotacións agrogandeiras galegas”.

“O que pedimos é simple: que se cumpra o procedemento e que se nos deixe traballar con sentido común, garantindo o equilibrio entre conservación e supervivencia do rural galego”, sinalou a deputada popular. En concreto, avogou por “facer accións de control proporcionadas, baseadas en datos científicos e a realidade do territorio, porque hai que protexer o lobo, pero tamén hai que protexer a quen vive co lobo todos os días”.

O PPdeG contrapón a aposta do Goberno galego por facilitar o emprego autónomo fronte ás “trabas, impostos e burocracia” que impón Pedro Sánchez a este colectivo

O PPdeG destacou hoxe as “facilidades” que o Goberno de Alfonso Rueda ofrece aos autónomos galegos fronte a un Pedro Sánchez que “desprotexe” a este colectivo con “máis trabas, máis impostos e máis burocracia” e que está “máis preocupado dos seus problemas que dos traballadores”.

Así o trasladou hoxe en declaracións aos medios a secretaria xeral do partido, Paula Prado, logo de visitar o negocio dunha traballadora autónoma na cidade de Vigo e antes de reunirse coa Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) de Galicia. Fíxoo acompañada pola Comisión de Emprego do PPdeG e xunto ao responsable de Emprego do Goberno galego, José González, a secretaria provincial do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, e o coordinador de Emprego do PPdeG, Pablo Fernández López.

A número dous dos populares galegos puxo a Ana Rocha, propietaria da Herboristería LavandaBio, como exemplo da “valentía” de todos eses traballadores autónomos que “arriscan os seus cartos e tempo para xerar riqueza e oportunidades en Galicia” e “non merecen que o Goberno de España diga que vería beneficioso que cada vez houbera menos autónomos”.

Fronte a este “desprezo” cara o traballo dos autónomos, Paula Prado reafirmou o compromiso do Goberno de Alfonso Rueda á hora de ofrecer “facilidades” a todo aquel que queira emprender, e especialmente no caso dos mozos e mozas que queiran iniciarse como autónomos en Galicia.

Nesta liña, puxo en valor o plan que o presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta semana co obxectivo de que os autónomos –algo máis de 210.000 en Galicia– “non se sintan desprotexidos polo Goberno do Estado”.

“Pedro Sánchez está tan ocupado en tapar os seus problemas políticos e a corrupción do seu partido que non lle queda tempo para pensar nos traballadores”, concluíu Prado ao fío da comparecencia do presidente onte no Senado.

Unha comparecencia que, na súa opinión, só serviu para constatar “o desprezo do sanchismo ás institucións democráticas, aos grupos políticos da oposición e ao traballo dunha Comisión que está investigando cuestións gravísimas”. Unha actitude da que fixo ademais cómplice ao alcalde socialista de Vigo, ao que acusou de ser “o máximo defensor do sanchismo e da súa deriva”.

O PESO DOS TRABALLADORES AUTÓNOMOS NAS AFILIACIÓNS GALEGAS

O responsable de Emprego no Goberno galego, José González, destacou que Galicia é a segunda comunidade con maior peso dos traballadores autónomos nas afiliacións, con arredor dun 20% (19,21%), preto de catro puntos por riba da media nacional (15,79%). Fronte aos atrancos do Goberno central, reafirmou o compromiso da Xunta no marco do Diálogo Social e como Administración facilitadora, confirmando en 2026 a orde única de axudas (preto de 41 M€), coa previsión de beneficiar unhas 9.000 persoas e negocios do colectivo autónomo.

Así, fixo fincapé en que se volverán aglutinar o Programa de promoción do emprego autónomo (máis de 28,9 M€), que consta de dúas liñas: unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade. Nese senso, destacou como novidade que esta cota cero se estenderá ata os 24 meses para quen se inicie en calquera sector asociado á agricultura, á gandaría e á silvicultura.

A maiores, a orde única inclúe o Bono Autónomo (8 M€), para consolidar negocios con polo menos 42 meses de actividade; o programa Nova Oportunidade (1,5 M€), para apoiar a quen volva emprender; o Bono Remuda (que se incrementa nun 20%, ata os 1,5 M€), para garantir a remuda xeracional; e o Bono Autónomo Concilia (750.000 €), con tres liñas diferentes.

José González salientou que a estas achegas engádense 1,7 M€ para a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador por parte de autónomos. Todas estas convocatorias, segundo lembrou, enmárcanse na Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, que contará no 2026 cun orzamento superior aos 2 M€.

UN PSOE QUE “NON SE CANSA DE RECADAR”

Pola súa banda, a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, reivindicou o papel das administracións locais á hora de favorecer a actividade dos autónomos. Unha disposición que contrasta coas “trabas impositivas” do Concello de Vigo, que encareceu o Imposto de Actividades Económicas un 4% nos dous últimos anos e volverá incrementalo nese mesma porcentaxe en 2026.

Tamén mencionou o “taxazo” aplicado no recibo do lixo “non só ás familias senón tamén ao sector servizos, composto por moitos autónomos”. Ao fío, lembrou que Vigo é a cidade coa tarifa de auga máis cara de Galicia, o cal tamén afecta a traballadores por conta propia ou microempresas.

Ademais, Luisa Sánchez lamentou a ausencia de campañas de apoio e de medidas que incentiven o consumo no comercio local promovidas desde o goberno municipal, aspecto abandonado polo alcalde de Vigo.

“Ao final, vemos que hai un partido, que é o Partido Popular, que fai a vida máis fácil aos autónomos e aos pequenos negocios; e outro partido, que é o PSOE, que non se cansa de recadar, xa sexa desde o Goberno de España ou desde os gobernos locais”, sinalou Luisa Sánchez.