Alfonso Rueda anima a Carlos Viéitez a seguir poñendo Meaño “por riba de todo” para consolidar “con paso firme” o avance deste concello

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, animou hoxe ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, e a todo o seu equipo a seguir poñendo aos veciños “por riba de todo” e así consolidar “con paso firme” o avance experimentado por este concello ao longo dos últimos tempos.

Este mediodía o líder dos populares galegos sumouse á celebración do Magosto do PP local xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e quixo aproveitar para poñer en valor o traballo feito pola agrupación local. “Mentres haxa alcaldes como Carlos Viéitez e equipos de goberno como o que leva o Concello de Meaño, o Goberno galego estará á altura e disposto a colaborar”, subliñou.

Rueda comprometeuse así a seguir apoiando os moitos proxectos que quedan por facer neste concello do Salnés e animou ao partido local e comarcal a seguir facendo “o mellor que sabe facer” o Partido Popular: “Pouco ruído, moita xestión e aínda máis compromiso coa xente”.

O PPdeG reivindica o seu “proxecto de futuro” para Galicia fronte á corrupción e a falta de xestión de PSOE e BNG

O PPdeG reivindicou hoxe o seu “proxecto de futuro” para Galicia a través duns Orzamentos pensados para mellorar os servizos públicos e que contrastan coa corrupción, a falta de xestión e as liortas de PSOE e o BNG.

Así o manifestou a secretaria xeral Paula Prado en declaracións aos medios antes de participar no Magosto do PP de Lalín, ao que asistiron máis de 1.000 persoas e no que tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, varios responsables do Goberno galego como Román Rodríguez e Ánxeles Vázquez e o alcalde José Crespo, entre outros.

“A estabilidade, o sentidiño e a xestión que caracterizan a Galicia permítennos aprobar os nosos Orzamentos ano a ano e, grazas a iso, contar cunha mellor sanidade, unha mellor educación ou mellores servizos de dependencia en Lalín e no resto de Galicia”, explicou a número dous dos populares galegos ao respecto dunhas contas que seguen avanzando na súa tramitación e que serán as décimo sétimas “aprobadas en tempo e forma” de xeito consecutivo.

En contraposición, recordou que o Goberno de Pedro Sánchez segue guiándose por uns Presupostos Xerais do Estado aprobados en 2022. Algo que, na súa opinión, fai “imposible” atender as necesidades de mellora constante dos servizos públicos.

Unha falta de xestión e un desleixo coas necesidades do territorio das que puxo como exemplo a Lei de Mobilidade coa que o Goberno central, coa “complicidade” do BNG, pretendía suprimir as paradas de bus estatais de 22 concellos galegos e unha delas en Lalín. “Por sorte e grazas ao traballo dos nosos deputados e senadores a través das emendas que foron aprobadas esta semana, o PP evitou que esas paradas se suprimiran”, apuntou.

“Menos mal que en Galicia, como en Lalín, goberna un partido que fala de futuro, de proxectos e de prosperidade e non de corrupción e pelexas”, concluíu a secretaria xeral dos populares galegos.

“ANA PONTÓN FOI A ARXENTINA A AVALAR A CORRUPCIÓN”

Paula Prado tamén aproveitou á ocasión para referirse á viaxe que Ana Pontón realizou a Arxentina e na que se reuniu con Cristina Fernández de Kirchner, condenada a arresto domiciliario por delitos de corrupción e inhabilitada para exercer cargos públicos.

“Ana Pontón foi alí a avalar a corrupción e a criticar aos xuíces”, asegurou sobre este asunto ao tempo que confirmaba que “o modelo do BNG non pode estar máis afastado do modelo de sentidiño da maioría dos galegos e galegas”.

O “MÚSCULO FORTE” DO PP NA COMARCA DO DEZA

Pola súa banda, o alcalde José Crespo puxo en valor a asistencia de máis dun milleiro de persoas ao acto celebrado por primeira vez no Lalín Arena –debido á gran afluencia– na medida en que “isto demostra que o músculo do PP de Lalín e de toda a comarca do Deza está forte”.

O obxectivo do partido na xornada de hoxe é, segundo explicou, facer partícipe á militancia do proxecto que o PP ten para Lalín: “Aínda nos queda camiño por percorrer, pero sen un partido como este sería difícil conseguir todos os obxectivos que temos marcados e que se están conseguindo pouco a pouco”.

O PPdeG salienta que a Xunta investirá 2 millóns de euros en 2026 na mellora da base de medios aéreos de Antela, no concello de Sandiás

Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero e Miguel Ángel Viso salientaron hoxe que a Xunta destinará o vindeiro ano dous millóns de euros na mellora da base de medios aéreos de Antela, no concello de Sandiás, unha infraestrutura considerada estratéxica na loita contra os incendios forestais e na prevención dos lumes que afectan á provincia de Ourense.

Durante a visita a Antela, Cristina Campero e Miguel Ángel Viso destacaron que a Xunta destinará o vindeiro ano máis de 9 millóns de euros á mellora e creación de novas bases aéreas e infraestruturas de extinción. En concreto, a base de Antela pasará a dispoñer de novas instalacións e mellores capacidades operativas para avións e helicópteros de carga en terra.

INVESTIR EN SEGURIDADE

“Esta é unha mostra máis do compromiso real da Xunta coa provincia de Ourense e coa protección do noso medio natural”, indicou Cristina Campero, que anotou que “previr é a mellor forma de combater o lume, e investir en infraestruturas como esta é investir na seguridade e no futuro das nosas comarcas”.

Pola súa banda, Miguel Ángel Viso manifestou que a mellora da base de Antela “supón reforzar un punto neurálxico do dispositivo galego de loita contra os incendios, cun impacto directo na capacidade de resposta e coordinación en toda a provincia”.

O aeródromo de Antela é unha das bases máis relevantes no dispositivo galego de defensa contra incendios, pola súa situación no corazón da Limia e pola cobertura que ofrece a amplas zonas do sur e leste de Ourense. A súa modernización permitirá optimizar a capacidade de operacións dos medios aéreos, reducindo tempos de resposta e incrementando a eficacia das intervencións.

Deputados, alcaldes e voceiros do PP do Baixo Miño denuncian que o Goberno central sigue se facer nada para mellorar a situación do río Miño

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña, Felisa Rodríguez e Manuel Santos, acompañados da deputada no Congreso, Irene Garrido, e alcaldes e portavoces do PP do Baixo Miño, denunciaron hoxe que o Goberno central “siga sen facer absolutamente nada para mellorar a situación do río Miño e nin tan sequera a ministra para a Transición Ecolóxica tivo a ben atender a solicitude para manter unha reunión na que abordar a preocupante situación ambiental do río”.

Deputados, alcaldes e voceiros do PP nesta comarca volveron reiterar a súa demanda para que o Goberno central actúe urxentemente no treito internacional da conca do río Miño, que padece unha situación crítica a consecuencia da falta de control do caudal ecolóxico; a proliferación de especies invasoras; o incremento da sedimentación do leito fluvial, a consecuencia da prohibición de realizar un dragado; ou a obsolescencia do regulamento de navegación e carencia de inspeccións adecuadas no transporte de pasaxeiros.

IGNORANDO AS PETICIÓNS

“A Xunta leva anos facendo o seu traballo e demostrando compromiso co río Miño, pero sen a implicación do Goberno central atopamos un muro de incompetencia e silencio”, lamentou Julio García Comesaña, quen criticou a postura que está a manter o BNG nesta cuestión, xa que non foi quen de apoiar nin Parlamento galego nin no Senado as propostas concretas que se levaron a estas cámaras para mellorar a situación.

Así mesmo, os alcaldes e representantes municipais do Partido Popular no Baixo Miño denunciaron que o Goberno de Pedro Sánchez “non só non fixo nada, senón que segue ignorando as peticións dunha comarca que vive e depende do río, ao tempo que se nega a reunirse para estudar a situación e valorar as intervencións necesarias que se deben acometer para mellorar a situación do río”.

García Comesaña afirmou que “seguiremos insistindo nesta denuncia ata que o Goberno de España atenda as nosas demandas para mellorar a situación que vive o Miño, un río que non pode seguir neste estado de abandono e que merece toda a atención que neste momento non ten desde o Goberno central”.